Catro percepcións erróneas sobre a lingua galega
Este pasado Nadal tiven a oportunidade de asistir a un xantar en casa duns amigos. Catro xeracións estaban alí presentes: a avoa, 98 anos, de orixe rural e falante monolingüe en galego. A nai, sesenta e tantos, procedente de periferia urbana e galegofalante habitual, aínda que bilingüe cun castelán tinguido de galego. A miña amiga, corenta acabados de cumprir, clase media urbana, castelanfalante habitual, aínda bilingüe. E as súas fillas, en idade escolar, xa monolingües en castelán e cun coñecemento residual da lingua galega.
Trátase dun feito absolutamente real que exemplifica á perfección o proceso de substitución do galego polo castelán en moitas familias nas que, en só tres ou catro xeracións, se pasou dunha lingua á outra. Ben é verdade que en moitas ocasións o cambio non foi tan drástico, e do falante monolingüe en galego se pasou a falantes bilingües cun predominio quer do galego, quer do castelán, pero sen chegar a un monolingüismo absoluto en castelán. En calquera caso moito me temo que traza o camiño que están seguindo moitas familias deste país, e que han seguir moitas outras se non se lle pon remedio.
Os meus amigos, por suposto, son bos e xenerosos, e tamén intelixentes e cultos. Preocúpalles o cambio climático e a fame do terceiro mundo e a inxustiza e as desigualdades e aspiran a un mundo mellor e máis solidario. Dóelles o feísmo urbanístico de Galicia, que os eucaliptos despracen a flora autóctona dos montes, o eterno atraso nas infraestruturas ou a frecuencia e extensión dos incendios forestais. Mesmo ven con certa preocupación como Papá Noel lle vai gañando terreo aos Reis Magos. Trátase de persoas de ben que teñen un certo compromiso co lugar no que viven porque son conscientes de que as súas fillas herdarán o que de bo ou malo eles lles deixen. E dende logo cónstame que buscan o que consideran mellor para elas e que se esforzan na súa educación.
Non parecen sentir, porén, a máis mínima preocupación pola desaparición na súa familia da lingua galega, e o feito de que as súas fillas xa non poidan expresarse no único idioma que fala a súa bisavoa non dá a impresión de que os inquiete o máis mínimo.
Seguro que non se trata dun caso illado e estou certo de que o lector coñecerá familias cun comportamento lingüístico similar. Os meus amigos non son persoas belixerantes coa lingua. Non falan habitualmente en galego, pero fano se o interlocutor insiste en manter esta lingua ou se detectan que dese xeito poden ser mellor comprendidos. Mesmo se podería dicir que a cuestión do galego atrae, de xeito difuso, as súas simpatías. A súa lingua de instalación, porén, é o castelán. Sospeito que os meus amigos, con algún engadido e algunha subtracción, representarían a boa parte desa Galicia que adoita expresarse en castelán.
Cales son as razóns polas que eles, e moitos outros coma eles, optan por este tipo de conduta? Ao meu xuízo hai algúns motivos que determinan ese comportamento e sobre os que quizais non se reflexionase o suficiente á hora de deseñar políticas que lles fagan fronte. Vexamos catro deles:
1 A percepción da lingua galega como un instrumento prescindible.
Todo o mundo adoita analizar dalgún xeito os beneficios que espera obter á hora de realizar calquera tipo de investimento, tanto económico como de esforzo ou de tempo. Os meus amigos envían as súas fillas dende ben pequenas a clases de inglés, e probablemente cando sexan algo máis vellas realizarán tamén algunha estadía nun país de fala inglesa. A aprendizaxe do inglés, máis aló do currículo escolar, supón para estes pais un importante esforzo tanto en termos económicos como de tempo, pero fano porque perciben con claridade que o dominio desta lingua poderá no futuro supor unha vantaxe competitiva para as súas fillas. Algo similar ocorre co castelán. Que pasa co galego? Pois que simplemente ou se considera por completo prescindible ou se confía de xeito vago en que a súa aprendizaxe se dará de xeito natural, por ósmose ambiental. E isto, que hai uns anos ocorría con frecuencia, xa non é unha realidade en grandes núcleos de poboación. Anos atrás moitos que fomos educados en castelán adquirimos o galego por simple necesidade, practicamente de xeito inadvertido, ás veces como unha marca máis para reafirmar o noso paso á idade adulta (o galego era, en tempos e nalgunhas zonas, patrimonio dos adultos, así como o castelán o era case en exclusiva da infancia) e outras como instrumento necesario para comunicarnos cun contorno que se expresaba de forma bastante compacta nesta lingua; e todo isto nun contexto ben máis desfavorable para a lingua e en ausencia do seu ensino escolar.
