Unha recomendación de Lara e de Sara, que agradecemos:
quarta-feira, 23 de novembro de 2011
sexta-feira, 18 de novembro de 2011
Debate 2
O principio empezase a debater cales serían os temas máis importantes; na maioria dos casos a participación faise razoando, achegando argumentos e respectando os turnos de palabra.
É curioso que a pesar de se situaren aleatoriamente, durante a maior parte do debate a disputa centrase nás dúas bandas da clase, e case sempre se responden os que están mais ou menos enfrente.
A medida que vai avanzando o debate, algúns solapanse, debido ao acaloramento da conversa sen escoitar todo o que tiña que dicir a persoa anterior. É máis importante (útil, léxico …)ou a (educación, a rede, e o teatro)? Pois en vista dos bos argumentos dos nosos compañeiros quedamonos coa educación , a rede e o teatro (é a mellor forma de chegar a xente).
A profesora tivo que intervir xa que aínda que se debatían asuntos concretos, se desviaban do tema central , ordenalos por prioridades.
Despois dun anaco de debate parece que os bos argumentos deixaron claro cales deberían estar o principio, e cales o final. Aínda que haxa discrepancias e pequenos movementos na lista que todos faríamos. A idea xeral esta clara, e aínda os máis reticentes aceptan a elaboración dunha lista consensuada.
A algúns costoulles arrincar bastante, pero o importante é que case todos acabaron achegando o seu granciño de area a pesar do duro que nos pareza as veces falar diante de todos.
Debate
- CRITERIOS SEGUIDOS DURANTE O DEBATE
En liñas xerais, os primeiros criterios escollidos de forma individual intentan abarcar dende as propostas máis sinxelas ás máis difíciles de acadar. Pero ao tentar chegar a unha conclusión de grupo, abandónase moitas veces ese criterio polo voto da maioría das persoas que interveñen activamente no debate, dado que o 75% da clase adoita unha actitude máis pasiva (no sentido de que deixan decidir aos compañeiros máis faladores). "No sistema educativo a transmisión de coñecementos debe facerse maioritariamente dende o glosolandés" é votado como primeiro criterio por 9 dos 26 asistentes.
As desviacións de tema, comparando o caso para estudar con outras linguas (inglés e galego) non tardan en aparecer, e incluso se fan apuntamentos de ideas baseados en experiencias persoais cunha temática diferente á que se trata. A persoa moderadora (Goretti, posto que non xorde un moderador interno no grupo) tenta conducir o grupo para que xunten os criterios segundo temáticas máis xerais, coma por exemplo educación, utilidade, cultura, ocio, investigación...
Vólvese a unha coincidencia case unánime, a educación é o primeiro ámbito que o glosolandés debe abarcar. Seguido de difundir que é útil, de que se deben transmitir conceptos sociolingüísticos a través de todo o currículo. O problema aparece cando hai xente que propón que é necesario recoller todo o léxico existente, traducir toda a lexislación..., porque parecen opcións moi custosas en esforzo e con repercusión a longo prazo.
Acto seguido, abandónase o criterio de ir acadando campos sinxelos para pouco a pouco chegar aos máis complexos, e unha boa porcentaxe de xente parece que optan por apoiar criterios bastante xerais, porque a interpretación de cada un dálle a entender unha idea que lle parece correcta. A moderadora fai novamente acto de presenza e advirte do erro de deixarse levas polos enunciado xerais que non comprometen a nada, polo que os participantes deben novamente centrarse en criterios concretos e abarcables, e non en ideas xerais.
Aparecen novas desviacións de temas en torno ao modelo catalán de lingua e do distinto que é fomentar ou obrigar a usar unha lingua. Tamén hai persoas que coas súas opinións reflicten que non tiveron en conta que xa existía abondosa literatura en glosolandés e mesmo que esta lingua ten unha forte presenza na rede. O moderador apunta que non debemos achegar nunca o noso punto de vista sobre certos contidos, cando o que se trata é de resolver problemas concretos.
Para un grupo de 5/6 persoas é significativo o ámbito xurídico, porque é onde se denota a falta de presenza desta lingua, pero o certo é que noutros ámbitos como na xuventude e no ámbito relixioso a presenza do glosolandés tamén é moi escasa.
Discútese entón que é o máis importante para esta lingua... ¿asegurar o futuro?, ¿asegurar o presente e manter o que ten? O pensamento do grupo é lóxico, fixar obxectivos a longo prazo é moi difícil, é mellor centrarse no curto e medio prazo. Como o ámbito xurídico non é de uso cotián para todos os cidadáns, ao contrario que a rede, decídese que potenciar esta. É certo que a presenza do glosolandés xa é forte neste medio, pero, por ser tan accesible e de uso cotiá, cómpre seguir mantendo o recurso en boas condicións.
Grazas á reflexión da moderadora enténdese que a recompilación total do léxico é un traballo con resultados visibles a moi longo prazo. Ademais, un compañeiro achega un dato relevante: tanto o glosolandés coma o sombreiranés posúen moitos elementos en común, co cal este criterio é aprazable no tempo.
Chegados a este punto aínda se aprecia que o 40% da xente non achegou ideas ao longo do debate. Ao preguntar neste grupo, votan a favor de apoiar o teatro co afán de reforzar un vehículo da lingua moi importante xa existente, e mesmo seguen a vincular estas accións a reforzos educativos.
A idea de homenaxear persoeiros non parece contentar á ampla maioría, por entender estas prácticas como algo que se asocia á falta de dinamismo, e como algo do pasado. Ideas coma esta sempre teñen puntos de vista moi distintos, porque as palabras teñen o poder de evocarnos ideas e sensacións distintas a cada un de nós segundo as nosas vivencias.
Unha compañeira comeza a dubidar... ¿o idioma do noso nome proporciónanos a identidade?, ¿márcanos coma para determinar a lingua vehicular da nosa vida? Parece que non, que debemos desbotar a idea cara á listaxe dos criterios do final.
Tampouco parece que a idea de que os glosolandeses empreguen o glosolandés no comezo das súas relacións de parella sexa prioritaria, nin que se empregue nos ritos funerarios. Porén, apúntanse ideas como que é moi posible que a parella que se comunica nun idioma seguramente eduque o seu fillo nese idioma, e que parece un pouco insólito que as persoas que durante toda a súa vida falaron nunha lingua non sexan homenaxeadas tras a súa morte na súa propia lingua. Ideas coma esta fai que estes criterios non se desboten de cara á parte final da listaxe.
Como parece claro que canto máis especializado é un ámbito menos interesa á maioría, aos campos estritamente moi especializados tamén se lles outorga postos finais na lista.
Vese como aspecto negativo o feito de só relacionar o idioma coas festas e a tradición, xa que caemos no risco de sentirnos estereotipados (ou estigmatizar a propia lingua) se só se empregan nestes contextos. A xente non quere asociar o idioma ás brincadeiras. Porén, asume que as festas pertencen ao eido social, pero que como referente dese eido prefiren mellorar a socialización a través do ámbito educativo. A moderadora comparte a idea de que o sistema educativo é o mellor ámbito de socialización.
