sexta-feira, 18 de novembro de 2011

Galicia 2098

Quen non ten cabeza ten que andar a estas horas abrindo entradas no caderno dixital!!! Faltaba esta...

13 comentários:

  1. Sen palabras, calafríos, pel de galiña… Simplemente: emocionante.
    Silencio, silencio absoluto, moitas veces sobran as palabras…
    Silencio, silencio forzado por ese run run constante na nosa mente, ese ir e vir de pensamentos… ¿veñen de fóra? ¿ou son disputas entre os nosos ideais internos? Remordemento.
    Silencio, silencio roto, por esas preguntas que nos fan, preguntas que non saben respostar… preguntas… “¿vasme deixar morrer?” emoción… Petición: “¡Axúdame! ¡Por favor, axúdame!” A lingua personificada, a nosa identidade, a de cada un de nós…
    Frías paredes, brancas impolutas, luz tenue; valeiro, todo semella valeiro; un resoante eco, rebota nas paredes dos pasillos, que se fan labirínticos cara a súa saída. Entras valeiro, saes… ¿Cómo saes? Tomadura de pelo, dicían á entrada, “entramos para nada”… realmente para nada? ¿Qué pensarían ó saír? De seguro, que non fica como unha simple experiencia que ó saír á rúa se esquece, ese run run, segue aí, sen que poidamos ignoralo… (vivir esta acción en directo, sen saber o que vai pasar… ten que ser… buf! Incrible!)
    Ollada perdida nun infinito incerto. “Vasme deixar morrer aquí…” Afirmación. Ou non? Conciencia. Realmente este vídeo conciencia da perda da lingua? A miña opinión é que claramente si… Olladas cara o chan, de inseguridade, de sentimento, a modo de desculpa… Derrota.
    Miradas que o din todo.
    Soidade, tristeza, silencio…
    Simplemente impresionante este vídeo. Unhas palabras e un profundo ollar en silencio, son claves para manter unha gran conversa, unha longa conversa. Di un proverbio árabe: quen non entende unha mirada, tampouco entenderá unha longa explicación.
    É unha mostra, esta, do compromiso da arte coa permanencia da nosa lingua. Non só os ámbitos escritos como contos, textos, longos libros de investigación fan fincapé neste afán por recuperar o noso, por mantelo, senón dende o mundo da arte tamén se fai, como levamos visto en distintas ilustracións, curtos, pequenos spots publicitarios, etc. Esta é unha gran mostra de videoarte, profunda, directa.
    Lembro unha vez que fixen un traballo para unha asignatura na carreira (Belas Artes), onde trataba o tema da importancia de manter a nosa identidade, o noso idioma, e cómo mantelo? Cómo deberíamos facelo? Pois a min, nese momento, non se me ocurreu outra idea que forrarme de papel burbulla e botar a andar polas rúas de Pontevedra. ¿Por qué con papel burbulla? Pois porque é con el co que protexemos as cousas máis valiosas que temos, cousas que queremos que non se estraguen nunca; e ¿qué mellor que forrar a nosa propia identidade?! Sen deixar que nada que veña de fóra nos afecte ou contamine, e seguir defendendo o noso. O meu. Foi unha experiencia extrana e á vez gratificante, a xente mirabame asombrada, outros rían e burlábanse de min, caras de “¿qué está a pasar?” continuamente ó meu redor, pero non me importaba. Nese momento deixei de ser Adri, e convertinme en lingua, e paseei ante a multitude totalmente distinta a min, e mestureime con eles, e quixen integrarme, mais sempre me facían corro, fuxían. ¿É así como se sente o galego (personificándoo)? Mellor dito, como se chegará a sentir? (pois agora somos moitos os que aínda o arroupamos) Só, abandonado, marxinado… tal e como vimos no vídeo. Arrinconado.
    Se isto chega a pasar algún día, espero non estar aquí para velo.
    Pel de galiña…

