sábado, 31 de dezembro de 2011

Feliz 2012!!!

Moi boa entrada de ano para tod@s!!!
Non se nos escapa a ninguén (non imos caer nos tópicos) que este foi un ano pésimo, con moitas dificultades para continuar o proceso de restitución lingüística do galego. A regresión política vai acompañada de importantes ameazas lingüísticas que o goberno actual teiman en converter en realidade. Así, para alén das penurias acumuladas nos últimos anos entre as persoas do colectivo docente -as que xa forman parte del e que as que desexan integrarse para traballar desde o sistema educativo-, vivimos hoxe con anguria a desaparición de postos de traballo vinculados coa normalización lingüística que moitas persoas estaban a desenvolver magnificamente, chegando mesmo a casos esperpénticos (tod@s con Ames).
Porén, hai esperanzas para o 2012. Cumpriuse o obxectivo de Sermos Galiza e poderemos ter en breve unha voz propia no mundo xornalístico, a Universidade da Coruña resiste e consegue ter un reitor comprometido coa universidade pública, Teresa Moure gaña o premio de ensaio Ramón Piñeiro cun traballo sobre a nosa construción persoal e lingüística, houbo persoas que conseguiron defender as súas propostas en numerosos ámbitos (na investigación, por exemplo, ou nas propostas de intervención pública, nas apostas planificadoras, como o moi atractivo texto gañador do Premio Luísa Villalta que agardamos desenvolver o próximo ano) e, a pesar de todos os atrancos que tentan que desapareza a nosa literatura, apareceron libros estupendos, que non caben neste pequeno caixón. Para alén das magníficas novidades en poesía, narrativa e ensaio, quero aconsellar hoxe un libro diferente, dos tan necesarios en galego. Trátase de Sherezade. Novos relatos de pensamento creativo, da autoría de Carlos Medrano, que xa publicara os primeiros enigmas con anterioridade. Velaquí un entretemento fantástico nestas horas de lecer.

Ficarán moitas cousas por dicir (temos 365 días por diante para o facer) mais deséxovos un ano de ilusións e novos proxectos para partillarmos!!! Por tod@s nós..., por Galiza e pola nosa lingua.

segunda-feira, 12 de dezembro de 2011

Non á violencia contra as mulleres!!!

Só outra educación poderá combater este sistema de agresións constantes e asasinatos... Tamén está nas vosas mans, nas vosas palabras...

Sermos Galiza

Existe desde hai uns meses un proxecto para que volva existir un xornal na nosa lingua. É unha iniciativa cidadá a que podedes sumarvos ou, cando menos, consultar os seus obxectivos, a través da rede (páxina web, caderno dixital, facebook, twitter...). Escribín estes días un artigo para promoción deste xornal cuxa ligazón vos deixo para continuar, devagariño, póndolle o ramo aos traballos desta materia. Oxalá cando traballedes como docentes teñades ferramentas como a que está debaixo deste proxecto para formar e informar: http://sermosgaliza.com/?p=583

sábado, 10 de dezembro de 2011

Sobre exames e cualificacións nun martes 13 electoral


Como estades facendo moitos comentarios no caderno dixital, non dou actualizado definitivamente as cualificacións provisionais, que xa non porei, pois fixen cinco listas que tiven que modificar. Direivos a cada persoa o martes o rendemento na materia antes do exame, mais a inmensa maioría xa superastes a materia (moitas cunha altísima participación constante e, por tanto, cunha alta cualificación) e xa o sabedes tamén por cumprirdes os mínimos de lecturas e de comentarios (algunha persoa despistada que participou na aula e non puxo nada –ou moi pouco- no caderno dixital, que bula ben e cumpra).
O exame durará dúas horas xustas. Eu serei puntual e trátase dun requisito que temos que cumprir. Iso tradúcese en que hai persoas (e non son dúas ou tres) que mesmo antes de o faceren teñen nesta materia a máxima cualificación. Non haberá máis tempo, primeiro por terdes máis exames e segundo por ser xustamente o martes a segunda volta das eleccións a reitor (a primeira foi o día 1), onde vos animo a participardes. De tod@s nós depende que a universidade continúe sendo pública, que se comprometa coa diversidade lingüística e que combata as desigualdades. Por se o non sabedes, na primeira volta Xosé Luís Armesto (a cuxo equipo eu apoiei publicamente) levou o maior número de votos, mais non os suficientes como para non ter que ir a unha segunda volta entre a súa candidatura e o segundo máis votado, Luís Castedo. Podedes consultar os programas e coñecer as propostas a través da rede, mais eu non quero que deixedes de votar por non terdes tempo para o facer. As mesas electorais pechan as 19:00 horas. O exame, pois, rematará ás 18:15. O voto é libre e secreto. Votar é un dereito e, ao mesmo tempo, unha responsabilidade.

domingo, 4 de dezembro de 2011

Contra a privatización da auga

Porque todas as loitas están relacionadas e o ben colectivo sempre favorece ás maiorías. Por iso debemos implicarnos:


http://www.youtube.com/watch?v=AXz4XPuB_BM