Conclusión: compañeiros e compañeiras deron unha orde aos criterios segundo o que estes lles ían suxerindo, pero non se preocuparon moito de argumentar as súas ideas tomando coma punto de partida as premisas establecidas no enunciado sobre o estado do glosolandés. Porén, parece que todo o mundo é consciente do poder da educación para manter e mellorar a identidade dos pobos a través do ensino global dunha lingua.
- PARTICIPACIÓN DO GRUPO
Falta de iniciativa nun primeiro momento e escasa participación na primeira parte do debate na que se toman parte pouco mais dun terzo da clase.
O maior número de puntos de vista son oídos en cuestións de utilidade, léxico e ámbito xurídico, pero o que causou maior reacción foron os temas fóra do debate: oposicións, obrigatoriedade ou non da lingua, galego, catalán…
Aínda que case todos rematan por intervir cando menos unha vez, podemos dicir que a participación foi dun 70‑75%, xa que houbo xente que participou só no momento en que se lles preguntou directamente. Por outra banda, o peso do debate levouno un grupo minoritario reducido de persoas, quen interviñeron en maior número de ocasións e con exposicións máis prolongadas e determinantes. Mais, algunhas veces, o debate sobre algún punto en concreto non acabou máis que en empate, ou sen gran convencemento do que remata por ceder.
- ACTITUDE DO GRUPO ¿líder vs. opinión de grupo?
Aínda que non todo o mundo participou na mesma medida, unhas 8-10 persoas levaron o peso do debate, non houbo liderados individuais que arrastrasen o resto. E, exceptuando ocasións puntuais, a tendencia foi a de chegar a acordos co resto e non a de impoñer as opinións propias.
Podíase detectar (salvo momentos moi puntuais, e quizais xa cara ao final do debate) posturas moi inmobilistas e individualizadas, no sentido de que cada un dos participantes expoñía a súa postura, mais non argumentaba ou achegaba os criterios que o levaran a ela para contrapoñela a posturas diverxentes doutros participantes. O argumento máis utilizado para rebater unha posición da listaxe era expoñer a propia (se non era coincidente), máis non razoar ou tratar de debater propiamente por que a de un e non a do outro deberían ocupar ese posto na listaxe.
Porén, pequenos grupos tomaron case sempre as decisións que se deberían adoitar por maioría, de xeito que a dinámica de debate propiamente tal quedou algo minorada. Ademais, moitas das cuestións que se debateron, foi só entre 3-4 persoas.
A presenza de Goretti como moderadora aumentou na segunda parte, tanto pra empurrar a falar os que aínda non o fixeran como para explicar e dar a súa opinión sobre os enunciados que xeraron máis confusión: ámbito xurídico, recoller todo o léxico e uso do idioma nas baiucas.
- DISPERSIÓN CON RESPECTO AO TEMA PROPOSTO
As desviacións con respecto ao tema proposto foron puntuais, mais bastante abondosas, de especial significación as que comparaban caso do glosolandés (tema do debate) coas linguas máis próximas a nós, é dicir, co do galego (tamén o catalán apareceu nalgúns casos), e incluso se achegaban xustificacións e argumentos con criterios baseados en experiencias persoais. Por veces puido parecer que se perdía totalmente o fío, de non ser pola recondución do debate por parte da moderadora. A dispersión, acentuouse en liñas xerais máis especialmente contra o final do debate.
Anotar tamén que non foi doado chegar a un acordo final, debido, probablemente, en parte a estas desviacións do tema, mais tamén en cuestións de entendemento, percepción e interpretación dos puntos que se viñan dados para expoñer e debater.
Galicia 2098
Quen non ten cabeza ten que andar a estas horas abrindo entradas no caderno dixital!!! Faltaba esta...
Xornadas Lingua e Ecoloxía
Aínda que non poidades acudir a todo, é libre a entrada a calquera das actividades programadas, paga a pena coñecer o Paraninfo da Reitoría e será un bo momento para reflexionardes sobre a situación das linguas do mundo a través doutras voces. Haberá tradución inglés/galego. Pasádeo!!!
VIII XORNADAS SOBRE LINGUA E USOS: LINGUA E ECOLOXÍA
Lugar: Paraninfo da Universidade da Coruña
Días: 30 de novembro e 1 de decembro de 2011
Organiza: Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración coa Real Academia Galega
Financia: Secretaría Xeral de Política Lingüística
MÉRCORES 30 DE NOVEMBRO
9.30 h | Recepción e entrega da documentación |
10.00 h | Acto de inauguración - Reitor da Universidade da Coruña - Secretario xeral de Política Lingüística - Secretario xeral da UDC - Directora do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña - Representante da Real Academia Galega |
10.30 h | CONFERENCIA INAUGURAL “Results of growthism and linguistic and ecological homogenisation in education – whose knowledges are valid?” Conferenciante: Tove Skutnabb-Kangas |
12.30 h | Pausa |
13.00 h | RELATORIO "Memoria, ecoloxía e identidade cultural en Galiza" Conferenciante: María López Sández |
17.00 h | RELATORIO "Do activismo ecolóxico ao activismo lingüístico" Conferenciante: Teresa Moure |
18.30 h | OBRADOIRO "Obradoiro de narracións ecolóxicas" Impartido por: Anxo Moure |
19.45 h | Pausa |
20.00 h | RELATORIO “Educação para o desenvolvimento sustentável e diversidade linguística: que possibilidades?” Conferenciante: Ana Isabel Andrade |
XOVES 1 DE DECEMBRO
10.00 h | RELATORIO “Ecofeminismo: unha nova ollada á realidade rural desde o imaxinario literario galego “ Conferenciante: Isabel Vilalba Seivane | |
11.15 h | RELATORIO "Para sermos lingüisticamente sustentables" Conferenciante: Carme Junyent | |
12.45 h | Pausa | |
13.00 h | OBRADOIRO "Obradoiro de músicas vexetais" Impartido por: Pablo Carpintero | |
17.00 h | MESA REDONDA “Activismo ecolóxico e recuperación cultural” Participantes: - Representante de Patrimoniogalego.net: Manuel Gago - Representante da Fundación Galicia Verde: Mabel Rivera | |
18.30 h | Pausa | |
19.00 h | CONFERENCIA DE CLAUSURA " Creating a balance between English and local languages” Conferenciante: Robert Philipson |
INSCRICIÓN
Gratuíta a través do formulario que se publica na páxina web do Servizo de Normalización Lingüística (www.udc.es/snl).
O prazo de inscrición remata o venres 25 de novembro de 2011, ás 14:00 h.
Está solicitado un crédito de libre configuración para o alumnado da UDC que asista a esta actividade.
Para obter o diploma de asistencia será preciso acudir ás conferencias programadas
quarta-feira, 16 de novembro de 2011
A rede continúa...