Algúns pais confían, tamén, en que o ensino oficial complete a súa falta de compromiso na transmisión da lingua, de aí a importancia que a escola supla, na medida das súas posibilidades, as inhibicións das familias neste eido. É ben certo que o coñecemento do galego non garante necesariamente o seu uso, pero dende logo a súa ignorancia si que asegura o seu desuso.
Do mesmo xeito que o inglés ou o castelán son percibidos como linguas que achegan vantaxes e pluses, os beneficios do galego pasan desapercibidos. E non só iso, senón que en moitos casos a lingua galega é considerada como un elemento perturbador, como unha interferencia na consecución dun axeitado dominio das outras. Como se saber galego fose un impedimento para saber castelán ou inglés... cando está demostrado que o coñecemento de linguas, cantas máis mellor, facilita enormemente a adquisición do dominio en novos idiomas. Detrás dun prexuízo deste tipo deben estar as reivindicacións do “dereito a escoller o idioma da educación para os fillos” tan de actualidade arestora e que, por moi disfrazadas de democracia que se queiran presentar non deixan de ser, no fondo, unha esixencia do dereito á ignorancia da lingua galega. Sería necesario un maior esforzo para explicar que o intelixente, en cuestión de dominio de linguas, é sumar, independentemente de cal sexan os factores (isto é, as linguas) que compoñan a adición. E que no caso do galego o esforzo necesario para convertelo nunha lingua máis, nun coñecemento máis, é mínimo. En definitiva, que con moi pouco investimento pode conseguirse un enorme beneficio.
As políticas lingüísticas aplicadas ata o momento non foron quen de visibilizar as vantaxes dun correcto dominio da lingua galega, quizais porque se insistiu moito en argumentos que poñían o acento no pasado (lingua dos devanceiros, esplendor medieval, apelos á tradición...) e se descoidaron as razóns de futuro, ou polo feito de se facer fincapé en beneficios ben reais pero intanxibles (a cultura, a intelixencia, o incremento no desempeño intelectual que outorga o coñecemento doutra lingua) que a poboación non percibiu con claridade. Unha parte de responsabilidade non menor nesta percepción da escasa utilidade da lingua galega debe tela o feito de que dende os inicios da democracia ata hai pouco tempo a esixencia de coñecemento da lingua galega para o acceso a postos de traballo na administración galega fose, por dicilo dun xeito diplomático, moi laxa. Nunca o descoñecemento da lingua foi un impedimento para traballar nas institucións dependentes do goberno galego, mesmo en organismos que deberían ser tan coidadosos co idioma como a Compañía de Radio e Televisión de Galicia, dado que en boa medida foron creados mercé á existencia e ao compromiso de conservación da lingua e durante moito tempo foron financiados con avultadas partidas de política lingüística. O descoñecemento da lingua non foi una pexa dado que o sistema de certificación do coñecemento da lingua galega (os coñecidos títulos de iniciación e perfeccionamento) podían obterse na inmensa maioría dos casos, paradoxalmente, sen acreditar máis ca un moi imperfecto coñecemento da escrita da lingua e ignorando olimpicamente o resto de destrezas (a comprensión oral, a expresión oral ou a comprensión escrita). Iso explica porque aínda na actualidade o número de persoas que se presenta aos exames Celga ascende a unhas catro mil anuais, e no caso do éuscaro, por poñer un exemplo próximo, son arredor de quince mil os que cada ano se matriculan nos exames para obter o EGA (certificado de coñecemento do éuscaro, equivalente ao Celga 4), case catro veces máis, cando os falantes de galego triplican abondosamente aos daquela lingua. O castelán e o inglés supoñen unha vantaxe ou mesmo un requisito imprescindible para acceder ao mercado de traballo, mentres o galego non se percibe como necesario.
