sábado, 10 de dezembro de 2011

Sobre exames e cualificacións nun martes 13 electoral


Como estades facendo moitos comentarios no caderno dixital, non dou actualizado definitivamente as cualificacións provisionais, que xa non porei, pois fixen cinco listas que tiven que modificar. Direivos a cada persoa o martes o rendemento na materia antes do exame, mais a inmensa maioría xa superastes a materia (moitas cunha altísima participación constante e, por tanto, cunha alta cualificación) e xa o sabedes tamén por cumprirdes os mínimos de lecturas e de comentarios (algunha persoa despistada que participou na aula e non puxo nada –ou moi pouco- no caderno dixital, que bula ben e cumpra).
O exame durará dúas horas xustas. Eu serei puntual e trátase dun requisito que temos que cumprir. Iso tradúcese en que hai persoas (e non son dúas ou tres) que mesmo antes de o faceren teñen nesta materia a máxima cualificación. Non haberá máis tempo, primeiro por terdes máis exames e segundo por ser xustamente o martes a segunda volta das eleccións a reitor (a primeira foi o día 1), onde vos animo a participardes. De tod@s nós depende que a universidade continúe sendo pública, que se comprometa coa diversidade lingüística e que combata as desigualdades. Por se o non sabedes, na primeira volta Xosé Luís Armesto (a cuxo equipo eu apoiei publicamente) levou o maior número de votos, mais non os suficientes como para non ter que ir a unha segunda volta entre a súa candidatura e o segundo máis votado, Luís Castedo. Podedes consultar os programas e coñecer as propostas a través da rede, mais eu non quero que deixedes de votar por non terdes tempo para o facer. As mesas electorais pechan as 19:00 horas. O exame, pois, rematará ás 18:15. O voto é libre e secreto. Votar é un dereito e, ao mesmo tempo, unha responsabilidade.

Sem comentários:

Enviar um comentário