    ResponderEliminar
  2. O video foi arrepiante. Coido que este debería encabezar os enlaces da entrada de "pequenas pílulas sociolingüísticas" xa que realmente invita á reflexión, a unha reflexión profunda que vaia máis alá; non se trata de revivir o pasado, senón simplemente de evitar que o que hoxe é presente non chegue nunca a ser pasado, non chegue xamáis a convertirse en obxecto museístico e /ou expositivo. Cómpre manter o presente, pois só o vivo permanece vivo. Relacionado tamén cos temas propostos no debate, o importante non é o pasado, nin o futuro a moi longo prazo, senón o presente, o noso, o que vivimos e sentimos de xeito máis inmediato.
    Cito de memoria (e a miña memoria é bastante pouco literal), uns versos que dicían algo máis ou menos así: "el ojo que ves no es ojo porque lo ves; es ojo porque te ve". Do mesmo xeito, a lingua non é lingua porque esté recluida nunha habitación do museo, senón que a lingua é aquela que está viva, aquela que, collendo a metáfora do ollo, "ve" e non simplemente "é vista".

    ResponderEliminar
  3. Persoalmente o vídeo non me causou moi boa impresión a primeira vez que o vin. Pareceume moi frío, un destes vídeos que case mete medo velo, non entendía o que estaba a pasar.
    Mediante este vídeo creo que se pretende fomentar a reflexión. Temos que valorar o que temos, e non deixar ir aqueles aspectos do noso arredor que nos fan mellores, que nos axudan a comprender o mundo, o noso contexto, en definitiva TODO.
    Cando a personaxe que está soa na habitación e que todo van ver lle pregunta si o vai deixar alí, si non vai facer nada por el, si o vai deixar morrer… quedo sen palabras. Sei que son demasiado positiva no tema da lingua porque creo que o galego sufriu unha represión moi grande pero tamén creo que iso esta empezando a esmorecer. O uso la lingua entre a poboación nova non é moita pero creo e espero que ningún galego vai deixar que súa lingua chegue a estes estremos. Desexo iso, pero á vez que comento non estou de todo segura de que o podamos conseguir, temos que fomentar o uso da nosa lingua entre nos, os mais novos, para así podelo evitar.

    ResponderEliminar
  4. Novamente atácase ás emocións. O video petende facer aflorar no espectador un sentimento, unha emoción que lle leve a reflexionar sobre o tema en cuetión. Moi dramático, unha persoa, unha lingua, mais a realidade supera à ficción tantas veces...
    Hai que valorar, querer e coidar o que se ten antes de que se perda, pois logo xa é tarde pra recuperalo.

    ResponderEliminar
  5. Como din os compañeiros certo é que a curta algo de arrepío si que da, un algo de angustia penso que nos transmitiu a todos. Supoño que ten que ver co que ten de profecía e co feito de que si, todos somos un pouco conscientes de que a situación pola que pasa (e pasou aínda máis se cabe) a nosa lingua apunta cara ese final en certo sentido. E si, concordo en que seguramente esteamos a tempo de inverter o proceso e, de feito, se estean dando pasos nesa dirección. O que si me parece moi significativo e a ter en conta da mensaxe que nos manda o pequeno vídeo este acerca da musealización da lingua. Explícome... ás veces tómanse medidas, fanse propostas, lévanse adiante, deféndese por activa e por pasiva a necesidade da conservación da lingua, a necesidade de protexela como patrimonio, como cultura, como sinal de identidade dun pobo. Mais, se nos atemos só a iso, eu penso que con esa soa defensa estamos abocados a ser espectadores en vivo do relatado no filme. A musealización. Non creo que a lingua sexa algo que haxa conservar, en stricto senso (de feito na profecía consérvase, non é?, mais non é iso o que quereriamos)... creo que a lingua é algo que temos que usar... a súa vida está no uso, no día a día, na evolución, deixala medrar, que tome o camiño que deba tomar... pero non se trata dun obxecto sacralizado, hai que darlle vida, non mantela como obxecto de veneración. A conservación de lingua non é en vitrina (non debe selo, penso eu), a súa conservación pasa por vivila, por falala. Para iso son as linguas, non?

    ResponderEliminar
  6. Fan falla as veces imaxes duras, impactantes ou verbas directas e concisas para que nos demos conta das miserias ou dos perigos que ameazan a nosa sociedade.

    Pero á vez unha porta ao optimismo, a saber que neste perigo en particular, está nas nosas mans a solución, en nós, na nosa lingua.

    Un a un neste país deberiamos facernos esa pregunta (vamos deixalo morrer?) a nos mesmos, e o respondela quizais, estariamos máis preto da conquista dunha lingua forte fora de toda ameaza. Porque eu penso que amamos o galego, mais non sempre llo demostramos.