2 A percepción da diversidade como un inconveniente.
Algo que sen dúbida afunde as súas raíces na maldición bíblica do mito da Torre de Babel, e tamén na Revolución Francesa e o xacobinismo, na absurda (por irreal) concepción do estado coma un contedor no que só cabe unha lingua, cando a teimosa realidade mostra que os estados nos que só se fala unha lingua son unha excepción e que a diversidade é, con moito, a regra. No mundo hai uns 220 estados e máis de cinco mil linguas. De facer un reparto equitativo a correspondencia sería de máis de vinte idiomas por país. Deses 220 estados, non chegan a unha decena os que se consideran monolingües, de modo que o multilingüismo é, con moito, o máis habitual. Tamén en países como Estados Unidos, Gran Bretaña, Francia, Alemaña, Italia, toda Iberoamérica e moitos outros que de xeito habitual son erroneamente percibidos como monolingües. De feito no Estado español case unha de cada seis persoas fala habitualmente outra lingua distinta do castelán. E nun dos países máis prósperos e estables do mundo, Suíza, conviven dende sempre catro comunidades lingüísticas diferentes, todas elas oficiais nos seus respectivos territorios.
En cuestión de linguas a variedade e a diversidade son a tónica xeral, e iso dota á humanidade dunha gran riqueza que en ocasións non somos quen de comprender de xeito cabal. Probablemente ninguén cun mínimo de sensibilidade ambiental discuta a conveniencia de preservar, na medida do posible, a riqueza e variedade do mundo animal ou vexetal. Adoito sentimos mágoa cando lemos na prensa que unha especie se extingue, ou cando a deforestación da amazonía nos deixa adiviñar que probablemente estean a desaparecer especies únicas, aínda non descubertas. Dun xeito ou doutro sabemos que a extinción de animais e vexetais supoñen un empobrecemento dos ecosistemas do noso planeta e polo tanto do noso patrimonio común, e que canda eles desaparecen ademais substancias descoñecidas, posibles remedios a enfermidades, creacións únicas que a natureza tardou millóns de anos en sintetizar. Porén, a redución da variedade lingüística parece deixarnos indiferentes, se cadra porque na sociedade materialista na que nos movemos as linguas son concibidas dun xeito reducionista e utilitario, como simples sistemas de comunicación, só como instrumentos dun mercado. E as linguas son moito máis ca iso. Cada lingua supón un modo orixinal e único de describir o mundo, calquera lingua posúe un pequeno tesouro de palabras únicas, orixinais, sen equivalente nin tradución a outros idiomas, conceptos novos ou matices valiosos que se perden sen remedio cando algunha variedade lingüística morre. Non debemos esquecer que as linguas son o vehículo do saber e que polo tanto a morte dunha lingua implica a extinción dunha cultura. Un mundo no que desaparecera o multilingüismo ou no que xa só se conservaran moi poucos idiomas, sería sen dúbida un mundo moito máis empobrecido, máis manipulable e menos seguro no que vivir.
Pero se fronte á deforestación ou á extinción de especies non é moito o que de primeira man poidamos facer, sobre a cuestión da supervivencia das linguas si podemos intervir de forma directa: comprometéndonos coa nosa.
As políticas orientadas á promoción da diversidade lingüística son inexistentes no Estado español, e practicamente nada se leva feito para impulsar o coñecemento das linguas cooficiais fóra do que son os seus territorios naturais. No caso do galego e do catalán, dada a súa proximidade ao castelán, o esforzo necesario para obter un dominio pasivo sería mínimo. Algo máis custaría o éuscaro. Pero en calquera caso o esforzo pagaría a pena, xa que é moi difícil odiar o que se coñece, e isto ten importancia capital dada a proximidade entre o rexeitamento da diversidade lingüística e o rexeitamento doutros tipos de diversidade que poden conducir ao conflito e á violencia; en definitiva, o repudio daquilo que é diferente chámase racismo. As arelas dos políticos, porén, parecen ir máis ben en sentido contrario a calquera intento de promocionar a reciprocidade de coñecementos lingüísticos, e os tímidos intentos de presenza (etiquetaxe de produtos, publicidade, emprego nos medios de comunicación...) sofren uns atrancos que, por exemplo, non se lle poñen ao inglés. Non hai moitos meses un medio escrito nacional facía unha lectura irónica sobre o Samaín, e describíao como un novo intento diferencialista sen ningún tipo de base histórica. Sen valorar se o Samaín é ou non unha festa tradicional recuperada ou un invento máis recente, o que realmente sorprende é o rexeitamento contra o seu carácter galego, mentres que o Halloween saxón, que penetra con moitísima máis forza, só parece recibir parabéns.