Un novo documental, Fronteiras, que xulgades interesante difundir, sobre a falta de coincidencia entre fronteiras político-administrativas e lingüísticas:
http://video.google.es/videoplay?docid=8384521364641041210#
http://video.google.es/videoplay?docid=8384521364641041210#
Un agasallo que nos fixo David
Póñovos esta ligazón que enviastes un de vós e que está estupenda. Vai sobre os (ab)usos do inglés:
http://www.ted.com/talks/lang/es/patricia_ryan_ideas_in_all_languages_not_just_english.html?awesm=on.ted.com_9AQD
http://www.ted.com/talks/lang/es/patricia_ryan_ideas_in_all_languages_not_just_english.html?awesm=on.ted.com_9AQD
sexta-feira, 11 de novembro de 2011
A CRTVG
Como tamén falamos da importancia dos medios de comunicación e, aínda que eu son moi pouco partidaria da tele (moito máis da radio), coido que é moi interesante a reflexión que nos envía Iolanda en formato de vídeo, onde se dá conta do problema que suporía a transformación dunha compañía pública ao servizo do maioría social do país, a través da promoción da súa lingua propia, nunha compañía privada onde só se tivesen en conta os intereses dos mercados. Velaí vai a ligazón:
http://www.youtube.com/watch?feature=player_detailpage&v=GnGr7dYK6bA
http://www.youtube.com/watch?feature=player_detailpage&v=GnGr7dYK6bA
Da seguranza lingüística
Houbo dúas consideracións que me levaron a procurar este texto que eu mesma escribín hai algún tempo: unha, a eterna polémica sobre se o modelo culto de lingua (para o galego) é artificial ou non, como se esa artificialidade non fose consubstancial a todos os estándares; e dúas, a reflexión sobre a necesidade de posuírmos diferentes rexistros en galego e non termos que nos situar sempre nun nivel vulgar, parecendo que é preciso "pagar" (metaforicamente) un imposto de coloquialidade para que o seu emprego soe a "natural". E isto nun mundo en que xa sabemos que somos construcións, culturais, sociais, en que os seres humanos optamos por nos dotarmos de vontades que superan as limitacións dos impulsos como única forma de relación.
Velaí vai, pois, para quen quixer. O texto pode parecer complicado ao comezo. Non reparedes naquelas cuestións sobre as que non saibades moito e procurade ir á base do asunto, que é o que importa.
Velaí vai, pois, para quen quixer. O texto pode parecer complicado ao comezo. Non reparedes naquelas cuestións sobre as que non saibades moito e procurade ir á base do asunto, que é o que importa.
Da seguranza lingüística
A seguranza no modelo de lingua que empregamos é unha peza chave no proceso de restauración e de conservación do idioma que foi sistematicamente desprezada, desde o punto de vista educativo, como factor de restitución lingüística, a non ser desde unha perspectiva normativista que só ten conta a ortografía e a morfoloxía e que, ao negar tanto a complexidade como a precisión sintácticas e menosprezar a riqueza léxica agás como fonte de excentricidades, carece de repercusións prácticas de importancia. Esa seguranza encapsulada na cela dunhas normas ten sempre data de caducidade: as oposicións, o exame ou o curso de formación para acrecentar ao currículo. Está demostrado que o feito de a amplísima porcentaxe do funcionariado posuír os títulos dos cursos de iniciación e de perfeccionamento da lingua galega non supuxo un incremento significativo do uso do noso idioma na docencia nin nas diferentes administracións, aínda que si deu lugar a unha maior competencia escrita que tivo algunhas repercusións positivas, pois certo dominio do idioma é un requisito imprescindible para a súa persistencia, mesmo sen a garantir.
O 9 de novembro de 2005 a Secretaría Xeral de Política Lingüística consegue que Galiza pase a ser máis un membro de ALTE (Association of Langage Testers of Europe) e, a partir dese momento, comeza un proceso de modificación da avaliación do coñecemento do galego para se adecuar ao Marco europeo común de referencia para as linguas definido polo Consello de Europa. A mudanza, a partir do ano 2006, a un novo modelo en que se mide a aprendizaxe en termos de capacitación comunicativa esixiría unha reflexión previa para procurar que non acontecese novamente o mesmo, isto é, que non realicemos cursos e concedamos altísimas cualificacións de competencias que rara vez van ser exercidas. De confluírmos na conveniencia de homologación coa aprendizaxe doutras linguas, esta esixe un estudo particular que permita un achegamento diferente ao coñecemento do idioma desde unha óptica interna, pois nunha fase non excesivamentre curta as persoas que van obter os diplomas acreditativos dos distintos niveis dos Celga (Certificado de coñecemento de lingua galega) son, maioritariamente, galegas e/ou levan anos a residir no noso país. Mágoa que non se optase por conceder algún tempo máis a reparar nas especificidades do caso galego para as incorporar na perspectiva do proceso da aprendizaxe e que se realizase unha ficticia validación dos niveis anteriores á alza para evitar problemas, eliminando a posibilidade de aproveitar a mudanza normativa para apostar por un mellor coñecemento do idioma.
A pesar de lle non concedermos relevancia desde a perspectiva lingüística, os seres humanos procuramos seguranzas cotiás pois nelas achamos satisfaccións e comodidades. Mesmo ás veces desexamos saborear os praceres de coñecer as nosas inseguranzas para establecer os nosos límites, sen nos decatarmos de que continuamos, tamén neste caso, a nos mover no terreo das seguranzas. Se a comodidade for unha calidade en que reside a responsabilidade fundamental no abandono lingüístico actual do galego, só proporcionándomos antídotos antidesleixo –en gran parte, a través da seguranza– poderemos mudar nalgunha medida a situación actual do idioma. E mudar algo é recuperarmos usos abandonados para o galego e estender eses usos a outros espazos. Comodamente, isto é, con seguranza.
De entre os criterios habitualmente esgrimidos a prol dunha lingüística liberdade de mercado aparece unha e outra vez o do mercantilismo. A lingua que máis vantaxes proporcione á cidadanía tenderá a ser a máis usada. Sen acreditarmos nun argumento que eliminaría todo o que non produce réditos inmediatos, si xulgamos que unha vantaxe para o emprego do galego é garantirmos profundas seguranzas intra- e extra-lingüísticas. A responsabilidade da Administración, desde esta perspectiva, é chave para acadarmos espazos en que poidamos tripar sen medo.
A seguranza lingüística no modelo de galego que empregamos é fundamental para obtermos resultados no que respecta á súa transmisión e á súa difusión. Estou convencida de que ese é o aspecto que máis precisa a nosa atención, que máis reclama un tratamento profundo e radical. Profundo, porque de o interpretarmos superficialmente só suporá novas frustracións que dicionarios e vocabularios facilmente poderían remediar. Radical porque implicaría verdadeiros cambios revolucionarios na maneira de as persoas usuarias –ocasionais ou conscientes– do noso idioma enfrontaren a dura tarefa diaria de se manteren nel.
Co obxecto de non nos afastarmos excesivamente no tempo e de contribuírmos desde o aquí e agora a unha reflexión que coadxuve a reparar tanto silencio e tanta reiteración no difícil camiño de (re)converter o galego na lingua propia, na nosa lingua primeira e principal, só cualificaremos de grave a irresponsabilidade de non converter o acordo normativo de xullo de 2003 nunha celebración colectiva. É certo que a adhesión ao consenso normativo non foi unánime mais si tan amplamente maioritaria nos sectores sociais usuarios do galego que permitía, POR FIN!!!!, vestirmos o noso idioma cun traxe de festa desde a segunda feira até o domingo para volvermos pórlle o mesmo traxe a seguinte segunda feira, e así semana tras semana, mes tras mes e primavera tras primavera.
