Calidade da lingua
Goretti Sanmartín Rei (goretti@udc.es)
1. Cuestións previas
a. A persoa que agardaba que lle dixesen o que tiña que facer ou da necesidade de nos dotarmos de discursos e de recuperarmos o significado das palabras.
b. Do pouco e do moito que vale falar galego. A utilidade de preocuparnos pola súa calidade para o mellorar.
c. Pode ser útil a formación? E a corrección?
d. Cómpre recoñecermos as nosas dificultades e os nosos esforzos. Tod@s somos neofalantes
2. Sobre a calidade da lingua
a. A necesidade da diferenza
b. Algunhas cuestións de lingua:
b.1.Fai o que che eu digo e procura outra colocación do pronome átono
b.2. Queremos dotar o galego da dignidade que merece. O complemento directo sen preposición a
b.3. Cómpre empregarmos infinitivo flexionado
b.4. Se o vós por ben tiverdes volveremos ao futuro de subxuntivo
b.5. Introducíndomos contidos en parágrafos
b.6. Coido pertinente recuperarmos o léxico tradicional
c. Contra a homoxeneización ou a procura dun estilo propio
3. A falta de referentes
a. A reflexión arredor da nosa responsabilidade como persoas coñecedoras do idioma.
b. Negándonos a separar formas e contidos. Cando os procedementos son ideoloxía.
c. Construíndonos na lingua. A necesidade de ler.
MUDANZAS NORMATIVAS XULLO 2003
CAPÍTULO | CAMBIOS e/ou POSIBILIDADES | RECOMENDACIÓN |
Elimínase a acentuación de interrogativos que introducen interrogativas indirectas, agás se é preciso para evitar anfiboloxías. | Non acentuar (preguntáronlle cando estaría o informe; dixéronlle onde podía buscar a información). | |
7. Os signos de interrogación e admiración | O seu emprego é só obrigatorio ao final do enunciado. Poderíase tamén utilizalo ao principio. | Usar só ? e ! (Que fas?, Canto traballas!) agás para evitar ambigüidades. |
8.4. Grupos -ct- e -cc- (redución e conservación) | Suprímese sistematicamente a primeira consoante cando precede as vogais i e u, excepto nunhas poucas palabras (40) de uso restrito. Velaí as máis importantes: adicción, adicto, convicción, convicto, dicción, dúctil, edicto, ficción, ficticio, fricción, invicto, micción, pictórico, ricto, succión, veredicto. | Escribir condución, conflito, contradición,(re)construción, dedución,dedutivo, estrutura, flutuación, flutuar, indutor, introdutorio, (re)produción, produtivo,restrición, restritivo, vítima, xurisdición. |
8.4. Grupos -ct- e -cc- (vocalización) | A consoante implosiva vocaliza en i nos casos de reitor, reitorado, reitoral, reitoría, e seita (mais sectario, sectarismo). | Usar reitoría para o edificio e reitorado para o período de mandato. |
8.7. [ks] (grafía -x-) | Admítese exaxerar, exixir... a carón de esaxerar, esixir... | |
9.1. -ancia, -encia..., -za, -zo... | Amplíase a relación de voces con -zo, -za: diferenza (indiferenza), espazo (espazar, espazoso), graza (desgraza), licenza, na-cenza (renacenza), novizo, perseveranza, presenza, querenza (benquerenza, malque-renza), sentenza, servizo (servizal) e terzo (terza, terzá, terzar). | |
9.7. -ble/-bel | Considéranse correctos tanto -ble (pl. -bles) como -bel (pl. -beis). | |
9.8. -eo, -eu e -ao, -au | Engádense chapeu, romeu e xubileu á relación de palabras en -eu. Engádense bacallau e pau á relación de palabras en -au. | |
9.11. -us, -um, -o | Engádense ímpeto e tribo á relación de palabras en -o. | |
9.14. -án / -á 9.15. -án / -ana. | Acomódanse ao esquema -án / -á (do tipo irmán, irmá; cidadán, cidadá, etc.) as seguintes formas: afgán, afgá; alazán, alazá; alemán, alemá; barregán, barregá; bosquimán, bosquimá; capitán, capitá; catalán, catalá; ermitán, ermitá; escribán, escribá; gardián, gardiá; musulmán, musulmá; rufián, rufiá; sancristán, sancristá; sultán, sultá e truán, truá, xunto cos xentilicios galegos con masc. en -án: arousán, arousá; bergantiñán, bergantiñá; compostelán, compostelá... | A terminación -án / -ana fica reservada para caracterizadores pexorativos (burricán, burricana; folgazán, folgazana; lacazán, lacazana etc...). |
