Velaí vai, pois, para quen quixer. O texto pode parecer complicado ao comezo. Non reparedes naquelas cuestións sobre as que non saibades moito e procurade ir á base do asunto, que é o que importa.
Da seguranza lingüística
A seguranza no modelo de lingua que empregamos é unha peza chave no proceso de restauración e de conservación do idioma que foi sistematicamente desprezada, desde o punto de vista educativo, como factor de restitución lingüística, a non ser desde unha perspectiva normativista que só ten conta a ortografía e a morfoloxía e que, ao negar tanto a complexidade como a precisión sintácticas e menosprezar a riqueza léxica agás como fonte de excentricidades, carece de repercusións prácticas de importancia. Esa seguranza encapsulada na cela dunhas normas ten sempre data de caducidade: as oposicións, o exame ou o curso de formación para acrecentar ao currículo. Está demostrado que o feito de a amplísima porcentaxe do funcionariado posuír os títulos dos cursos de iniciación e de perfeccionamento da lingua galega non supuxo un incremento significativo do uso do noso idioma na docencia nin nas diferentes administracións, aínda que si deu lugar a unha maior competencia escrita que tivo algunhas repercusións positivas, pois certo dominio do idioma é un requisito imprescindible para a súa persistencia, mesmo sen a garantir.
O 9 de novembro de 2005 a Secretaría Xeral de Política Lingüística consegue que Galiza pase a ser máis un membro de ALTE (Association of Langage Testers of Europe) e, a partir dese momento, comeza un proceso de modificación da avaliación do coñecemento do galego para se adecuar ao Marco europeo común de referencia para as linguas definido polo Consello de Europa. A mudanza, a partir do ano 2006, a un novo modelo en que se mide a aprendizaxe en termos de capacitación comunicativa esixiría unha reflexión previa para procurar que non acontecese novamente o mesmo, isto é, que non realicemos cursos e concedamos altísimas cualificacións de competencias que rara vez van ser exercidas. De confluírmos na conveniencia de homologación coa aprendizaxe doutras linguas, esta esixe un estudo particular que permita un achegamento diferente ao coñecemento do idioma desde unha óptica interna, pois nunha fase non excesivamentre curta as persoas que van obter os diplomas acreditativos dos distintos niveis dos Celga (Certificado de coñecemento de lingua galega) son, maioritariamente, galegas e/ou levan anos a residir no noso país. Mágoa que non se optase por conceder algún tempo máis a reparar nas especificidades do caso galego para as incorporar na perspectiva do proceso da aprendizaxe e que se realizase unha ficticia validación dos niveis anteriores á alza para evitar problemas, eliminando a posibilidade de aproveitar a mudanza normativa para apostar por un mellor coñecemento do idioma.
A pesar de lle non concedermos relevancia desde a perspectiva lingüística, os seres humanos procuramos seguranzas cotiás pois nelas achamos satisfaccións e comodidades. Mesmo ás veces desexamos saborear os praceres de coñecer as nosas inseguranzas para establecer os nosos límites, sen nos decatarmos de que continuamos, tamén neste caso, a nos mover no terreo das seguranzas. Se a comodidade for unha calidade en que reside a responsabilidade fundamental no abandono lingüístico actual do galego, só proporcionándomos antídotos antidesleixo –en gran parte, a través da seguranza– poderemos mudar nalgunha medida a situación actual do idioma. E mudar algo é recuperarmos usos abandonados para o galego e estender eses usos a outros espazos. Comodamente, isto é, con seguranza.
De entre os criterios habitualmente esgrimidos a prol dunha lingüística liberdade de mercado aparece unha e outra vez o do mercantilismo. A lingua que máis vantaxes proporcione á cidadanía tenderá a ser a máis usada. Sen acreditarmos nun argumento que eliminaría todo o que non produce réditos inmediatos, si xulgamos que unha vantaxe para o emprego do galego é garantirmos profundas seguranzas intra- e extra-lingüísticas. A responsabilidade da Administración, desde esta perspectiva, é chave para acadarmos espazos en que poidamos tripar sen medo.