O feito de a Real Academia Galega non axilizar a publicación do novo texto, a decisión de a Administración non o facer visible a través da súa publicación oficial –que non fose obrigatorio facelo non significa que non fose necesario, como o paso do tempo acabou por tornar evidente–, o sarcasmo de os poderes públicos atrasaren a súa inclusión nos documentos e publicacións oficiais, o inaudito de aínda hoxe seren precisos cursos de reciclaxe e o extemporáneo de gran parte da poboación que emprega ocasionalmente o galego reproducir sistematicamente a norma anterior adiaron a eliminación dun problema reiterado e utilizado como escusa para non acoller o galego como lingua usual de comunicación en determinados ámbitos . Nin as mudanzas foron tantas nin era difícil, a partir dun texto que inclúe algún que outro punto feble en que tampouco imos deter a nosa ollada, avanzar un pouco máis e favorecer unha maior homoxeneidade e calidade, canto menos na linguaxe administrativa e formalizada das institucións.
O reducionismo fixo que grazas –substituíble en moitos contextos por graciñas ou por obrigada/obrigado– fose a forma escollida para ridiculizar o resultado final dun proceso que posibilitaba situar na marxe o debate normativo e centrar esforzos na recuperación de ámbitos de usos para o galego. Porque non se trataba de abrir un debate sobre a artificialidade ou non da lingua estándar, sobre a súa maior ou menor aproximación á fala. A lingua estándar é, por definición, unha construción e, nese sentido, tan artificial é a decisión de escollermos dicir como a de incluírmos grazas. As linguas non nacen cun estándar debaixo do brazo e só o seu cultivo continuado pode dotalas das ferramentas precisas para se enfrontaren ás necesidades da vida en cada período histórico. As Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego aprobadas no ano 1982 son, como todos os estándares lingüísticos, construcións artificiais de que nos dotamos colectivamente.
De aí que calquera crítica que pretenda deslexitimar o consenso normativo acadado no ano 2003 desde o punto de vista estritamente intralingüístico non pode ser máis que cualificada de superficial ao non distinguir claramente dous aspectos ou dúas perspectivas, a natural e a cultural a respecto das linguas.
Conceptos como os de lingua estándar e lingua coloquial, dialecto e lingua, lingua oficial e lingua propia, entre outros, son habitualmente manipulados para perseguir determinados fins. A banalización dos conceptos referidos ás linguas e a falta de rigor das opinións sobre os usos lingüísticos leva hoxe a afirmar que o estándar galego é un modelo de lingua escollido arbitrariamente, unha afirmación tan verdadeira e tan falsa como predicar o mesmo do italiano, do español, do francés ou de tantos outros idiomas.
No caso galego, a última e interesada confusión ofrécea o documento elaborado polo Club Financeiro de Vigo que ousa afirmar, na páxina 10, que as linguas “se teñen soas e se manteñen, expanden ou esmorecen por razóns absolutamente pragmáticas, derivadas de condicionamentos socio-históricos concretos, alleos a toda consideración ética ou política a posteriori, e, por suposto, a toda vontade consciente de trocalas” e na 13 que “ofrece poucas dúbidas, e a historia así o amosa, que o progreso económico das nacións vai parello ao espallamento da súa lingua”, exemplificando na actualidade co inglés e co español, as únicas linguas que obteñen o título de comúns, mais que, como é ben sabido, só traen riquezas aos EEUU e a España, mais non a Camerún, Etiopía, Malasia ou Paquistán no caso inglés, nin a Ecuador, Paraguai ou Bolivia no caso español.
Xustamente por esta confusión intereseira é difícil persuadir docentes de que o acordo normativo ten, loxicamente, pouco interese intralingüístico e moito extralingüístico. Na realidade a ninguén cun mínimo de coñecementos lingüísticos rigorosos se lle escapa que o desenvolvemento do proceso do acordo normativo e a súa posterior recepción social supoñen un novo exemplo de “espectáculo ortográfico” , presentado con grande esaxeración polo que supón de mudanza de vontades daquelas persoas que deciden (re)converterse para traballar a prol da lingua desde a perspectiva socio-política, mais non polo que supón de novidades e mudanzas intralingüísticas. Tratábase, pois, de inocular a idea de sermos capaces de defender o reintegracionismo desde a norma oficial, como diría Freixeiro Mato, ou de aparcarmos as disputas normativas para avanzar na extensión de ámbitos de usos no idioma, sen desculpas de ningunha caste.
Aquelas persoas que recolleron o acordo só desde a perspectiva intralingüística –como máis unha obriga académica que hai que acatar– continuaron a usar case na súa totalidade o seu modelo anterior sen se decataren de que había unha vontade de construción colectiva que supoñía algo máis e que esixía un esforzo adicional para nos reescribirmos de novo. Esa rendición incondicional só tiña sentido se significaba unha nova etapa para a nosa lingua imaxinada, un correlato desa comunidade imaxinada de Anderson, tamén desde a perspectiva lingüística, unha construción que tan pouco de natural ten e que tan ben define a época Nós e a da Xeración do 16.
Unha decisión planificada con vontade construtiva para dotar dunha maior homoxeneidade e calidade o galego tornaría –rapidamente e desde todas as institucións e persoas preocupadas pola fortuna do noso idioma– en principais a primeira forma do artigo, a contracción ao, mais tamén –aría e, por tanto, aConsellaría introducir formas antes desbotadas para seren postas en circulación, pois só desa maneira pasarían a existir realmente (a legalidade real e non simplemente a legal é a que conta). Insistimos nesta segunda cuestión, porque de xulgarmos que as normas só supoñen as modificacións obrigadas (formas rematadas en –za, -zo e algunha outra restitución como pau unido ás mudanzas gráficas de aglutinacións ou deglutinacións) e que iso non implica incorporarmos formas agora recoñecidas e lexitimadas (como cuxo, porén ou até) e facermos un esforzo para coidar a sintaxe, incluír infinitivo flexionado e, cando menos, non excluírmos o emprego de futuro de subxuntivo estamos enganando os axentes do proceso e unha parte substancial da poboación, quer por agardaren algo máis, quer por non seren conscientes de se moveren tantas vontades para tan cativo resultado.
Mais esta inauguración dunha nova época esixiría un grao de xenerosidade e un recoñecemento colectivo nun modelo de lingua que moitos dos dirixentes –académicos, políticos e académico-políticos– que nos tocou padecer non esta(ba)n dispostos a consentir. De feito, continuamos a combater a inercia (a comodidade, a inseguranza) anterior e a lembrar que existe un novo momento para a lingua.
Foi complicado o proceso que dotou de certa seguranza lingüística moitas persoas usuarias do galego, tanto por reforzar un modelo culto para aquelas que partían dunha transmisión familiar da nosa lingua como aqueloutro que conseguiu afianzar grupos importantes de individuos que quixeron construírse desde o galego a pesar de teren xa perdido o idioma a(s) xeración(s) anterior(es). O labor esforzado, fundamentalmente, mais non só, de docentes a prol desta reintegración lingüística trataba de rematar co esgazamento deliberado en dúas comunidades lingüísticas do noso país e en demasiadas ocasións foi combatido por unha torpe idea que privilexiaba a lingua do berce fronte a aquela en que cada falante decide libremente instalarse. Agasallar, pois, este sector con doses de seguranza lingüística e de recoñecemento social debe situarse como obxectivo principal do proceso de normalización. Cal é a causa de fuxir destes coidados e de se non situar na marabilla e no orgullo de confluírmos desde diferentes espazos, formacións e tradicións?