9.16. -ón / -oa, -ona | A flexión -ón /-oa úsase nos seguintes casos: anfitrión, anfitrioa; bretón, bretoa; campión, campioa; ladrón, ladroa (e ladra); león, leoa; patrón, patroa; saxón, saxoa; teutón, teutoa. | O esquema -ón /-ona queda reservado para formacións aumentativas (casona...) e para deverbais pexorativos (preguntón, preguntona; faltón, faltona...). |
9.18. -dade, -tade | Pasa a -dade: puberdade. | |
9.20. -aría / -ería | Dáselle preferencia á solución tradicional -aría, aínda que se admite tamén a solución -ería. | Usar sempre -aría: cafetaría, consellaría,enxeñaría, romaría... Excepcións: batería, galante-ría, galería, mercería. |
14. O artigo 14.1.1. Formas | O alomorfo -lo é de uso obrigatorio só despois da preposición por e do adverbio u: vou polo camiño; u-lo neno? | Non utilizalo nunca nestes casos: facer o inventario, levas o perfil, todos os estudantes... |
14. O artigo 14.1.2. Contraccións | O encontro da preposición a co artigo represéntase graficamente como ao, aínda que podería usarse ó como segunda posibilidade. | Usar ao e aos: van ao encontro, os discentes recorren ao dicionario... |
15. Pronomes 15.3. Demostrativos | Elimínanse esto, eso e aquelo como formas neutras, ficando como formas invariábeis únicas isto, iso e aquilo. | Usar isto, iso e aquilo. |
15.5. Relativos... | Engádese o relativo posesivo cuxo, -a, -os, -as. | Usalo sen abusar. |
16. Numerais 16.1. Cardinais | Deglutínanse os numerais entre vinte e trinta: vinte e un, vinte e dous.... | |
16.3. Multiplicativos | Elimínanse as formas triple e cuádruple, ficando só triplo,-a e cuádruplo,-a. | Usar triplo,-a e cuádruplo,-a. |
17. Verbo 17.1. Paradigmas regulares | Prescríbese a acentuación proparoxítona na P4 e P5 dos pretéritos de subxuntivo (andásemos, andásedes...), mantendo a acentuación paroxítona no copretérito, antepretérito e pospretérito: andabamos, andaramos, andariamos. | |
17. Verbo (Uso do antepretérito e do pretérito de subxun-tivo) | “Recoméndase manter ben discriminados os usos dos dous tempos (-ra como antepretérito de indicativo e -se como pretérito de subxuntivo)”. | Facer ben as distincións: xa marchara o reitor cando chegou o conselleiro fronte a díxolles que marchasen da xuntanza por non respectaren as normas (non marcharan). |
17. Verbo (Futuro de subxun-tivo) | “Dada a súa lexitimidade histórica e a súa rendibilidade en certos rexistros lingüísticos, como por exemplo a linguaxe xurídica, cómpre restaurar o seu uso, sempre dentro dos límites da corrección establecidos pola gramática”. | Utilizalo en oracións condicionais cando o verbo principal vai en presente ou en futuro: se quixeres ter bolsa, aproba todo; cando estudares, dominarás a norma; se quixeren, reunímonos mañá.. |
18. Adverbios e locucións adverbiais 18.1. De lugar | Engádense á lista alén e aquén. | |
18.2. De tempo | Aglutínanse acotío, decontado, decontino, decote, decotío, deseguida, deseguido, enseguida. Elimínase entonces. | |
18.3. De cantidade e precisión | Aglutínase a locución apenas. Elimínase alomenos. | |
18.4. De modo | Aglutínanse as locucións amodo e devagar. | |
18.7. De dúbida | Aglutínase a locución talvez. | |
19. Preposicións e lo-cucións prepositivas | Engádense a respecto de, alén de, após, aquén de, até, canto a. | |
20. Conxuncións e locucións conxun-tivas | Elimínanse anque, nembargantes, sen embargo. | |
20.3. Adversativas | Engádese no entanto, porén. | |
20.4. Concesivas | Elimínase anque. | |
20.7. Consecutivas | Elimínase entonces. | |
20.10. Temporais | Aglutínase apenas, decontado que, deseguida que. Engádese até que. | |
Outros (léxico) | Establécense como únicas formas correctas: estudo (estudar, estudante...); vogal (subst.); frota. | Exemplos: as vogais e as consoantes; o vogal dunha comisión; mais: as cordas vocais, a harmonía vocal... |
Algunhas recomendacións sobre a calidade lingüística
- Cómpre evitarmos o emprego de palabras de apoio e marcadores discursivos en español ou con forma españolizada:
*Bueno | Ben (bo, noutros contextos). |
*O sea | Ou sexa, isto é |
*Hasta, *hastra | Até, ata |
*Ahora | Agora |
*Según | Segundo |
*Sin duda | Sen dúbida |
* Entonces | Entón, daquela |
* E para elo debería… | E para iso debería... |
É preciso, igualmente, potenciarmos os usos das diferenciais: porén, mais,...