A seguranza lingüística no modelo de galego que empregamos é fundamental para obtermos resultados no que respecta á súa transmisión e á súa difusión. Estou convencida de que ese é o aspecto que máis precisa a nosa atención, que máis reclama un tratamento profundo e radical. Profundo, porque de o interpretarmos superficialmente só suporá novas frustracións que dicionarios e vocabularios facilmente poderían remediar. Radical porque implicaría verdadeiros cambios revolucionarios na maneira de as persoas usuarias –ocasionais ou conscientes– do noso idioma enfrontaren a dura tarefa diaria de se manteren nel.
Co obxecto de non nos afastarmos excesivamente no tempo e de contribuírmos desde o aquí e agora a unha reflexión que coadxuve a reparar tanto silencio e tanta reiteración no difícil camiño de (re)converter o galego na lingua propia, na nosa lingua primeira e principal, só cualificaremos de grave a irresponsabilidade de non converter o acordo normativo de xullo de 2003 nunha celebración colectiva. É certo que a adhesión ao consenso normativo non foi unánime mais si tan amplamente maioritaria nos sectores sociais usuarios do galego que permitía, POR FIN!!!!, vestirmos o noso idioma cun traxe de festa desde a segunda feira até o domingo para volvermos pórlle o mesmo traxe a seguinte segunda feira, e así semana tras semana, mes tras mes e primavera tras primavera.
O feito de a Real Academia Galega non axilizar a publicación do novo texto, a decisión de a Administración non o facer visible a través da súa publicación oficial –que non fose obrigatorio facelo non significa que non fose necesario, como o paso do tempo acabou por tornar evidente–, o sarcasmo de os poderes públicos atrasaren a súa inclusión nos documentos e publicacións oficiais, o inaudito de aínda hoxe seren precisos cursos de reciclaxe e o extemporáneo de gran parte da poboación que emprega ocasionalmente o galego reproducir sistematicamente a norma anterior adiaron a eliminación dun problema reiterado e utilizado como escusa para non acoller o galego como lingua usual de comunicación en determinados ámbitos . Nin as mudanzas foron tantas nin era difícil, a partir dun texto que inclúe algún que outro punto feble en que tampouco imos deter a nosa ollada, avanzar un pouco máis e favorecer unha maior homoxeneidade e calidade, canto menos na linguaxe administrativa e formalizada das institucións.
O reducionismo fixo que grazas –substituíble en moitos contextos por graciñas ou por obrigada/obrigado– fose a forma escollida para ridiculizar o resultado final dun proceso que posibilitaba situar na marxe o debate normativo e centrar esforzos na recuperación de ámbitos de usos para o galego. Porque non se trataba de abrir un debate sobre a artificialidade ou non da lingua estándar, sobre a súa maior ou menor aproximación á fala. A lingua estándar é, por definición, unha construción e, nese sentido, tan artificial é a decisión de escollermos dicir como a de incluírmos grazas. As linguas non nacen cun estándar debaixo do brazo e só o seu cultivo continuado pode dotalas das ferramentas precisas para se enfrontaren ás necesidades da vida en cada período histórico. As Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego aprobadas no ano 1982 son, como todos os estándares lingüísticos, construcións artificiais de que nos dotamos colectivamente.
De aí que calquera crítica que pretenda deslexitimar o consenso normativo acadado no ano 2003 desde o punto de vista estritamente intralingüístico non pode ser máis que cualificada de superficial ao non distinguir claramente dous aspectos ou dúas perspectivas, a natural e a cultural a respecto das linguas.
Conceptos como os de lingua estándar e lingua coloquial, dialecto e lingua, lingua oficial e lingua propia, entre outros, son habitualmente manipulados para perseguir determinados fins. A banalización dos conceptos referidos ás linguas e a falta de rigor das opinións sobre os usos lingüísticos leva hoxe a afirmar que o estándar galego é un modelo de lingua escollido arbitrariamente, unha afirmación tan verdadeira e tan falsa como predicar o mesmo do italiano, do español, do francés ou de tantos outros idiomas.