Na mesma liña negadora deste necesario recoñecemento colectivo nun modelo de lingua consensuado, entre a aparición de preconceptos sobre o idioma, rara vez reparamos nun cada vez máis estigmatizado e que todos e todas, mesmo moitas persoas defensoras do idioma, estamos contribuíndo a reforzar. Falamos do feito de ser a preocupación pola calidade da lingua algo propio non xa dos especialistas senón dun grupo moi reducido de persoas, algo histéricas, que sempre están descontentas e que se realizan denunciando situacións imposibles de se modificaren.
Teriamos que aplicar aquí o dito de Castelao: “Non vos riades, porque o conto é triste”, tan triste que está detrás dalgunhas exclusións sociais e que converte algunhas persoas en obxectivos deterministas susceptibles de non seren escoitadas xamais. Un discurso lingüístico de calidade é tan estraño dentro do galego que consegue espertar ou unha minoritaria admiración entusiasta ou unha maioritaria descualificación baixo a acusación de elitismo. Todo isto sen reparar en corresponder en moitos momentos e espazos un modelo lingüístico sen palabróns, cunha boa sintaxe e cunha acaída escolla léxica. Calquera persoa agardaría recibir esmerados discursos lingüísticos en distintos contextos en español, francés, inglés ou alemán mais o galego parece ter que pagar obrigatoriamente un imposto de coloquialidade para se identificaren os falantes nel.
É ben certo que noutra situación lingüística poderiamos non só relaxar a nosa percepción sobre a calidade da lingua senón mesmo enfrontármonos a ela. Desde unha situación de ameaza permanente e de inferioridade manifesta non é posible manter ningunha actitude diferente á do purismo, entendido sempre non como reforzo normativo senón como lóxica procura dun modelo de lingua auténtico afastado do español. Como en tantos outros aspectos (lémbrense as tantas veces inútiles páxinas arredor dos criterios para a consideración de lingua ou dialecto dunha determinada variedade lingüística), non ten relevancia aquí o interlingüístico e si o extralingüístico.
Nesta liña acreditamos en que o sinal máis inequívoco de que o camiño non é o correcto é o actual desleixo lingüístico, que transmite en excesivos casos e ocasións a falta de preocupación polo modelo de lingua e pola súa calidade. A inexistencia de rexistros en galego e a uniformidade a que sometemos o idioma ten bastante a ver co que desexamos para el. Situándonos no non esforzo, na acomodación por abaixo (“non vaia ser que pensen que son moi culto”; haberá país onde a cultura e o saber estean menos valorados?, haberá lugar onde sexa mellor o espontáneo e natural, aínda que de cativa calidade, que o construído con esforzo e símbolo de paixón e compromiso?), na falta de preocupación, tomamos partido. Tamén neste sentido houbo magníficas voces a defenderen a premeditación fronte a espontaneidade:
Aínda hai quen defende a espontaneidade –iso que se deu en chamar espontaneidade– como soa maneira de se expresar sinceramente e coa vivacidade máxima na literatura. Os defensores do espontaneísmo argumentan dicindo: toda premeditación tende a producir un descenso na temperatura emotiva. O estado de ánimo –engaden– defiáñase e vaise cando un se detén de máis cacheando a expresión. Só se pode ser sincero sendo espontáneo. Parécenos que para ser sincero na expresión –fonda e autenticamente sincero– convirá saber o que se sente e saber expresalo. Doutro xeito ficará un nesa vagarosa indecisión que leva a facer uso e abuso do adxectivo “inefable”, ou rematarase dicindo algo distinto do que verdadeiramente se maxina, sente ou pensa (Dieste 1981: 77-78).
Tampouco aquí existe o apoliticismo. Tomamos partido coa falta de compromiso, coa negativa a sermos exemplo de coherencia, coa transmisión de carencia de motivación e esforzo. Tomamos partido con que “total, que máis ten”. E negámonos a lle dedicar un pouco de tempo a mellorarmos a calidade do idioma que empregamos e a sermos a vangarda, a atraer cara a nós e a construír un modelo máis digno, vestido sempre con traxe de festa, con alegría, porque podermos saír co galego aínda á rúa debe ser obxecto de celebración diaria. E para as celebracións preparámonos, coidámonos. Ou asistimos con desgana. Daquela é que pouco representa para nós. Saibámolo, sexamos conscientes diso.
Moito do que se produce hoxe no noso idioma, ofrece un modelo de idioma simple e simplificado, tanto no léxico como na sintaxe, que foxe da subordinación e da construción de parágrafos medios como se o modelo da linguaxe administrativa fose o único existente. De maneira sistemática realízanse escollas léxicas que coinciden co español e que inzan os breves apuntamentos que se inclúen como orientacións de reiteracións inxustificadas. Así, son únicas ou esmagadoramente maioritarias as formas atopar (e non achar), recordar (e non lembrar), buscar (e non procurar), lista (e non listaxe), necesario (e non preciso), levantar (e non erguer), crer (e non xulgar ou acreditar), quedar (e non ficar), para alén do abuso de pero, que nunca admite ser substituído pola tamén conxunción adversativa galega mais e da preferencia por con vós ou con nós no lugar de convosco ou connosco. É tamén significativa a fuxida de formas de escaso uso na lingua oral que a actual normativa escolleu e que ben poderían introducirse para familiarizar o estudantado con elas, como é o caso de porén. Igualmente, e a pesar de figurar como contido para o Celga 4 o “Uso e equivalencia das formas de infinitivo conxugado” os materiais utilizados prescinden del mesmo en contextos en que todas as gramáticas recomendan (ou prescriben) a súa utilización. Mesmo sen aparecer incluído (tampouco para o Celga 5!!!) o futuro de subxuntivo, sería un matiz desexable a incorporación tamén dalgún futuro de subxuntivo pois, alén de aparecer algún contexto que o está a reclamar, pode moi ben ser útil no “recoñecemento e uso das formas lingüísticas máis axeitadas para cada tipo de discurso e texto (coloquial/formal, oral/escrito, etc.)”, como indican os contidos de Celga 4, preparatorios para a "adecuación das estruturas sintácticas ao contexto e ao tipo de texto (coloquial/formal, oral/escrito, etc." e para o "Recoñecemento dos trazos morfosintácticos diferenciadores das variedades sociais, xeográficas e históricas do galego", incluídos no nivel 5. Se un outro modelo de idioma for posible, o noso compromiso lingüístico será unha realidade transmitida con entusiasmo, en que procuraremos máis ligazóns das habituais no camiño da escrita á oralidade.
quinta-feira, 10 de novembro de 2011
Para as persoas que quixeren reflexionar sobre o seu modelo de lingua
Calidade da lingua
Goretti Sanmartín Rei (goretti@udc.es)
1. Cuestións previas
a. A persoa que agardaba que lle dixesen o que tiña que facer ou da necesidade de nos dotarmos de discursos e de recuperarmos o significado das palabras.
b. Do pouco e do moito que vale falar galego. A utilidade de preocuparnos pola súa calidade para o mellorar.
c. Pode ser útil a formación? E a corrección?
d. Cómpre recoñecermos as nosas dificultades e os nosos esforzos. Tod@s somos neofalantes
2. Sobre a calidade da lingua
a. A necesidade da diferenza
b. Algunhas cuestións de lingua:
b.1.Fai o que che eu digo e procura outra colocación do pronome átono
b.2. Queremos dotar o galego da dignidade que merece. O complemento directo sen preposición a
b.3. Cómpre empregarmos infinitivo flexionado
b.4. Se o vós por ben tiverdes volveremos ao futuro de subxuntivo
b.5. Introducíndomos contidos en parágrafos
b.6. Coido pertinente recuperarmos o léxico tradicional
c. Contra a homoxeneización ou a procura dun estilo propio
3. A falta de referentes
a. A reflexión arredor da nosa responsabilidade como persoas coñecedoras do idioma.
b. Negándonos a separar formas e contidos. Cando os procedementos son ideoloxía.
c. Construíndonos na lingua. A necesidade de ler.