- Hai que coidar especialmente os usos pronominais:
a) A colocación do pronome átono non pode ser en posición inicial absoluta nin non xustificada pola presenza de certos pronomes (tod@s...), conxuncións (xa que...) ou adverbios (xa...), entre os que non están as conxunción mais (pero), ou e e.:
*Vos digo que aprobaredes o exame | Dígovos que aprobaredes o exame |
*O faremos, estade cert@s de que o faremos. | Farémolo, estade cert@s de que o faremos. |
*Se destinarán as axudas necesarias. | Destinaranse as axudas necesarias. |
*Se pode oferta-los sistemas operativo Microsoft XP Pro, Microsoft Vista Business, Microsoft Vista Basic...? | Pódense ofertar os sistemas operativo Microsoft XP Pro, Microsoft Vista Business, Microsoft Vista Basic...? |
Para información técnica *se pode consultar http://www.pcmcia.org | Para información técnica pódese consultar http://www.pcmcia.org |
O titor *o sabe e non fai nada para solucionalo. | O titor sábeo e non fai nada para solucionalo. |
O transporte público é caro e deficiente *pero se potencia o uso do vehículo privado. | O transporte público é caro e deficiente mais poténciase o uso do vehículo privado. |
No programa destinado ao alumnado de | No programa destinado ao alumnado de |
b) Debe evitarse tamén que o pronome átono fique como primeiro elemento dunha enumeración, aínda dependendo dun nexo anterior:
Para efectuar a entrega dos libros aos alumnos, os centros deben requirir que os pais, titores ou representantes legais dos alumnos asinen un documento no que: 1À ) Acepten a subvención e se comprometan a cumprir o réxime de incompatibilidade establecido na disposición adicional primeira da orde de convocatoria. 2À ) *Se comprometan a devolver os libros en perfecto estado ao remate do curso escolar e a cumprir as demais condicións da orde de convocatoria. | Para efectuaren a entrega dos libros aos/ás alumnos/as, os centros deben requirir que nais e pais, titores ou representantes legais do alumnado asinen un documento en que conste: 1) Que aceptan a subvención e que se comprometen a cumprir o réxime de incompatibilidade establecido na disposición adicional primeira da orde de convocatoria. 2) Que se comprometen a devolver os libros en perfecto estado ao remate do curso escolar e a cumprir as demais condicións da orde de convocatoria. |
c) Diferentes adverbios (aínda, axiña, bastante, incluso, mesmo, quizais, sempre, só, tamén, xa...), formas negativas (nada, non, ninguén, nunca), pronomes (alguén, ambos/as, calquera, tod@/s...) provocan a anteposición do pronome: Igualmente conxuncións ou locucións conxuntivas (que, se, posto que, xa que...) provocan a anteposición do pronome:
*Todo o alumnado aceptouno de bo grado. | Todo o alumnado o aceptou de bo grao. |
*O impreso sempre téñeno que cubrir cun bolígrafo encarnado. | O impreso sempre o teñen que cubrir cun bolígrafo encarnado. |
*Nunca inaugurouse un centro escolar co pavillón xa rematado. | Nunca se inaugurou un centro escolar co pavillón xa rematado. |
*Hai que afirmar que enténdese prioritaria a motivación. | Hai que afirmar que se entende prioritaria a motivación. |
d) O pronome átono con nexos debe ir situado, preferentemente, entre o nexo e a forma verbal:
O ano 2000 é instituído como o Ano Castelao ao cumprírense 50 anos da morte do escritor e político. | O ano 2000 é instituído como o Ano Castelao ao se cumpriren 50 anos da morte do escritor e político. |
Debémonos empeñar en detectar en nós e nas persoas coas que nos relacionamos manifestacións agresivas para ser quen de recoñecelas e de canalizalas positivamente. | Debémonos empeñar en detectar en nós e nas persoas coas que nos relacionamos manifestacións agresivas para ser quen de as recoñecer e de as canalizar positivamente. |
Iso de habelos, porque non os hai. | Iso de os haber (se os houber), porque non os hai. |
e) É preciso corrixirmos as habituais confusións de pronomes dativo e acusativo e de uso do dativo singular e plural:
Creo que xa está todo, así que *lles deixo co verdadeiro protagonista | Creo que xa está todo, así que os/as deixo co verdadeiro protagonista |
*Saúdalles atentamente | Saúdaos/as atentamente |
As persoas docentes que teñen algún cargo académico consideran as accións propostas máis necesarias. As responsabilidades asociadas *o seu rol *fanlle ser máis conscientes das necesidades existentes e da conveniencia de arbitrar medidas paliativas e superadoras das limitacións existentes. | As persoas docentes que teñen algún cargo académico consideran as accións propostas máis necesarias. As responsabilidades asociadas ao seu rol fanas seren máis conscientes das necesidades existentes e da conveniencia de arbitrar medidas paliativas e superadoras das limitacións existentes. |
Se a libraría non entrega os libros no centro quedará en posesión dun exemplar e o outro deberá *devolverllo aos pais debidamente cuberto, asinado e selado pola libraría, xunto cos libros de texto. | Se a libraría non entrega os libros no centro quedará en posesión dun exemplar e o outro deberá devolvérllelo aos pais debidamente cuberto, asinado e selado pola libraría, xunto cos libros de texto. |
- Non debemos utilizar a preposición a co complemento directo (agás no caso de ser este un pronome persoal tónico ou un nome propio, unha situación que permite a escolla de calquera opción: seguíndomos Carballo ou seguíndomos a Carballo):
Unha cidade que xere emprego, que atenda*aos nosos maiores... | Unha cidade que xere emprego, que atenda os nosos maiores... |
Dotar *ao ensino público dos recursos básicos. | Dotar o ensino público dos recursos básicos. |
Co obxectivo de escoitar *aos alumnos e coñecer a situación... | Co obxectivo de escoitar os alumnos e coñecer a situación... |
Rodear *ao círculo. | Rodear o círculo. |
Honra *aos que nos deixaron a vida, a terra e a lingua. | Honra os que nos deixaron a vida, a terra e a lingua. |
Estes materiais deben ser reutilizables durante catro cursos escolares, substituíndo *aos correspondentes libros de texto. | Estes materiais deben ser reutilizables durante catro cursos escolares, substituíndo os correspondentes libros de texto. |
Debe tomar sempre como criterio de referencia as situacións de desemprego e actividade das mulleres e homes recollidas nas estatísticas oficiais, e favorecer *ao sexo subrepresentado. | Debe tomar sempre como criterio de referencia as situacións de desemprego e actividade das mulleres e homes recollidas nas estatísticas oficiais, e favorecer o sexo subrepresentado. |
- É conveniente eliminar o artigo en contextos de relativo con antecedente antes e sen dúbidas de significado:
Fico sorprendido do consciente que é a comunidade educativa da situación na que se atopa o seu *entorno. | Fico sorprendido do consciente que é a comunidade educativa da situación en que se atopa o seu contorno. |
O centro inicia as actividades cunha homenaxe na que intervén a escritora máis coñecida da comarca | O centro inicia as actividades cunha homenaxe en que intervén a escritora máis coñecida da comarca |
Despois de anos de gobernos nos que a Xunta apoiou a implantación de grandes superficies... | Despois de anos de gobernos en que a Xunta apoiou a implantación de grandes superficies... |
- Hai que diferenciar con clareza entre antepretérito de indicativo (andara) e pretérito de subxuntivo (andase):
Díxolle que o *avisara cando *estivera feito o informe. | Díxolle que o avisase cando estivese feito o informe. |
Neste caso o centro deberá requirir aos pais do alumno para que repoñan os libros ou procedan ao pagamento do seu importe (podendo utilizar o modelo dispoñible en http://www.edu.xunta.es). Se non o *fixera o alumno poderá quedar excluído do programa para os sucesivos cursos escolares. | Neste caso o centro deberá requirir aos pais do/a alumno/a para estes reporen os libros ou procederen ao pagamento do seu importe (para o que poderán utilizar o modelo dispoñible en http://www.edu.xunta.es). Se non o fixese (Se o non fixese / De o non facer) o/a alumno/a poderá quedar excluído do programa para os sucesivos cursos escolares. |