No caso galego, a última e interesada confusión ofrécea o documento elaborado polo Club Financeiro de Vigo que ousa afirmar, na páxina 10, que as linguas “se teñen soas e se manteñen, expanden ou esmorecen por razóns absolutamente pragmáticas, derivadas de condicionamentos socio-históricos concretos, alleos a toda consideración ética ou política a posteriori, e, por suposto, a toda vontade consciente de trocalas” e na 13 que “ofrece poucas dúbidas, e a historia así o amosa, que o progreso económico das nacións vai parello ao espallamento da súa lingua”, exemplificando na actualidade co inglés e co español, as únicas linguas que obteñen o título de comúns, mais que, como é ben sabido, só traen riquezas aos EEUU e a España, mais non a Camerún, Etiopía, Malasia ou Paquistán no caso inglés, nin a Ecuador, Paraguai ou Bolivia no caso español.
Xustamente por esta confusión intereseira é difícil persuadir docentes de que o acordo normativo ten, loxicamente, pouco interese intralingüístico e moito extralingüístico. Na realidade a ninguén cun mínimo de coñecementos lingüísticos rigorosos se lle escapa que o desenvolvemento do proceso do acordo normativo e a súa posterior recepción social supoñen un novo exemplo de “espectáculo ortográfico” , presentado con grande esaxeración polo que supón de mudanza de vontades daquelas persoas que deciden (re)converterse para traballar a prol da lingua desde a perspectiva socio-política, mais non polo que supón de novidades e mudanzas intralingüísticas. Tratábase, pois, de inocular a idea de sermos capaces de defender o reintegracionismo desde a norma oficial, como diría Freixeiro Mato, ou de aparcarmos as disputas normativas para avanzar na extensión de ámbitos de usos no idioma, sen desculpas de ningunha caste.
Aquelas persoas que recolleron o acordo só desde a perspectiva intralingüística –como máis unha obriga académica que hai que acatar– continuaron a usar case na súa totalidade o seu modelo anterior sen se decataren de que había unha vontade de construción colectiva que supoñía algo máis e que esixía un esforzo adicional para nos reescribirmos de novo. Esa rendición incondicional só tiña sentido se significaba unha nova etapa para a nosa lingua imaxinada, un correlato desa comunidade imaxinada de Anderson, tamén desde a perspectiva lingüística, unha construción que tan pouco de natural ten e que tan ben define a época Nós e a da Xeración do 16.
Unha decisión planificada con vontade construtiva para dotar dunha maior homoxeneidade e calidade o galego tornaría –rapidamente e desde todas as institucións e persoas preocupadas pola fortuna do noso idioma– en principais a primeira forma do artigo, a contracción ao, mais tamén –aría e, por tanto, aConsellaría introducir formas antes desbotadas para seren postas en circulación, pois só desa maneira pasarían a existir realmente (a legalidade real e non simplemente a legal é a que conta). Insistimos nesta segunda cuestión, porque de xulgarmos que as normas só supoñen as modificacións obrigadas (formas rematadas en –za, -zo e algunha outra restitución como pau unido ás mudanzas gráficas de aglutinacións ou deglutinacións) e que iso non implica incorporarmos formas agora recoñecidas e lexitimadas (como cuxo, porén ou até) e facermos un esforzo para coidar a sintaxe, incluír infinitivo flexionado e, cando menos, non excluírmos o emprego de futuro de subxuntivo estamos enganando os axentes do proceso e unha parte substancial da poboación, quer por agardaren algo máis, quer por non seren conscientes de se moveren tantas vontades para tan cativo resultado.
Mais esta inauguración dunha nova época esixiría un grao de xenerosidade e un recoñecemento colectivo nun modelo de lingua que moitos dos dirixentes –académicos, políticos e académico-políticos– que nos tocou padecer non esta(ba)n dispostos a consentir. De feito, continuamos a combater a inercia (a comodidade, a inseguranza) anterior e a lembrar que existe un novo momento para a lingua.