MUDANZAS NORMATIVAS XULLO 2003
CAPÍTULO | CAMBIOS e/ou POSIBILIDADES | RECOMENDACIÓN |
Elimínase a acentuación de interrogativos que introducen interrogativas indirectas, agás se é preciso para evitar anfiboloxías. | Non acentuar (preguntáronlle cando estaría o informe; dixéronlle onde podía buscar a información). | |
7. Os signos de interrogación e admiración | O seu emprego é só obrigatorio ao final do enunciado. Poderíase tamén utilizalo ao principio. | Usar só ? e ! (Que fas?, Canto traballas!) agás para evitar ambigüidades. |
8.4. Grupos -ct- e -cc- (redución e conservación) | Suprímese sistematicamente a primeira consoante cando precede as vogais i e u, excepto nunhas poucas palabras (40) de uso restrito. Velaí as máis importantes: adicción, adicto, convicción, convicto, dicción, dúctil, edicto, ficción, ficticio, fricción, invicto, micción, pictórico, ricto, succión, veredicto. | Escribir condución, conflito, contradición,(re)construción, dedución,dedutivo, estrutura, flutuación, flutuar, indutor, introdutorio, (re)produción, produtivo,restrición, restritivo, vítima, xurisdición. |
8.4. Grupos -ct- e -cc- (vocalización) | A consoante implosiva vocaliza en i nos casos de reitor, reitorado, reitoral, reitoría, e seita (mais sectario, sectarismo). | Usar reitoría para o edificio e reitorado para o período de mandato. |
8.7. [ks] (grafía -x-) | Admítese exaxerar, exixir... a carón de esaxerar, esixir... | |
9.1. -ancia, -encia..., -za, -zo... | Amplíase a relación de voces con -zo, -za: diferenza (indiferenza), espazo (espazar, espazoso), graza (desgraza), licenza, na-cenza (renacenza), novizo, perseveranza, presenza, querenza (benquerenza, malque-renza), sentenza, servizo (servizal) e terzo (terza, terzá, terzar). | |
9.7. -ble/-bel | Considéranse correctos tanto -ble (pl. -bles) como -bel (pl. -beis). | |
9.8. -eo, -eu e -ao, -au | Engádense chapeu, romeu e xubileu á relación de palabras en -eu. Engádense bacallau e pau á relación de palabras en -au. | |
9.11. -us, -um, -o | Engádense ímpeto e tribo á relación de palabras en -o. | |
9.14. -án / -á 9.15. -án / -ana. | Acomódanse ao esquema -án / -á (do tipo irmán, irmá; cidadán, cidadá, etc.) as seguintes formas: afgán, afgá; alazán, alazá; alemán, alemá; barregán, barregá; bosquimán, bosquimá; capitán, capitá; catalán, catalá; ermitán, ermitá; escribán, escribá; gardián, gardiá; musulmán, musulmá; rufián, rufiá; sancristán, sancristá; sultán, sultá e truán, truá, xunto cos xentilicios galegos con masc. en -án: arousán, arousá; bergantiñán, bergantiñá; compostelán, compostelá... | A terminación -án / -ana fica reservada para caracterizadores pexorativos (burricán, burricana; folgazán, folgazana; lacazán, lacazana etc...). |
9.16. -ón / -oa, -ona | A flexión -ón /-oa úsase nos seguintes casos: anfitrión, anfitrioa; bretón, bretoa; campión, campioa; ladrón, ladroa (e ladra); león, leoa; patrón, patroa; saxón, saxoa; teutón, teutoa. | O esquema -ón /-ona queda reservado para formacións aumentativas (casona...) e para deverbais pexorativos (preguntón, preguntona; faltón, faltona...). |
9.18. -dade, -tade | Pasa a -dade: puberdade. | |
9.20. -aría / -ería | Dáselle preferencia á solución tradicional -aría, aínda que se admite tamén a solución -ería. | Usar sempre -aría: cafetaría, consellaría,enxeñaría, romaría... Excepcións: batería, galante-ría, galería, mercería. |
14. O artigo 14.1.1. Formas | O alomorfo -lo é de uso obrigatorio só despois da preposición por e do adverbio u: vou polo camiño; u-lo neno? | Non utilizalo nunca nestes casos: facer o inventario, levas o perfil, todos os estudantes... |
14. O artigo 14.1.2. Contraccións | O encontro da preposición a co artigo represéntase graficamente como ao, aínda que podería usarse ó como segunda posibilidade. | Usar ao e aos: van ao encontro, os discentes recorren ao dicionario... |
15. Pronomes 15.3. Demostrativos | Elimínanse esto, eso e aquelo como formas neutras, ficando como formas invariábeis únicas isto, iso e aquilo. | Usar isto, iso e aquilo. |
15.5. Relativos... | Engádese o relativo posesivo cuxo, -a, -os, -as. | Usalo sen abusar. |
16. Numerais 16.1. Cardinais | Deglutínanse os numerais entre vinte e trinta: vinte e un, vinte e dous.... | |
16.3. Multiplicativos | Elimínanse as formas triple e cuádruple, ficando só triplo,-a e cuádruplo,-a. | Usar triplo,-a e cuádruplo,-a. |
17. Verbo 17.1. Paradigmas regulares | Prescríbese a acentuación proparoxítona na P4 e P5 dos pretéritos de subxuntivo (andásemos, andásedes...), mantendo a acentuación paroxítona no copretérito, antepretérito e pospretérito: andabamos, andaramos, andariamos. | |
17. Verbo (Uso do antepretérito e do pretérito de subxun-tivo) | “Recoméndase manter ben discriminados os usos dos dous tempos (-ra como antepretérito de indicativo e -se como pretérito de subxuntivo)”. | Facer ben as distincións: xa marchara o reitor cando chegou o conselleiro fronte a díxolles que marchasen da xuntanza por non respectaren as normas (non marcharan). |
17. Verbo (Futuro de subxun-tivo) | “Dada a súa lexitimidade histórica e a súa rendibilidade en certos rexistros lingüísticos, como por exemplo a linguaxe xurídica, cómpre restaurar o seu uso, sempre dentro dos límites da corrección establecidos pola gramática”. | Utilizalo en oracións condicionais cando o verbo principal vai en presente ou en futuro: se quixeres ter bolsa, aproba todo; cando estudares, dominarás a norma; se quixeren, reunímonos mañá.. |
18. Adverbios e locucións adverbiais 18.1. De lugar | Engádense á lista alén e aquén. | |
18.2. De tempo | Aglutínanse acotío, decontado, decontino, decote, decotío, deseguida, deseguido, enseguida. Elimínase entonces. | |
18.3. De cantidade e precisión | Aglutínase a locución apenas. Elimínase alomenos. | |
18.4. De modo | Aglutínanse as locucións amodo e devagar. | |
18.7. De dúbida | Aglutínase a locución talvez. | |
19. Preposicións e lo-cucións prepositivas | Engádense a respecto de, alén de, após, aquén de, até, canto a. | |
20. Conxuncións e locucións conxun-tivas | Elimínanse anque, nembargantes, sen embargo. | |
20.3. Adversativas | Engádese no entanto, porén. | |
20.4. Concesivas | Elimínase anque. | |
20.7. Consecutivas | Elimínase entonces. | |
20.10. Temporais | Aglutínase apenas, decontado que, deseguida que. Engádese até que. | |
Outros (léxico) | Establécense como únicas formas correctas: estudo (estudar, estudante...); vogal (subst.); frota. | Exemplos: as vogais e as consoantes; o vogal dunha comisión; mais: as cordas vocais, a harmonía vocal... |
Algunhas recomendacións sobre a calidade lingüística
- Cómpre evitarmos o emprego de palabras de apoio e marcadores discursivos en español ou con forma españolizada:
*Bueno | Ben (bo, noutros contextos). |
*O sea | Ou sexa, isto é |
*Hasta, *hastra | Até, ata |
*Ahora | Agora |
*Según | Segundo |
*Sin duda | Sen dúbida |
* Entonces | Entón, daquela |
* E para elo debería… | E para iso debería... |
É preciso, igualmente, potenciarmos os usos das diferenciais: porén, mais,...