Non hai ningún proceso de pacificación coñecido na historia que non *rematara nunha mesa de negociación. | Non hai ningún proceso de pacificación coñecido na historia que non rematase nunha mesa de negociación. |
- Non debemos abusar de ter + participio cando se trata da expresión simple do pasado:
*Estes días teño feito unha reflexión que vos vou trasladar... | Estes días fixen unha reflexión que vos vou trasladar... |
Asuntos tan vitais como a opción sexual gay ou lésbica e o recoñecemento das persoas transexuais *teñen contribuído á formación de mentalidades e relacións máis plurais e libres. | Asuntos tan vitais como a opción sexual gay ou lésbica e o recoñecemento das persoas transexuais contribuíron á formación de mentalidades e relacións máis plurais e libres. |
Quero coñecer cales son as accións legais que *ten iniciado o concello para denunciar o feito que, segundo declarou, *se ten realizado á marxe do centro. | Quero coñecer cales son as accións legais que iniciou o concello para denunciar o feito que, segundo declarou, se realizou á marxe do centro. |
*Non temos conseguido os obxectivos. | Non conseguimos os obxectivos. |
As cousas *teñen cambiado grazas á loita pola liberación sexual. | As cousas mudaron grazas á loita pola liberación sexual. |
Ata o de agora *ten publicado dous: PC-Card e ExpressCard. | Ata o de agora publicou dous: PC-Card e ExpressCard. |
- Non se debe utilizar o infinitivo como verbo principal dunha cláusula:
*Manifestar a nosa oposición á campaña contra o Decreto de promoción da lingua galega no ensino. | Cómpre (queremos) manifestar a nosa oposición á campaña contra o Decreto de promoción da lingua galega no ensino. |
*Indicar que o número de persoas que se matricularon é importante. | Queremos indicar que o número de persoas que se matricularon é importante. |
* Recoller folleto de matrícula na Secretaría. | Débese recoller o folleto de matrícula na Secretaría. |
- É recomendable, cando for posible, empregarmos infinitivo flexionado, para lle dar prioridade a estruturas sintácticas máis tradicionais:
Os/as alumnos/as de primaria están fartos de reclamar unha serie de melloras. | Os/as alumnos/as de primaria están fartos de reclamaren unha serie de melloras. |
De non facelo así, dámoslles vía libre aos que executan ou incitan estas prácticas violentas para continuar con elas con total impunidade. | De o non facermos así, dámoslles vía libre aos que executan ou incitan estas prácticas violentas para continuaren con elas con total impunidade. |
Agora mesmo estamos a traballar neste eido, tentando convencer empresas galegas para que invistan neste proxecto. | Agora mesmo estamos a traballar neste eido, tentando convencer empresas galegas para investiren neste proxecto. |
A memoria histórica é sempre social e política. Por iso é tan urxente que recuperemos a nosa. | A memoria histórica é sempre social e política. Por iso é tan urxente recuperarmos a nosa. |
Non, estes materiais non se inclúen no programa de gratuidade, por non cumprir o criterio de reutilización durante catro anos. | Non, estes materiais non se inclúen no programa de gratuidade, por non cumpriren o criterio de reutilización durante catro anos. |
Non, os centros que renunciaron a participar no programa de gratuidade non poderán acollerse nos cursos citados ata que transcorran catro anos desde a súa implantación. | Non, os centros que renunciaron a participar no programa de gratuidade non poderán acollerse nos cursos citados até transcorreren catro anos desde a súa implantación. |
Son moitos os turistas que se desprazan pola xeografía galega co único obxectivo de coñecer a súa gastronomía. | Son moitos os turistas que se desprazan pola xeografía galega co único obxectivo de coñeceren a súa gastronomía. |