Foi complicado o proceso que dotou de certa seguranza lingüística moitas persoas usuarias do galego, tanto por reforzar un modelo culto para aquelas que partían dunha transmisión familiar da nosa lingua como aqueloutro que conseguiu afianzar grupos importantes de individuos que quixeron construírse desde o galego a pesar de teren xa perdido o idioma a(s) xeración(s) anterior(es). O labor esforzado, fundamentalmente, mais non só, de docentes a prol desta reintegración lingüística trataba de rematar co esgazamento deliberado en dúas comunidades lingüísticas do noso país e en demasiadas ocasións foi combatido por unha torpe idea que privilexiaba a lingua do berce fronte a aquela en que cada falante decide libremente instalarse. Agasallar, pois, este sector con doses de seguranza lingüística e de recoñecemento social debe situarse como obxectivo principal do proceso de normalización. Cal é a causa de fuxir destes coidados e de se non situar na marabilla e no orgullo de confluírmos desde diferentes espazos, formacións e tradicións?
Na mesma liña negadora deste necesario recoñecemento colectivo nun modelo de lingua consensuado, entre a aparición de preconceptos sobre o idioma, rara vez reparamos nun cada vez máis estigmatizado e que todos e todas, mesmo moitas persoas defensoras do idioma, estamos contribuíndo a reforzar. Falamos do feito de ser a preocupación pola calidade da lingua algo propio non xa dos especialistas senón dun grupo moi reducido de persoas, algo histéricas, que sempre están descontentas e que se realizan denunciando situacións imposibles de se modificaren.
Teriamos que aplicar aquí o dito de Castelao: “Non vos riades, porque o conto é triste”, tan triste que está detrás dalgunhas exclusións sociais e que converte algunhas persoas en obxectivos deterministas susceptibles de non seren escoitadas xamais. Un discurso lingüístico de calidade é tan estraño dentro do galego que consegue espertar ou unha minoritaria admiración entusiasta ou unha maioritaria descualificación baixo a acusación de elitismo. Todo isto sen reparar en corresponder en moitos momentos e espazos un modelo lingüístico sen palabróns, cunha boa sintaxe e cunha acaída escolla léxica. Calquera persoa agardaría recibir esmerados discursos lingüísticos en distintos contextos en español, francés, inglés ou alemán mais o galego parece ter que pagar obrigatoriamente un imposto de coloquialidade para se identificaren os falantes nel.
É ben certo que noutra situación lingüística poderiamos non só relaxar a nosa percepción sobre a calidade da lingua senón mesmo enfrontármonos a ela. Desde unha situación de ameaza permanente e de inferioridade manifesta non é posible manter ningunha actitude diferente á do purismo, entendido sempre non como reforzo normativo senón como lóxica procura dun modelo de lingua auténtico afastado do español. Como en tantos outros aspectos (lémbrense as tantas veces inútiles páxinas arredor dos criterios para a consideración de lingua ou dialecto dunha determinada variedade lingüística), non ten relevancia aquí o interlingüístico e si o extralingüístico.