A diversidade, pois, constitúe un ben común, e a Constitución Española recolle no seu título preliminar que “a riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección”. Bótanse de menos esforzos políticos decididos a nivel estatal para facer patente á cidadanía non só a importancia de preservar esa riqueza, senón tamén para divulgar a evidencia de que ese patrimonio compete e enriquece a todos os cidadáns, e non é exclusivo dos falantes desas “outras linguas” do Estado.
3 A percepción de que a lingua galega pode sobrevivir soa.
Os meus amigos, e seguramente canda eles moitos outros galegos que se expresan habitualmente en castelán e quero crer que case todos os que o fan en galego, sentirían que o galego desaparecese. Unha Galicia sen lingua galega non sería o mesmo.
Ningunha lingua pode sobrevivir por si mesma, nin o inglés, xa que todas elas precisan para perpetuarse do compromiso, consciente ou inconsciente, dos falantes. Unha lingua é tan fráxil que desaparece todas as noites cando os seus falantes dormen, e resucita ao día seguinte co seu espertar. As linguas precisan das persoas para sobrevivir; nesta regra non hai excepcións.
É verdade que os gobernos teñen unha enorme responsabilidade na promoción do idioma e no deseño de políticas lingüísticas que garantan a súa supervivencia. Así o recolle o noso Estatuto de Autonomía, que establece a obriga por parte das autoridades de potenciar o seu emprego en todos os planos da vida pública e así mesmo de facilitar o seu coñecemento. Pero tamén é verdade que a escolla de lingua é sempre, e en definitiva, unha cuestión persoal, e que fronte a unha negativa do individuo nada poderá facerse para estender o uso (a escolla de lingua é un dereito que aseguran as leis) ou promover o coñecemento (é imposible ensinar a quen non quere aprender). A poboación, cada un de nós, somos os responsables en última instancia.
Porén moitas persoas, ás que lles preocuparía que a lingua galega chegase a desaparecer, non parecen percibir que a súa supervivencia demanda o seu compromiso. Dá a impresión de que “sempre haberá quen o fale” e que ao fin e ao cabo a responsabilidade sobre a lingua compete unicamente aos poderes públicos. A vitalidade da lingua é algo que nos atinxe directamente a todos, e que depende de cada un de nós moito máis do que a miúdo pensamos; todos os esforzos institucionais para a preservación do noso idioma non valen de nada se cada un de nós non asumimos un mínimo compromiso individual. Non pretendo en absoluto descargar aos gobernos dun labor que é a súa obriga estatutaria e moral, pero si chamar a atención sobre o feito de que apenas se fixese fincapé na necesidade de implicar directamente á poboación na tarefa, ou cando menos trasladarlles que a súa colaboración era precisa. Nas políticas lingüísticas levadas a cabo en Galicia, e salvo excepcións, o pobo foi considerado case sempre como un simple obxectivo receptor de accións e medidas, e case nunca como un axente activo.
E do mesmo xeito que a lingua precisa do noso compromiso, tamén necesita accións decididas para que sobreviva. Tal e como están as cousas, tras centos de anos de abandono e sobre todo tras unha ditadura que durante corenta anos reprimiu a conciencia o seu uso, deixar o futuro do galego ao libre transcorrer dos acontecementos sería algo similar a asinar a súa acta de defunción. Por iso as políticas igualitarias non serven, xa que a situación de partida é radicalmente desigual. Tratar do mesmo xeito ao galego e ao castelán (e ao inglés) non será suficiente. Pode parecer aparentemente moi xusto, pero non abondará, sobre todo porque esa suposta igualdade só se discute nun eido, no do ensino obrigatorio, que é precisamente no que a situación das linguas é máis equilibrada. Pero quedan fóra o resto dos ámbitos (comercio, medios de comunicación, sanidade, banca, universidade, empresa, xustiza...) nos que a presenza do galego é aínda testemuñal ou moi baixa. Velaí un terreo para que os defensores do bilingüismo equilibrado traballen a eito se queren ser consecuentes cos seus propios postulados.
