quinta-feira, 3 de novembro de 2011

EXERCICIO DE DEBATE (para a clase práctica)

 Se o traedes feito (cando menos, pensado) temos un pouco máis de tempo para o debate e as conclusións.

     
Supón que es unha lingüista especializada en planificación e en terminoloxía que chega a Glosolandia, un país onde ten que realizar un informe sobre as posibilidades de se manter a lingua propia desa poboación, o glosolandés, un idioma que leva séculos soportando unha forte presión do sombreiranés, lingua con presenza internacional que acabou por se converter na lingua inicial de case o cincuenta por cento da poboación, maioritariamente dos habitantes das cidades e das vilas. O inicio dun proceso de substitución lingüística é evidente no dato que motivou a UNESCO para sufragar os gastos da investigación: as porcentaxes de competencias orais en glosolandés descenden a medida que descende a idade da poboación mentres que as porcentaxes de competencias escritas diminúen conforme aumenta a idade dos/das habitantes de Glosolandia, moitos/as por non recibiren nunca o ensino na súa lingua inicial.
        Os teus coñecementos destas dúas linguas son moi rudimentarios, mais do que si tes constancia é de posuíren moitos elementos en común e de ás veces non ser quen de diferenciar claramente se as persoas están a falar nun ou noutro idioma. Ao chegares alí, observas con abraio que o glosolandés ten abondosa literatura, ten presenza no ensino (só como materia de estudo) e na administración (onde aínda non consolidou un modelo culto de referencia) e que mesmo nas institucións e nos medios de comunicación é utilizado, aínda que moito menos que o sombreiranés que é o único idioma en que se dirixe a ti a poboación, o máis habitual nos falantes de menor idade e o maioritario no ámbito oral para as clases medias e altas, sobre todo entre as mulleres das franxas etáreas intermedias, se computarmos desde os 16 aos 65 anos. Para alén de ser o glosolandés a lingua maioritaria de certa actividade cultural (teatro, recitais poéticos, premios e concursos literarios), tamén hai nesta lingua algunha obra científica e ten unha importante presenza na rede. Mais no mundo da música o glosolandés é residual así como no ámbito xurídico e nos ritos relixiosos.
O teu primeiro traballo consiste en estabeleceres unha prelación entre os elementos que xulgas positivos para, nunha proposta de planificación lingüística, o glosolandés ter posibilidades de subsistir. Debes numeralos por orde de relevancia para lle agoirar moitos anos de vida ao glosolandés, guiándote do teu coñecemento lingüístico e do teu sentido común. Tes que procurar acompañar cada unha das escollas cun dato obxectivo que recollas directamente na presentación inicial ou que deduzas pola información de que dispós. Escribe na columna Individual a orde de importancia que atribúes a cada enunciado. A continuación, debateremos a decisión en grupo e formularemos unha proposta colectiva. A partir da desviación entre a puntuación global e a colectiva e os coñecementos que adquirises durante o debate, debes conceder unha puntuación final ao teu exercicio.

                                                        

CRITERIOS
Indiv.         
Grupo
Desviac
Hai que conseguir que, cando menos, o 50 % d@s glosolandes@s lea literatura en glosolandés.



Nas baiúcas debe usarse o glosolandés,
sobre todo para brincadeiras.



Cómpre realizar intercambios educativos de centros con diferentes contornos sociolingüísticos.



Os nomes de paxaros só deben ser coñecidos
en glosolandés.



Cómpre reforzar a presenza na rede en glosolandés.



Debe premiarse que os nomes das persoas estear en glosolandés.



É preciso reducir as dubidas sobre o uso do glosolandés en contextos formais.



Deben facerse campañas coincidentes coas festas máis habituais (magosto, entroido,...).



Nos ritos funerarios cómpre empregar o
glosolandés.



A neoloxía debe facerse desde o glosolandés.    



No sistema educativo a transmisión de coñecementos debe facerse, maioritariamente, desde o glosolandés.



Son necesarias campañas que fomenten que @s glosolandeses inicien nesa lingua
 as súas relacións de parella.