O prazo para que as librarías entreguen as facturas nos centros remata o 30 de setembro. | O prazo para as librarías entregaren as facturas nos centros remata o 30 de setembro. |
- Cómpre utilizarmos futuro de subxuntivo, sobre todo en contextos condicionais:
Se queres colaborar con nós, contacta a través do seguinte formulario | Se quixeres colaborar connosco, contacta a través do seguinte formulario |
Galiza sairá mellor se se ponderan adecuadamente as variábeis do envellecemento e a dispersión; Cataluña sairá mellor se se contabiliza a inmigración; Madrid, se se computa a concentración urbana; Canarias, se se ten en conta a insulariedade... | Galiza sairá mellor se se ponderaren adecuadamente as variábeis do envellecemento e a dispersión; Cataluña sairá mellor se se contabilizar a inmigración; Madrid, se se computar a concentración urbana; Canarias, se se tiver en conta a insulariedade... |
Aprobación, se procede, do orzamento anual. | Aprobación, se proceder, do orzamento anual. |
Aqueloutras que a Administración ou o Observatorio de Convivencia lle poidan encomendar. | Aqueloutras que a Administración ou o Observatorio de Convivencia lle puideren encomendar. |
- Cómpre rexeitarmos como fórmulas únicas as frases curtas sen subordinación e, de maneira especial, hai que reparar na necesidade de adecuar as estruturas sintácticas á puntuación:
Intercambiade o guión coa parella máis próxima. Eles serán quen a interpreten. Teñen que preparar a actuación: poden ensaiar e vós indicádeslles os cambios que vedes necesarios. Eles farán o mesmo con vós. Incorporade as correccións e as novidades ao guión escrito. | Intercambiade o guión coa parella máis próxima para esta o interpretar. Para preparar a súa actuación pode ensaiar e vós indicádeslle os cambios que xulgades precisos. Os membros desoutra parella farán o mesmo convosco de xeito que teredes que incorporar as correccións e as novidades ao guión escrito. |
É obvio que non se trata de buscar só saídas máis ou menos importantes para os produtos elaborados baixo os principios que determinan esta fórmula de comercio: - Garantía de salarios xustos que permiten ter unha vida digna. - Igualdade home/muller. Igual traballo/igual salario. - Prohibición da explotación infantil. - Organizacións democráticas. - Beneficios destinados a necesidades comunitarias (saúde, educación, formación etc). - Respéctase o medio. Produción ecolóxica. Senón que se trata de construír unha alternativa ao neoliberalismo. | É obvio que non se trata de procurar só saídas máis ou menos importantes para os produtos elaborados baixo os principios que determinan esta fórmula de comercio senón que se tenta construír unha alternativa ao neoliberalismo. Entre as bases que rexen o comercio xusto achamos as seguintes: - Garantía de salarios xustos que permiten ter unha vida digna. - Igualdade home/muller. Igual traballo/igual salario. - Prohibición da explotación infantil. - Organizacións democráticas. - Beneficios destinados a necesidades comunitarias (saúde, educación, formación etc). - Respéctase o medio. Produción ecolóxica. |
Tedes Internet na casa? En caso de que si, para que o usades? | Tedes Internet na casa? Caso de responderdes afirmativamente, comentade para que o usades. |
11. É fundamental eliminarmos españolismos e deformacións e manter e darlle prioridade ao léxico galego:
Débese buscar o enlace máis acaído para chegar á opción desexada. | Débese procurar a ligazón máis acaída para chegar á opción desexada. |
O Departamento de Seguridade contra os Riscos Laborais é un exemplo de coidado do idioma a pesar das dificultades da terminoloxía específica. | O Departamento de Seguranza contra os Riscos Laborais é un exemplo de coidado do idioma a pesar das dificultades da terminoloxía específica. |