4 A percepción do galego como un idioma minoritario.
Lingua minoritaria, lingua minorizada, lingua menos estendida, lingua pequena. As palabras non son inocentes e todas estas expresións usadas decote transmiten unha mensaxe moi clara sobre a cativez da lingua galega. En realidade o número de falantes non inflúe para nada nas características dunha lingua. Non existen linguas mellores ou peores, nin máis ou menos avanzadas, nin máis ou menos dotadas para transmitir uns ou outros coñecementos. Todas elas, sen excepcións, son vehículos de comunicación en esencia moi similares. As diferenzas que algúns lingüistas sinalaron no pasado son debidas sempre a prexuízos que hoxe en día non mantería ningún especialista cabal. Pero é que sobre o feito de se o galego é ou non unha lingua minoritaria habería moito que discutir.
É verdade que, nese conxunto de cinco mil linguas ou máis que fala a humanidade o galego non se sitúa por presión demográfica dentro das vinte primeiras. Pero tamén é verdade que nese grupo figuran idiomas tan pouco coñecidos como o wu, o telugú ou o marathi. Ou que nesa situación tampouco se atopan o grego ou o polaco ou o checo, o sueco, o búlgaro, o finés... E que demográficamente detrás do galego están situadas algunhas linguas estatais europeas, como o lituano, o letón, o esloveno, o estonio ou o islandés. Á xente adoita sorprenderlle que, nese ranquin de cinco mil linguas, o galego se sitúe na posición cento trinta e oito. Dentro das duascentas linguas máis faladas do mundo.
Probablemente o galego sexa, xunto co catalán, unha das linguas non estatais que se atope nunha mellor situación en canto a expectativas de supervivencia. Porque ademais do seu peso demográfico hai outros indicadores que nos poden orientar sobre a fortaleza e vitalidade da lingua. Así, o galego avanza postos de se ter en conta que está entre as cento vinte e oito linguas nas que se ofrece a interface de Google, ou que se atopa entre o medio cento escaso en que está dispoñible o sistema operativo Windows. O galego atópase tamén entre as cincuenta linguas do mundo ás que se traducen máis libros e no número trinta e sete en canto á presenza en páxinas web en Internet.
Non, non se trata en absoluto dunha lingua minoritaria, senón dun idioma con todas as características necesarias para perdurar, para obter a adhesión dos seus falantes. Sería necesario difundir estas informacións, para que os galegos puidésemos rexeitar como unha falsidade esa percepción da nosa lingua como un instrumento eivado e pouco capaz. Tamén cumpriría incentivar con decisión a aprendizaxe da lingua portuguesa á que dende o galego se pode acceder cun mínimo esforzo e á que as autoridades educativas en Galicia lle viraron absurdamente as costas. A proximidade das dúas linguas, fóra de complexos de inferioridade, outorgaríalle ao galego unha fantástica proxección.
Ben, casi requiere máis esforzo este texto que o libro :) E, en boa medida tocan temas moi similares (incluso marabillosas sentenzas que se repiten no libro e que son perfectas para a reflexión, poño por caso algo así como que "todas as linguas morren todas as noites, cando os seus falantes durmen"). O texto pon de manifesto ese concepto de que no podemos quedar durmidos e de que hai casos (como o exemplo da familia dos seus amigos), no que o galego aparece cada vez con menos posibilidades de espertar.
ResponderEliminarPorén, a outra cara do texto, moito máis optimisma, mostra una gran cantidade de datos que reflexan a boa saúde oficial do galego, seguido a línea do que xa comentamos na clase.
Non obstante, á hora de traballar con adolescentes, que é para o que nos dará acceso o máster, coido que é moito máis eficaz o libro, aínda que destacaría, unha vez máis, a idea subxacente en ambos escritos: non podemos quedar durmidos.
Persoalmente, este texto pareceme incluso máis interesante do que o libro.
ResponderEliminarAtopo algunhas contradiccións no texto ("Tal e como están as cousas ... deixar o futuro do galego ao libre transcorrer dos acontecementos sería algo similar a asinar a súa acta de defunción.", "non se trata en absoluto dunha lingua minoritaria, senón dun idioma con todas as características necesarias para perdurar"), aínda que enténdese por onde van os tiros:
O certo é que o galego atópase nunha situación provilexiada, pero a tendencia actual é a perdela.