Cómpre traducir toda a lexislación ao glosolandés.



Hai que investir en facer xogos de mesa en glosolandés.



Nas festas populares debe usarse o glosolandés.



Cómpre difundir a idea de ser útil o glosolandés.



Os principais manuais universitarios deben estar en glosolandés.



Cómpre reforzar o prestixio internacional investindo en lectorados de glosolandés.



Hai que apoiar o teatro en glosolandés.



Debemos recoller todo o léxico do glosolandés.



Hai que homenaxear persoeiros que defendesen o glosolandés.



É preciso realizar unha campaña de mercadotecnia (cadernos, lapis, chapas...) de promoción da lingua.



Deben transmitirse conceptos (socio)lingüísticos a través de todo o currículo



7 comentários:

  1. Lendo o enunciado do exercicio recordei que a Unesco proclamou o 21 de febreiro como Día Internacional da Lingua Materna e fixera un video divulgativo ó repecto... "Los idiomas sí que cuentan". Deixovos o enlace de Youtube...
    http://www.youtube.com/watch?v=DXfxRd71cKU

    ResponderEliminar
  2. No meu exercicio houbo algunha desviación, nos seis primeiros postos ficaron sen moita variación a educación, a utilidade, a seguranza no uso formal e a literatura. Así e todo mudei de opinión despois do debate sobre a importancia do teatro, a presenza na rede, a trasmisión de conceptos sociolingüísticos e o uso nas baiúcas (esta última por un mal entendemento do enunciado). Cando me puxen de verdade na situación de ter os cartos da miña man para decidir e, ademais, escoitei outras opinións, decateime de que hai cousas que non teñen tanta importancia porque non terían tanta difusión, coma os lectorados ou a recollida do léxico, mentres que cousas coma o teatro ou, aínda máis, a rede, terían moita máis difusión e axudarían moito máis a normalización da lingua. Ademais, o feito de ver teatro ou ler información en numerosas webs axudaría ó aumento de léxico e a mellora da seguranza xa que non hai mellor forma de mellorar as competencias lingüísticas nunha certa lingua que a contextualización da mesma, aprender unha lingua sen contexto é case coma aprender unha teoría sen exemplos. Doutra banda, nos últimos postos a desviación foi prácticamente nula, do 23 ao 16 ó único que me quedou un pouco desfasado foi o 16, o dos xogos de mesa, que eu tiña no 9. Obviamente non tería sentido facer un "parchís" ou unha "oca" en glosolandés, máis sí un "trivial", un "monopoly"...coido que sería algo que podería chegar a moitas casas, facendo que nenos e maiores, ou grupos de amigos, usasen esa lingua nun tempo de lecer, asociándoa con algo divertido, ao tempo que, de seguro, descubrirían novo vocabulario en glosolandés, ou axudaríalles para distinguilo do sombreiranés. Como xa dixen, non penso que sexa de vital importancia, máis segue a parecerme unha idea interesante.