- Hai que coidar especialmente os usos pronominais:
a) A colocación do pronome átono non pode ser en posición inicial absoluta nin non xustificada pola presenza de certos pronomes (tod@s...), conxuncións (xa que...) ou adverbios (xa...), entre os que non están as conxunción mais (pero), ou e e.:
*Vos digo que aprobaredes o exame | Dígovos que aprobaredes o exame |
*O faremos, estade cert@s de que o faremos. | Farémolo, estade cert@s de que o faremos. |
*Se destinarán as axudas necesarias. | Destinaranse as axudas necesarias. |
*Se pode oferta-los sistemas operativo Microsoft XP Pro, Microsoft Vista Business, Microsoft Vista Basic...? | Pódense ofertar os sistemas operativo Microsoft XP Pro, Microsoft Vista Business, Microsoft Vista Basic...? |
Para información técnica *se pode consultar http://www.pcmcia.org | Para información técnica pódese consultar http://www.pcmcia.org |
O titor *o sabe e non fai nada para solucionalo. | O titor sábeo e non fai nada para solucionalo. |
O transporte público é caro e deficiente *pero se potencia o uso do vehículo privado. | O transporte público é caro e deficiente mais poténciase o uso do vehículo privado. |
No programa destinado ao alumnado de | No programa destinado ao alumnado de |
b) Debe evitarse tamén que o pronome átono fique como primeiro elemento dunha enumeración, aínda dependendo dun nexo anterior:
Para efectuar a entrega dos libros aos alumnos, os centros deben requirir que os pais, titores ou representantes legais dos alumnos asinen un documento no que: 1À ) Acepten a subvención e se comprometan a cumprir o réxime de incompatibilidade establecido na disposición adicional primeira da orde de convocatoria. 2À ) *Se comprometan a devolver os libros en perfecto estado ao remate do curso escolar e a cumprir as demais condicións da orde de convocatoria. | Para efectuaren a entrega dos libros aos/ás alumnos/as, os centros deben requirir que nais e pais, titores ou representantes legais do alumnado asinen un documento en que conste: 1) Que aceptan a subvención e que se comprometen a cumprir o réxime de incompatibilidade establecido na disposición adicional primeira da orde de convocatoria. 2) Que se comprometen a devolver os libros en perfecto estado ao remate do curso escolar e a cumprir as demais condicións da orde de convocatoria. |
c) Diferentes adverbios (aínda, axiña, bastante, incluso, mesmo, quizais, sempre, só, tamén, xa...), formas negativas (nada, non, ninguén, nunca), pronomes (alguén, ambos/as, calquera, tod@/s...) provocan a anteposición do pronome: Igualmente conxuncións ou locucións conxuntivas (que, se, posto que, xa que...) provocan a anteposición do pronome:
*Todo o alumnado aceptouno de bo grado. | Todo o alumnado o aceptou de bo grao. |
*O impreso sempre téñeno que cubrir cun bolígrafo encarnado. | O impreso sempre o teñen que cubrir cun bolígrafo encarnado. |
*Nunca inaugurouse un centro escolar co pavillón xa rematado. | Nunca se inaugurou un centro escolar co pavillón xa rematado. |
*Hai que afirmar que enténdese prioritaria a motivación. | Hai que afirmar que se entende prioritaria a motivación. |
d) O pronome átono con nexos debe ir situado, preferentemente, entre o nexo e a forma verbal:
O ano 2000 é instituído como o Ano Castelao ao cumprírense 50 anos da morte do escritor e político. | O ano 2000 é instituído como o Ano Castelao ao se cumpriren 50 anos da morte do escritor e político. |
Debémonos empeñar en detectar en nós e nas persoas coas que nos relacionamos manifestacións agresivas para ser quen de recoñecelas e de canalizalas positivamente. | Debémonos empeñar en detectar en nós e nas persoas coas que nos relacionamos manifestacións agresivas para ser quen de as recoñecer e de as canalizar positivamente. |
Iso de habelos, porque non os hai. | Iso de os haber (se os houber), porque non os hai. |
e) É preciso corrixirmos as habituais confusións de pronomes dativo e acusativo e de uso do dativo singular e plural:
Creo que xa está todo, así que *lles deixo co verdadeiro protagonista | Creo que xa está todo, así que os/as deixo co verdadeiro protagonista |
*Saúdalles atentamente | Saúdaos/as atentamente |
As persoas docentes que teñen algún cargo académico consideran as accións propostas máis necesarias. As responsabilidades asociadas *o seu rol *fanlle ser máis conscientes das necesidades existentes e da conveniencia de arbitrar medidas paliativas e superadoras das limitacións existentes. | As persoas docentes que teñen algún cargo académico consideran as accións propostas máis necesarias. As responsabilidades asociadas ao seu rol fanas seren máis conscientes das necesidades existentes e da conveniencia de arbitrar medidas paliativas e superadoras das limitacións existentes. |
Se a libraría non entrega os libros no centro quedará en posesión dun exemplar e o outro deberá *devolverllo aos pais debidamente cuberto, asinado e selado pola libraría, xunto cos libros de texto. | Se a libraría non entrega os libros no centro quedará en posesión dun exemplar e o outro deberá devolvérllelo aos pais debidamente cuberto, asinado e selado pola libraría, xunto cos libros de texto. |
- Non debemos utilizar a preposición a co complemento directo (agás no caso de ser este un pronome persoal tónico ou un nome propio, unha situación que permite a escolla de calquera opción: seguíndomos Carballo ou seguíndomos a Carballo):
Unha cidade que xere emprego, que atenda*aos nosos maiores... | Unha cidade que xere emprego, que atenda os nosos maiores... |
Dotar *ao ensino público dos recursos básicos. | Dotar o ensino público dos recursos básicos. |
Co obxectivo de escoitar *aos alumnos e coñecer a situación... | Co obxectivo de escoitar os alumnos e coñecer a situación... |
Rodear *ao círculo. | Rodear o círculo. |
Honra *aos que nos deixaron a vida, a terra e a lingua. | Honra os que nos deixaron a vida, a terra e a lingua. |
Estes materiais deben ser reutilizables durante catro cursos escolares, substituíndo *aos correspondentes libros de texto. | Estes materiais deben ser reutilizables durante catro cursos escolares, substituíndo os correspondentes libros de texto. |