Unha profesora do instituto falábanos da situación do galego dunha forma sinxela e acertada: Durante séculos, durante a ditadura, o galego foi duramente reprimido, pero nunca correu perigo, pois dábase a única condición necesaria para sobrevivir: era falado e utilizado polo pobo. Na actualidade, está fortemente protexida, pero está a perder falantes a un ritmo arrepiante. Este é o grande reto que ten o galego.
E penso que non hai nada (ou moi pouco) que facer dende os poderes políticos. Se a politica non puido mata-la lingua, non vai poder perdurala. Somos nós, o pobo, o que temos nas nosas mans a súa supervivencia.
Pero voltamos ao texto da profesora Moure: A actual globalización non é dende logo unha axuda para logralo. A maior mobilidade das persoas dentro do estado español na segunda metade do século XX provocou esta tendencia de falar máis castelán que galego, e a actual mobilidade das persoas por todo o mundo é o que está a traer a "necesidade" de falar inglés.
A grande pregunta é se ámbolos dous factores poden convivir. Penso que compre darnos conta do positivo dos dous polos (a globalización ben entendida, a maior mobilidade dos individuos; e o maior coñecemento do noso entorno) pois non son para nada excluintes, e mesmo, como dí Singala, poden beneficiarse un ao outro ("está demostrado que o coñecemento de linguas, cantas máis mellor, facilita enormemente a adquisición do dominio en novos idiomas.")
Pablo Taboada Duro
O caso é que se cadra temos un problema un chispo máis serio que o retroceso do idioma galego. Ó millor no é unha enfermidade, senon un síntoma de algo peor.
ResponderEliminarOnte tiven clase de Inglés. O exercizo consistía en falar de tópicos sobor dos paises. Todo ía rodado. Falábamos dos topicazos, e das virtudes e defectos dos caracteres nacionais.
Ata chegar a nós. Parón. O de poñernos a caldo foi doado. Agora ben ó marxe de "traballadores", non dimos feito unha lista de virtudes.
Eso sí: a profesora, non séi se con ou sen intención, dixo algo así como "what about us". Eu xa estaba afiando o coitelo para falar dos españois -nosotros- e a xente toda, pero toda, empezou a falar de nós. Mal, pero de nós.
Supoño que podemos dicir que "nós nunca seremos nosotros".
Penso que o que nos quere dicir o autor é que o feito de saber unha lingua a maiores o dúas ou tres enriquécenos de forma que adquirimos por asi dicilo mais sabidoria e que non entende porque hai como esa infravaloracion á hora de estudiar galego ou falalo se é unha lingua, e polo que vimos o outro dia na clase que eu non o sabia é que é unha das mais faladas do mundo e inda que non sexa o ingles, aleman o feito de sabela enriquece.
ResponderEliminarTamén hai q ser realistas e comprender que cara ó futuro é mais útil o inglés, alemán... cosa que non implica non poder aprender outras linguas como o galego ou cantonés sempre que motiven a un mesmo a aprendelas porque o feito de saber outra lingua enriquécete culturalmente.
Estoy de acuerdo con el autor en algunos puntos aunque creo que incurre en alguna contradicción como comentaba Pablo.
ResponderEliminarYo también pienso que cuantas más lenguas adquiramos mejor y más estrategias y herramientas tendremos en el aprendizaje de nuevos idiomas. Por eso no comprendo esa tendencia a cuestionar el uso del inglés como lengua vehicular y querer que el gallego sea la que más presencia tenga. El razonamiento se basa en que el multilingüismo es la mejor opción (y estoy totalmente de acuerdo) y después se contradice. Otra contradicción sería la que dice Pablo sobre dejar el futuro del gallego al transcurrir de los acontecimientos y después dice que es una de las 200 lenguas más habladas. Por un lado vemos esa reivindicación y después da datos que echan por tierra lo anterior. La tendencia es que en muchas familias, como explica al principio, se vaya pasando del gallego al castellano, pero también creo que en vez de galleguizar ámbitos y gente castellanohablante como es la tendencia actual primero deberían conservar el gallego los gallegohablantes. Si los gallegohablantes cuando hablan con alguien que habla castellano la mayoría cambian sin nadie decirles ni pedirles nada, deberían de empezar por reforzar esos aspectos y a partir de ahí crear una atmósfera de seguridad y confianza. Porque para que otros valoren algo que no les es propio, como para muchos gallegos que su lengua materna y su entorno es castellano, los primeros que tienen que darle valor y prestigio son los gallegohablantes y fijar ámbitos de uso y actitudes positivas en torno a él.