    ResponderEliminar
  3. No meu caso, existen desviacións respecto á situación final de consenso á que chegamos en clase. Aqueles eidos nos que non existen diferenzas de opinión significativas, xa non paga a pena comentalos. Porén, si é interesante aclarar e tratar de xustificar os aspectos máis diverxentes ao meu parecer, que son os seguintes:
    - O tema do reforzo do glosolandés en teatro e rede: nun primeiro momento, como no enunciado do problema parecía que estas cuestións estaban xa resoltas, eu relegueinas a favor de outras. Despois do debate, concordei en que é preciso adicar moito esforzo a potenciar aqueles sectores especialmente fortes para que o sigan a ser, e para que sirvan como vangarda para a expansión do glosolandés cara sectores nos que a súa presenza é menor.
    - O tema da lexislación: na miña opinión, sería fundamental que existise unha lexislación en glosolandés, porque, de non ser así, poderíase entender que o idioma ten un uso parcial, só válido para ámbitos coloquiais e literarios. É un dereito lingüístico fundamental para un falante dunha determinada lingua oficial o poder acceder á documentación que regula o Estado de Dereito no seu propio idioma, e non ter que recorrer a outro. Se excluímos o glosolandés do ámbito xurídico estaríamos dando a entender que é un idioma cunha utilidade parcial.
    - O tema do léxico: para min é fundamental a existencia dun léxico recollido e delimitado, máis no caso en que dúas linguas conviven e son moi semellantes entre elas (como argumentaba a compañeira Berta en clase), o que ocasiona problemas de contaminación lingüística. Ademais, é moi importante que unha lingua que está minusvalorada e perdendo falantes conserve todo o seu potencial léxico para non dar a imaxe de ser unha lingua pobre, senón todo o contrario, que se mostre en toda a exhuberancia das súas policromías.
    - O tema do homenaxe ás persoas que defenderon o glosolandés: sería marabilloso non precisarmos de recorrer á homenaxe puntual (institucional) dunha personalidade das letras “glosolandesas” para poder valorar a esa personalidade e para que acade unha mínima difusión social entre ámbitos non demasiado acostumados ao contacto coa literatura. Porén, desgraciadamente, en moitas ocasións cómpre que teñan lugar este tipo de eventos para recuperar as figuras fundamentais. Teríase reeditado, dado a coñecer e difundido algo a obra de escritores como Manuel Lugrís Freire de non ser por térselle dedicado o Día das Letras Galegas? Tamén é certo que vencellar o recoñecemento a alguén cun acto puntual e extraordinario non deixa de ter as súas connotacións negativas. Deberíamos celebrar o “Día das Letras Glosolandesas” cada día do ano, e non só en ámbitos vinculados ao ensino, senón no conxunto de toda a nosa sociedade.

    ResponderEliminar
  4. En xeral, tanto na parte alta coma na baixa, os elementos escollidos son similares (con algún cambio na orde). Pero para o meu parecer, eu situaría nos 10 primeiros postos tanto os xogos de mesa en glosolandés coma fomentar o idioma nas relacións de parella.
    O meu criterio para fomentar os xogos de mesa (coma ben di a compañeira), claro que non sería naqueles xogos nos que é indiferente o idioma, pero tamén hai xogos nos que se reunirían as familias e amigos e relacionarían o idioma con algo divertido, e incluso poderían aprender palabras novas, refráns, cantigas populares,…
    Nas relacións de parella fomentaría o glosolandés, xa que o texto menciona que hai poucos falantes de baixa idade, e isto sería unha solución a largo prazo, porque os rapaces estarían familiarizados co idioma dende pequenos e empregaríano habitualmente, e sen esquecer os pais, que estarían máis habituados o uso do glosolandés.

    ResponderEliminar
  5. Para min foi un exeecicio do máis entretido e interesante. Cando fixen a primeira distribución na casa, tiña todo moi claro, pero despois o comentala actividade todos xuntos na clase práctica como un debate, dinme conta de que había aspectos que mirara demasiado e outros ós que lle dera pouca importancia.
    Fíxome reflexionar sobre como facer para atender todas as necesidades que presenta unha lingua sen deixar ningunha de lado.

    ResponderEliminar
  6. En xeral tanto na parte alta coma na baixa estou dacordo cos meus compañeiros. Aínda que inicialmente veiao doutra forma convenceronme os argumentos empregados.

    ResponderEliminar
  7. En xeral os críterios escollidos para asegurar o establecemento da lingua Glosolandesa centraronse non sistema educativo e nos medios de difusión de masas, como a rede, a literatura ou o teatro. A miñas escollas en canto o que sería máis importante ficaron moi similares as colectivas, sen embargo non coincidín no que é menos importante. Son estes puntos, moito máis suxeitos a opinions subxectivas, os que causaron máis debate, sen embargo todos fomos capaces de acadar un consenso na xerarquia proposta. A situación do idioma hipotetico aquí plantexado é un que se da en moitas linguas minorizadas do mundo e que non ten fácil solución e que polo tanto e normal que crease polémica cando se plantexou no grupo de debate.

    ResponderEliminar