Nesta liña acreditamos en que o sinal máis inequívoco de que o camiño non é o correcto é o actual desleixo lingüístico, que transmite en excesivos casos e ocasións a falta de preocupación polo modelo de lingua e pola súa calidade. A inexistencia de rexistros en galego e a uniformidade a que sometemos o idioma ten bastante a ver co que desexamos para el. Situándonos no non esforzo, na acomodación por abaixo (“non vaia ser que pensen que son moi culto”; haberá país onde a cultura e o saber estean menos valorados?, haberá lugar onde sexa mellor o espontáneo e natural, aínda que de cativa calidade, que o construído con esforzo e símbolo de paixón e compromiso?), na falta de preocupación, tomamos partido. Tamén neste sentido houbo magníficas voces a defenderen a premeditación fronte a espontaneidade:
Aínda hai quen defende a espontaneidade –iso que se deu en chamar espontaneidade– como soa maneira de se expresar sinceramente e coa vivacidade máxima na literatura. Os defensores do espontaneísmo argumentan dicindo: toda premeditación tende a producir un descenso na temperatura emotiva. O estado de ánimo –engaden– defiáñase e vaise cando un se detén de máis cacheando a expresión. Só se pode ser sincero sendo espontáneo. Parécenos que para ser sincero na expresión –fonda e autenticamente sincero– convirá saber o que se sente e saber expresalo. Doutro xeito ficará un nesa vagarosa indecisión que leva a facer uso e abuso do adxectivo “inefable”, ou rematarase dicindo algo distinto do que verdadeiramente se maxina, sente ou pensa (Dieste 1981: 77-78).
Tampouco aquí existe o apoliticismo. Tomamos partido coa falta de compromiso, coa negativa a sermos exemplo de coherencia, coa transmisión de carencia de motivación e esforzo. Tomamos partido con que “total, que máis ten”. E negámonos a lle dedicar un pouco de tempo a mellorarmos a calidade do idioma que empregamos e a sermos a vangarda, a atraer cara a nós e a construír un modelo máis digno, vestido sempre con traxe de festa, con alegría, porque podermos saír co galego aínda á rúa debe ser obxecto de celebración diaria. E para as celebracións preparámonos, coidámonos. Ou asistimos con desgana. Daquela é que pouco representa para nós. Saibámolo, sexamos conscientes diso.
Moito do que se produce hoxe no noso idioma, ofrece un modelo de idioma simple e simplificado, tanto no léxico como na sintaxe, que foxe da subordinación e da construción de parágrafos medios como se o modelo da linguaxe administrativa fose o único existente. De maneira sistemática realízanse escollas léxicas que coinciden co español e que inzan os breves apuntamentos que se inclúen como orientacións de reiteracións inxustificadas. Así, son únicas ou esmagadoramente maioritarias as formas atopar (e non achar), recordar (e non lembrar), buscar (e non procurar), lista (e non listaxe), necesario (e non preciso), levantar (e non erguer), crer (e non xulgar ou acreditar), quedar (e non ficar), para alén do abuso de pero, que nunca admite ser substituído pola tamén conxunción adversativa galega mais e da preferencia por con vós ou con nós no lugar de convosco ou connosco. É tamén significativa a fuxida de formas de escaso uso na lingua oral que a actual normativa escolleu e que ben poderían introducirse para familiarizar o estudantado con elas, como é o caso de porén. Igualmente, e a pesar de figurar como contido para o Celga 4 o “Uso e equivalencia das formas de infinitivo conxugado” os materiais utilizados prescinden del mesmo en contextos en que todas as gramáticas recomendan (ou prescriben) a súa utilización. Mesmo sen aparecer incluído (tampouco para o Celga 5!!!) o futuro de subxuntivo, sería un matiz desexable a incorporación tamén dalgún futuro de subxuntivo pois, alén de aparecer algún contexto que o está a reclamar, pode moi ben ser útil no “recoñecemento e uso das formas lingüísticas máis axeitadas para cada tipo de discurso e texto (coloquial/formal, oral/escrito, etc.)”, como indican os contidos de Celga 4, preparatorios para a "adecuación das estruturas sintácticas ao contexto e ao tipo de texto (coloquial/formal, oral/escrito, etc." e para o "Recoñecemento dos trazos morfosintácticos diferenciadores das variedades sociais, xeográficas e históricas do galego", incluídos no nivel 5. Se un outro modelo de idioma for posible, o noso compromiso lingüístico será unha realidade transmitida con entusiasmo, en que procuraremos máis ligazóns das habituais no camiño da escrita á oralidade.