Na miña opinión describe á perfección a situación gallega actual que estamos a viver. Unha idea moi destacábel a pór aquí é o feito de que unha lingua está viva cando pasa de xeración a xeración e isto é o que se está a perder no ámbio das cidades polo que as familias e a escola teñen un papel decisivo neste ámbito de salvaguardar e difundir a língua demostrando a importancia que ten para cada un de nós.
ResponderEliminarEsa familia podería ser a miña. E si xa quedei comprometida logo de ler o libro, estas novas palabras reafirman a mensaxe do autor. Hai que poñerse as pilas, porque a supervivencia do galego depende primeiramente de cada un de nos. E eu non quero que ningunha lingua morra cando me deite, nin ser o día de mañá un dinosaurio que da testemuña (coma o do video do galego no futuro) dunha lingua que escoitou falar e que falou.O galego ten que seguir vivo para que os nosos fillos poidan vivilo e facelo seu. Non é unha lingua minoritaria, minorizámola nos. Iso acabará cando todos xuntos desbotemos os prexuízos e nos comprometamos( como a filla de Singala) a ir falando galego e vexamos quen se ven unindo a nos.
ResponderEliminarO autor Nuñez Singala, segue na súa liña, comprometido co galego e intentando que mudemos certos erros que temos con respecto a nosa lingua.
ResponderEliminarAfirma que todos nós temos un compromiso persoal con respecto a ela e que non é só do ensino a responsabilidades de defendela, senon de todos os ámbitos, familia, traballo, tempo de lecer, etc.
Hai moita doble moral, moitos defensores da lingua, pero parece que poucos a falan. A crise acentúase tamén coa perda da transmisión do galego entre xeracións. Explicamos cómo abandonamos a lingua en moitos terreos, un deles e a función pública, onde se pide como requisito para acceder a ela o certificado do Celga 4, o cal a diferenza de antes habilita na expresión escrita e na expresión oral. Na miña experiencia persoal contemplo como na práctica, cando vou facer unha xestión ou unha consulta a un organismo público, a maioría destes funcionarios empregan o castelán.
Por outra banda, creo que o coñecemento das linguas é moi importante, pero en igual medida todos deberíamos ter un mínimo de coñecemento noutras materias, como as ciencias. Tamén penso que gústenos ou non o inglés é o idioma da globalización e das novas tecnoloxías, e que si temos que elixir entre este e o portugués a maioría elixiríamos o inglés, todo é cuestión de prioridades, e con isto non quero dicir que o portugués non sexa importante.
E fundamental que as empresas privadas se comprometan nesta loita. Eu coñezo unha empresa que o fai, a empresa de telecomunicacións R, ainda que ca recente entrada nela de capital inglés, xa non sei o que pasará...
Singala na súa liña, para min un texto moi sincero. A temática similar a do libro, pero tradada dunha forma máis técnica. Vou facer unha crítica persoal de forma breve sobre o que lin.
ResponderEliminarVese como segundo baixan as franxas de idade e cambia a sociedade o galego vaise relegando a un segundo prazo e incluso residual. Para nada é prescindible: se somos galegos, se somos de Galiza, o galego é a nosa lingua e a nosa identidade que debemos defender e tratar de salvala. A diversidade axuda á ampliar a nosa cultura e os nosos horizontes, non debemos renunciar a ela, pero non debemos esqiecer o galego para centrarnos noutra lingua. Hai tempo para todo.
Ningunha lingua pide manterse soa; precisa de xente que a trasmita, que a viva, que a defenda e valore como súa propia. Asi manterase. E finalmente dicir que para nada é minoritaria, falase en moitos ámbitos e por bastante xente, ainda que debería ser máis.
É unha boa radografía do que esta a suceder actualemte en Galicia. Das catro causas que da Singala, eu me quedo ca de que a lingua Galega posese salvar soa. Dende logo, se nos non nos esforzamos por salveres o noso, so non o vai facer. Unha lingua esta viva, so cando a xente a fala.
ResponderEliminar