Para crer nos discursos políticos temos que eliminar a lista de agravios. | Para acreditarmos nos discursos políticos temos que eliminar a listaxe de agravios. |
Podedes atopar a documentación relativa ao *proiecto na páxina da Consellería de Innovación e Industria. | Podedes achar a documentación relativa ao proxecto na páxina da Consellaría de Innovación e Industria. |
*Sen embargo, *nembargantes | Porén, con todo, no entanto |
*alomenos | Polo menos, ao menos, cando menos |
O PPT require *alomenos *un interfaz ExpressCard segundo o estándar especificado pola asociación PCMCIA, sen *prexuizo de que *poida ofrecerse interfaces adicionais PC-Card ou doutro tipo. | O PPT require, polo menos, unha interface ExpressCard segundo o estándar especificado pola asociación PCMCIA, sen prexuízo de se poderen ofrecer interfaces adicionais PC-Card ou doutro tipo. |
Se, por exemplo, queredes xogar un partido de fútbol, debedes recordar a roupa e o calzado. | Se (De), por exemplo, quixerdes (quererdes) xogar un partido de fútbol, debedes lembrar a roupa e o calzado. |
Antes de *cumprimentar o formulario acórdate de ler as instrucións. | Antes de cubrir o formulario lembra ler as instrucións. |
Presuposto, presupostar | Orzamento, orzar |
Si, o alumnado destes cursos poden acollerse a convocatoria de *becas do Ministerio de Educación e Ciencia no prazo que se establecese na orde de convocatoria. | Si, o alumnado destes cursos poden acollerse a convocatoria de bolsas do Ministerio de Educación e Ciencia no prazo que se establecese na orde de convocatoria. |
*Mantenimento de monumentos | Mantemento de monumentos |
*Encuesta | Enquisa |
*Estadística | Estatística |
*Rentabilidade | Rendibilidade |
*Sostenibilidade | Sustentabilidade, sostibilidade |
Os poderes públicos están obrigados a actuar positivamente en favor dos que quedan ou están en risco de quedaren *ao marxe da sociedade | Os poderes públicos están obrigados a actuaren positivamente en favor das persoas que quedan ou están en risco de ficaren á marxe da sociedade. |
*Ponencia | Relatorio |
*Reseñar | Recensionar |
*Muestreo | Mostraxe |
*Solfeo | Solfexo |
Poderán asistir representantes das empresas licitadoras ao proceso de *evaluación das mostras? | Poderán asistir representantes das empresas licitadoras ao proceso de avaliación das mostras? |
Sobresaínte | Sobresaliente |
*Vislumbrar | Albiscar |
*Trasvase | Transvasamento |
*Ubicación | Localización, situación |
No caso de *productos con *licencia comercial esta cláusula debe interpretarse no sentido de que se *aportarán actualizacións de seguridade. | No caso de produtos con licenza comercial esta cláusula debe interpretarse no sentido de que se ofrecerán actualizacións de seguranza. |
*Retrasar | Atrasar |
*Asignatura | Materia, disciplina |
*Apostilla | Apostila |
O lector de tarxetas intelixentes, debe ir na CPU ou no *tecrado? Os PPTs non establece a *ubicación ou formato do lector de tarxetas intelixentes. | O lector de tarxetas intelixentes, debe ir na CPU ou no teclado? Os PPT non establecen a localización ou o formato do lector de tarxetas intelixentes. |
*Resume | Resumo |
*Recopilación | Recompilación |
*Poseedor | Posuidor/a |
*Postre | Sobremesa |
No caso dos ordenadores portátiles, o lector de tarxetas intelixentes pode ocupa-la *ranura *do interfaz ExpressCard? | No caso dos ordenadores portátiles, o lector de tarxetas intelixentes pode ocupar a fenda da interface ExpressCard? |
*Disminuír | Dimimuír |
*Recabar | Recoller |
*Palanca | Panca |
*Paradoxa | Paradoxo |
Se desexa recibir unha oferta *persoalizada, *pregámoslle *cumprimenten este impreso e envíennolo á dirección que figura ó remate do documento. | Se desexaren recibir unha oferta personalizada, pregámoslles que cubran este impreso e que nolo envíen á dirección que figura ao remate do documento. |
Debedes ler *todos os epígrafes. | Debedes ler todas as epígrafes. |
*Aunar | Xuntar |