Pois a verdade é que estou moi dacordo con todo o exposto. Non son ningún modelo lingüístico a seguir nin moitísimo menos -en todo caso a evitar- pero si que vivín iso algunha vez nas que cando pretendes mellorar o galego falado -adoptar un pouco o estándar- e introduces cousas que aprendes na escola dínche algo como; xa falas como os da Xunta!, ou pareces un bloqueiro!, ou simplemente che repiten a palabra cun ton de mofa. O caso dun curmán (si, case digo primo) meu resúltame paradigmático; cada vez que vendo a TVG escoita "Grazas" ou algunha palabra que descoñece bota as mans á cabeza e dí que iso na vida se dixo e blablabla... que é todo inventado. Eu digo, se a xente cre que o galego normativo non é un galego real, e polo tanto non é válido, entón tamén teremos que rexeitar aqui en Galicia o castellano da RAE e adoptar o castelán real aqui; "las patatas esmagadas porfavor" ou "no doy hecho" (o anuncio veume de pingas), por non poñer exemplos e exemplos. O que quero dicir é que nós mesmos facemos dúas varas de medir ben diferentes, non lle pasamos ao galego que recupere palabras súas, pero si aceptamos (nin nos cuestionamos non facelo) palabras do castelán que nunca escoitamos; "dombo", "tocomocho" ou "quisicosa" (palabras que na miña vida escoitei, e que non dubido de que sexan puramente castelás). Penso que temos que estar abertos, se eu non cuestiono que "dombo" sexa unha forma correcta en castelán, porque vou cuestionar que "orzamento" non o sexa unha palabra galega?. En fin, menudo rollo que botei.
ResponderEliminarLendo o comentario de Alexandre volveume á cabeza algo que tamén lle comentaba o outro día na clase (polo baixo, así que non o soubestes) a unha compañeira cando falamos dese feito tan habitual que todos temos testemuñado centos de veces cando estamos a ver (ou escoitar, mellor dito, nestes caso) a galega con alguén. Ese comentario de... "uff, que maneira de inventar!". E si, eu son consciente tamén e ás veces chócame o indicible escoitar termos que nunca antes escoitara (por veces tamén na galega, claro), pero por que pensamos a primeira cousa que inventan? Por que iso e non simplemente recoñecer que simplemente nós non o sabemos todo nin temos todo o léxico do mundo nin nada que se lle pareza? Saía así un pouco por riba este tema nunha sesión o outro día e discutiamos se se inventaba, se era galego-galego e estas cousas de sempre. A min todo isto á verdade é que hai tempo que me costa entendelo; quero dicir, paréceme un discurso absurdo. O exemplo que eu poño (e que lle comentaba á compañeira) é o día a día na miña casa: meus pais son nacidos en aldeas distintas, mais moi próximos, concellos limítrofes. Ámbolos dous falan e falaron galego (entre eles, si, en principio e ata non hai tanto entre eles, por suposto, non con nós a xeración do futuro -mal abondo o pasaron eles de novos como para querer iso para os seus fillos-), mais de súpeto miña nai, por un dicir, mira estrañada a meu pai porque dixo tal cousa para referirse quizais a un becho ou o que for... e sóltalle o de sempre... "pero que dis, ho!, se non sabes como se chama non inventes, serás"... E comeza a discusión ata que ó final, estaba claro, "pois aló chamabámoslle tal e alá tal outra cousa". Así que non, faise a paz porque ningún estaba inventando. E sabedes o que máis me sorprende de todo, pese a ver isto case diariamente, a levalo facendo eles unha vida enteira? O que sorprende é que sentamos na mesa, poñemos a galega e, como o resto todo, dicimos: "mira que inventan!".