    ResponderEliminar
  7. Estou de acordo cos meus compañeiros en que a curta púxome a pel de galiña… os produtores conseguiron transmitir sentimentos de medo, inquietude, desolación e incomprensión.
    Mostran o galego coma unha anécdota da historia, algo pasado que a xente só pode observar, ou mellor dito so quere observar; está preto de morrer e ninguén fai o mínimo por sacalo da súa agonía.
    Nas nosas mans queda non ter que pasar por esta situación nun futuro, e a solución xa a sabemos, como diría Pondal: falade neniñ@s, falade galego.

    ResponderEliminar
  8. O video pareceume frio e provocou en min una sensación como de medo, por dicilo dalgunha forma. Paréceme moi triste que existan posibilidades de chegar a estos extremos, todo por non poner un pouco da nosa parte e manter viva a nosa língua e a nosa identidade. Xa que se perdemos a lingua, perderemos todo. Mencionase no vídeo una frase “Recuerdas cuando nuestro hablaba de esta gente que ya había desaparecido”, falan de quen usa o galego como un ser extraño, doutro mundo, quizáis de ciencia.- ficción e non real. Pero, hai que mencionar que en moitas ocasións e situación ocorre algo parecido a isto, se falas galego mírante como se non soubesen o que é, e moita xente trata de adaptarse e comezar a usar outra língua. É completamente necesario olvidarse dos prexuízos e dar uso ó galego en tódolos ámbitos xa que é a nosa identidade. E para os que pensan que se desaparece estarán mellor, dicirlles que se more o galego, morrerá una parte deles.

    ResponderEliminar
  9. Trátase dunha curtametraxe que non deixa indiferente, apela directamente ás emocións. É
    un vídeo moi logrado co que se invita á reflexión e á concienciación do que significa a desaparición dunha lingua.
    O que se nos amosa no vídeo é unha situación extrema, é o que pode ocorrer se damos as costas á nosa lingua facendo que o derradeiro falante acabe nun museo coma única mostra da súa especie. A xente obsérvao abraiada facendo caso omiso das súas súplicas de axuda.
    Pois ben, habería que ir animándose e concienciándose dende este momento da importancia da lingua e fomentar o seu uso para evitar que se chegue a unha situación similar á que se ve na curtametraxe; xa que como se veu falando moitas veces ó longo das sesións, a desaparición dunha lingua non só implica a perda da lingua en si, senón de todo un modo particular que ten de entender o mundo unha sociedade.

    ResponderEliminar
  10. Dacordo cos meus compañeiros o video querenos facer reflexionar antes de que sexa tarde, para que elixamos o futuro que queremos para o galego.

    ResponderEliminar
  11. Como ben din os meus compañeiros o video é arrepiante...e ainda que non creo que sexa unha situación tan cercana, con documentos coma este parece que o vemos máis cerca (non saberia onde encadralo, acabo de ver a noticia nun diario dixital e quedoume peor corpo que co video que nos puxo Goretti na clase):
    http://www.atlantico.net/noticia/170893/vigues/logra/retirar/libro/texto/gallego/

    ResponderEliminar
  12. Unha curta impactante, esperemos no chegar nunca a estes extremos. Opino igual que moitos compañeiros, unha campaña que nos fai reflexionar sobre o que poderia ser o noso futuro se non mediamos xa!

    ResponderEliminar
  13. o vídeo descríbenos un futuro catastrófico para o Galego. Neste futuro os galego falantes son pezas de museo que se expoñen o público. Os incrédulos miran a estas rarezas e pregúntanlles porque insisten no uso dunha lingua que xa ninguén máis usa. E unha reflexión da que ninguén esta libre; debemos deixar morren o noso patrimonio linguístico, soterralo nalgún museo e esquezelo para sempre. Moito se falou sobre a "utilidade" do galego, moitos creen que non paga a pena falar un idioma que so se fala nun recuncho de españa, e plantexan o seu olvido. Sen embargo para moitos máis, o galego e unha parte importante da identidade deste país e polo tanto esquezer o idioma e esquezer unha parte de nos mesmos, como poderiamos vivir sabendo que unha parte de nos esta encerrada e condenada a morte.

    ResponderEliminar