*Mezclar | Mesturar |
Esta zona da cidade está a caer literalmente a *pedazos. | Esta zona da cidade está a caer literalmente en anacos. |
*Icono | Icona, símbolo |
*A partires do 2007 | A partir do 2007 |
*Desfrutar | Gozar, beneficiarse |
*Entablar | Promover, emprender |
*Dicen que en doce minutos *chegarase *de A Coruña a Betanzos. | Din que en doce minutos se chegará da Coruña a Betanzos. |
O centro solicitou o 11 de xaneiro un pleno extraordinario para recuperar o *entorno patrimonial das Burgas e velar polas actuacións que o concello está a *desenrolar. | O centro solicitou o 11 de xaneiro un pleno extraordinario para recuperar o contorno patrimonial das Burgas e velar polas actuacións que o concello está a desenvolver. |
Estancia (tempo) | Estadía |
*Anque non o poñan os documentos, unha verdadeira transformación social debe partir da defensa do valor do feminismo. | Aínda que non o poñan os documentos, unha verdadeira transformación social debe partir da defensa do valor do feminismo. |
*Desglosar | Desagregar |
O controlador gráfico pode ser integrado en *praca base, dedicado, en tarxeta engadida...? | O controlador gráfico pode ser integrado en placa base, dedicado, en tarxeta engadida...? |
*Casilla | Cadro, compartimento |
Envía un e-mail co teu password e contestaremos deseguida a túa consulta sobre se mouse é a palabra que debes empregar en galego ou se podemos habilitar rato con esa finalidade. | Envía un correo electrónico co teu contrasinal e contestaremos deseguida a túa consulta sobre se mouse é a palabra que debes empregar en galego ou se podemos habilitar rato con esa finalidade. |
Paréceme unha entrada moi útil para aqueles que teñan dúbidas sobre estes usos. Lembro que, cando a controvertida normativa de xullo 2003 entrou en vigor, o profesor que tiñamos tróuxonos os principais cambios (catorce páxinas), para estudar concienzudamente. Lembro que ninguén se queixou, y que máis ben acatámolo como "ben, se cambiou...teremos que estudar os cambios". Xa pasaron anos, polo tanto, dende que isto sucedeu, mais esta entrada no blogue serviume para repasar ese cambios, e, a verdad, sorprendinme a min mesma, pois, a quitando algún termo léxico que non tiña moi presente, nada me resultou novo :)
ResponderEliminarEstou de acordo con Paula. Hoxe en día teñon un gran número de inseguranzar sobre o meu modo de falar, a grazas a isto, cun pouca de traballo diario irei mellorando e solucionando os meus problemas.
ResponderEliminarMoitas grazas Goretti!!!
Pareceme unha entrada moi útil e de gran axuda,xa que moitas veces cando estou falando e cando estou escribindo un texto en galego teño moitasdúbidas acerca de como facelo e de como se escriben certaspalabras e certos grupos de letras. Grazas a isto, que xa teño impreso, vaime resultar moito máis fácil facer calquera tipo de escrito. Moitas grazas!
ResponderEliminarHe tardado más de una hora en leer y tratar de absorber cuanta más información posible sobre el uso correcto del gallego y puedo decir que como estoy en proceso de aprenderlo, me ha sido muy útil conocer qué formas son mejor y cuáles son las formas correctas que debemos utilizar. Hace días preguntaba a los compañeros si sabían de algún curso de gallego en la universidad para el segundo cuatrimestre, así que si alguien se entera de algún curso intensivo o no para principiantes, por favor que me lo diga.
ResponderEliminarGracias a esta entrada, ya comprendo mucho mejor el uso de pronombres, ya que siempre tenía problemas con los pronombres átonos a la hora de construir la frase. Lo bueno de esta entrada, es que siempre la vamos a poder consultar en cuanto tengamos dudas.
Trátase dunha entrada interesante e de grande utilidade, xa que algunha vez dubido na escrita de certas palabras que mudaron e na colocación pronominal.
ResponderEliminarAdemais, resulta doada a súa consulta ó presentalo a modo de esquema.
Moitas grazas!