ResponderEliminarEn fin, todo isto que escribín non deixa de ser unha anécdota máis que se vai un pouco do fío do post. Aínda que para min é bastante significativa e en moitas ocasións me ten invitado a reflexionar sobre como xulgamos certos aspectos, referidos á lingua moi especialmente. E é que é verdade que, consciente ou inconscientemente, moitas veces a defendemos facéndolle favor ben cativo. A defensa do galego porque tan noso é, tan bonito, tan da terra, tan da casa... esa defensa tan chea que se fai, que facemos, ás veces acaba por ter ese resultado contraproducente. E é que é, segundo o meu entender, cando menos, demasiado emocional e ten moi pouco de efectiva ou realista. Porque acontece que non queremos ser respectuosos coa lingua, que non coidamos dela, que fuximos de todo o que poida soar artificial, aprendido ou estandarizado por non soar elitistas, por non sermos acusados de inventar, de non ter esas raíces na terra e de querer ser e aparentar. Mais que clase de favor é o que lle estamos a facer deste xeito á lingua. Mantela onde está, que fique nos estratos máis baixos apegada a un uso que pola súa propia evolución hai tempo que vive en gran medida deturpada. E no outro extremo, deixar illados os sectores que tratan de canalizar, de dar un estatus, unha referencia , unha calidade á lingua.
ResponderEliminarE, como comentamos tantas veces, polo medio, nada... Tendemos a eses dous extremos, e desaparece a normalidade. Alleamos a quen pretenden tratar o galego como calquera outra lingua, co que ten de artificial, e crémonos mellores defensores porque defendemos a súa "esencia", a puridade do cotiá, esquecendo que non... non é pura, hai tempo que pouco ten de pura a lingua cotiá (como é lóxico e como acontece con todas as linguas do mundo, por outra banda!!), mais o único que facemos ó pretendermos contraimpoñer esa lingua da terra é privala da oportunidade de medrar, de consolidarse, de sustentarse nun estándar forte e asumido por todos que, por outra parte, sería o que lle devolvería, ó meu parecer, moito dese prestixio que a fai en parte débil para sobrevivir fronte, neste caso, outra lingua.
Gustoume moito o texto, e os exemplos propostos polos meus compañeiros mostran diferentes situacións que serven para o mesmo fin: por que co galego inventan? Porque á xente cóstalle, cada vez máis, recoñecerse cun modelo culto (e non só para o galego). Se é polas barbaridades coas que día sí e día tamén somos deleitados pola televisión, non o sei, mais coido que todo pode influir. Ademáis, creo que a educación é cada vez máis permisiva con isto de esixir o aprendizaxe dunha variante culta da lingua. Poño por caso aspectos que sempre me chocaron: aínda está por ver a primeira ver que un profesor de lingua española lle corrixa a un estudante "comistes", "dou acabado", e un longo etcétera (porque con iso de que a forma vulgar do español de Galicia...); e, do mesmo xeito, tampoco escoitei a ningún docente corrixir un "te" por un "che", a pesar de ser materia curricular a distinción entre o uso dunha ou doutra forma segundo sexa obxecto directo ou indirecto (esa distinción, fóra do exercicio concreto...parece que deixa de ter vixencia).
ResponderEliminarCoido, pois, que o gran problema e a falta de preocupación de gran parte da sociedad pola identificación co modelo de lingua de culto, o que ocasiona esa falta de seguranza lingüística ante ese modelo e xenera ese afán de protesta ante calquer intento de regularización. Así, hai uns anos escoitei a unha estudante de maxisteria dicir que tiña un par de materias para setembro porque a suspenderan por faltas, o cal era moi inxusto. O meu pensamento....imaxino que é fácil de imaxinar, mais (aparte de parecerme vergoñento, e non inxusto) pensei, que tipo de conñecementos e de esixencias vai ensinar un mestre que non é quen de escribir correctamente os dous, tres ou catro folios dos que consta un exame?
Creo que a prioridade co galego está en falalo antes que en actualizalo. Unha vez feito o primeiro, o segundo é cuestión de tempo para habituarse ás palabras que soan raro, para que se vaia normalizando o seu uso. Con isto volveríamos ó tema das actitudes e reaccións ante o diferente.
ResponderEliminarPor outro lado, considero que o rexistro coloquial e o culto non teñen porqué compartir termos e non por iso é mellor ou peor galego un que outro, máis ou menos puro, son diferentes e xa está, é normal non recoñecer o modelo culto en ambientes non cultos.
Aínda que non entendo que sexan tarefas incompatibles, a decisión de ir incorporando léxico é independente de cada falante, cada quen o seu ritmo e co seu galego. Mais polo menos e para iso, sí é preciso que ese “novo” léxico esté ahí para ter a posibilidade de elexir e ir enriquecendo a lingua.
Por se non o vistes:
ResponderEliminarhttp://www.elpais.com/articulo/Galicia/procura/dunha/lingua/calidade/elpepuespgal/20111118elpgal_25/Tes
No ano dous mil tres acadouse por fin un consenso normativo para a lingua galega que foi criticado por moitos, xa que o consideraban artificial e resultaba "incómodo". Calquera lingua estándar comeza sendo unha construción artificial que só se volve natural e cómoda mediante o seu uso.
ResponderEliminarO galego, como calquera outra lingua, non pode ficar reducido ao uso coloquial, senón que debe presentar distintos niveis que esixen ao falante certo esforzo e un desexo de falar e escribir con corrección.
Como filologo, comprendo que aos falantes lles desagrade ter que esforzarse para falar ben, mais estou plenamente de acordo en que calquera lingua esixe certo esforzo cando se usa nun nivel culto. O caso do galego no é distinto, igual que non é o mesmo o castelán que se fala na rúa que o que usa un ponente nunha conferencia. Reducir todo o uso do galego ao ámbito coloquial, equivale a suprimir unha boa parte das capacidades do idioma.
Cando se fala, falase rápido e sen pensar demasiado no que se dí. Cando escribimos fixámonos máis no que facemos, lemos e relemos as cousas as veces demasiado.
ResponderEliminarA seguranza no uso da língua sobre todo nos entornos coloquiais ten que salir dun mesmo; coas actitudes de rirnos dos demáis ou comentado que non e así, facemoslle moito mais dano a lingua que outra cousa.
No entorno culto si e certo que compre dediquemos un pouco de tempo para falar e escribir con correción (como di Xose Luis no comentario anterior).
Cando eu era pequena e estudiaba galego na escola, recordo que os meus pais quitando algún léxico concreto, entendían todo e as veces axudábanme.
Os meus pais sempre usaron o galego para todo ata que comenzaron a traballar (en galicia e fora de ela). Na miña casa sempre se falou galego e non había barreira ningunha entre o que nos aprendiamos na escola e o que eles usaban habitualmente. Pero conto todo esto, por que quero recalcar que cando o meu pai escribía en galego ou falaba en termos máis cultos, moitas das palabras utilizadas resultabanme extrañísimas e as veces recordabanme máis o portugués que o que eu estudiaba.
O galego a nivel escrito non leva tantos anos de uso, os cambios normativos desorientannos moitas veces, pero a realidade e que moito do que supoñemos a lo menos no meu caso aprendímolo na escola. E a escola moitas veces por facilitalo ensino supoño, desestimou unha parte do léxico que existe, ou exitíu e que merece ser conservado. Non olvidemos que os nosos maiores que usaron galego en moitos más ambitos, que a maioria de nos e durante moito máis tempo son os que teñen que dicir se as palabras son ou non galegas con máis criterio. ¡Que saberemos nos!, que non levamos tanto tempo no mundo.
Coincido co que din os meus compañeiros, creo que a xente está infravalorando o galego e por iso non lle da a importancia que lle debería dar. Os falantes de galego, deberíamos ter máis constancia á hora de usalo e de ir introducindo pouco a pouco palabras máis normativas. Despois xa todo sería mais fácil. O importante é saber diferenciar os rexistros e saber o que podemos e non podemos usalos. Recoñezo os exemplos que pon Alexandre, e teñoos oído e a verdad levo as mans a cabeza, xa que a xente solta iso, e queda como senón pasase nada. En fín, hai moita xente que presume de falar ben e non sabe nin o que é iso.
ResponderEliminar