Debe tomar sempre como criterio de referencia as situacións de desemprego e actividade das mulleres e homes recollidas nas estatísticas oficiais, e favorecer *ao sexo subrepresentado. | Debe tomar sempre como criterio de referencia as situacións de desemprego e actividade das mulleres e homes recollidas nas estatísticas oficiais, e favorecer o sexo subrepresentado. |
- É conveniente eliminar o artigo en contextos de relativo con antecedente antes e sen dúbidas de significado:
Fico sorprendido do consciente que é a comunidade educativa da situación na que se atopa o seu *entorno. | Fico sorprendido do consciente que é a comunidade educativa da situación en que se atopa o seu contorno. |
O centro inicia as actividades cunha homenaxe na que intervén a escritora máis coñecida da comarca | O centro inicia as actividades cunha homenaxe en que intervén a escritora máis coñecida da comarca |
Despois de anos de gobernos nos que a Xunta apoiou a implantación de grandes superficies... | Despois de anos de gobernos en que a Xunta apoiou a implantación de grandes superficies... |
- Hai que diferenciar con clareza entre antepretérito de indicativo (andara) e pretérito de subxuntivo (andase):
Díxolle que o *avisara cando *estivera feito o informe. | Díxolle que o avisase cando estivese feito o informe. |
Neste caso o centro deberá requirir aos pais do alumno para que repoñan os libros ou procedan ao pagamento do seu importe (podendo utilizar o modelo dispoñible en http://www.edu.xunta.es). Se non o *fixera o alumno poderá quedar excluído do programa para os sucesivos cursos escolares. | Neste caso o centro deberá requirir aos pais do/a alumno/a para estes reporen os libros ou procederen ao pagamento do seu importe (para o que poderán utilizar o modelo dispoñible en http://www.edu.xunta.es). Se non o fixese (Se o non fixese / De o non facer) o/a alumno/a poderá quedar excluído do programa para os sucesivos cursos escolares. |
Non hai ningún proceso de pacificación coñecido na historia que non *rematara nunha mesa de negociación. | Non hai ningún proceso de pacificación coñecido na historia que non rematase nunha mesa de negociación. |
- Non debemos abusar de ter + participio cando se trata da expresión simple do pasado:
*Estes días teño feito unha reflexión que vos vou trasladar... | Estes días fixen unha reflexión que vos vou trasladar... |
Asuntos tan vitais como a opción sexual gay ou lésbica e o recoñecemento das persoas transexuais *teñen contribuído á formación de mentalidades e relacións máis plurais e libres. | Asuntos tan vitais como a opción sexual gay ou lésbica e o recoñecemento das persoas transexuais contribuíron á formación de mentalidades e relacións máis plurais e libres. |
Quero coñecer cales son as accións legais que *ten iniciado o concello para denunciar o feito que, segundo declarou, *se ten realizado á marxe do centro. | Quero coñecer cales son as accións legais que iniciou o concello para denunciar o feito que, segundo declarou, se realizou á marxe do centro. |
*Non temos conseguido os obxectivos. | Non conseguimos os obxectivos. |
As cousas *teñen cambiado grazas á loita pola liberación sexual. | As cousas mudaron grazas á loita pola liberación sexual. |
Ata o de agora *ten publicado dous: PC-Card e ExpressCard. | Ata o de agora publicou dous: PC-Card e ExpressCard. |
- Non se debe utilizar o infinitivo como verbo principal dunha cláusula:
*Manifestar a nosa oposición á campaña contra o Decreto de promoción da lingua galega no ensino. | Cómpre (queremos) manifestar a nosa oposición á campaña contra o Decreto de promoción da lingua galega no ensino. |
*Indicar que o número de persoas que se matricularon é importante. | Queremos indicar que o número de persoas que se matricularon é importante. |
* Recoller folleto de matrícula na Secretaría. | Débese recoller o folleto de matrícula na Secretaría. |
- É recomendable, cando for posible, empregarmos infinitivo flexionado, para lle dar prioridade a estruturas sintácticas máis tradicionais:
Os/as alumnos/as de primaria están fartos de reclamar unha serie de melloras. | Os/as alumnos/as de primaria están fartos de reclamaren unha serie de melloras. |
De non facelo así, dámoslles vía libre aos que executan ou incitan estas prácticas violentas para continuar con elas con total impunidade. | De o non facermos así, dámoslles vía libre aos que executan ou incitan estas prácticas violentas para continuaren con elas con total impunidade. |
Agora mesmo estamos a traballar neste eido, tentando convencer empresas galegas para que invistan neste proxecto. | Agora mesmo estamos a traballar neste eido, tentando convencer empresas galegas para investiren neste proxecto. |
A memoria histórica é sempre social e política. Por iso é tan urxente que recuperemos a nosa. | A memoria histórica é sempre social e política. Por iso é tan urxente recuperarmos a nosa. |
Non, estes materiais non se inclúen no programa de gratuidade, por non cumprir o criterio de reutilización durante catro anos. | Non, estes materiais non se inclúen no programa de gratuidade, por non cumpriren o criterio de reutilización durante catro anos. |
Non, os centros que renunciaron a participar no programa de gratuidade non poderán acollerse nos cursos citados ata que transcorran catro anos desde a súa implantación. | Non, os centros que renunciaron a participar no programa de gratuidade non poderán acollerse nos cursos citados até transcorreren catro anos desde a súa implantación. |
Son moitos os turistas que se desprazan pola xeografía galega co único obxectivo de coñecer a súa gastronomía. | Son moitos os turistas que se desprazan pola xeografía galega co único obxectivo de coñeceren a súa gastronomía. |
O prazo para que as librarías entreguen as facturas nos centros remata o 30 de setembro. | O prazo para as librarías entregaren as facturas nos centros remata o 30 de setembro. |
- Cómpre utilizarmos futuro de subxuntivo, sobre todo en contextos condicionais:
Se queres colaborar con nós, contacta a través do seguinte formulario | Se quixeres colaborar connosco, contacta a través do seguinte formulario |
Galiza sairá mellor se se ponderan adecuadamente as variábeis do envellecemento e a dispersión; Cataluña sairá mellor se se contabiliza a inmigración; Madrid, se se computa a concentración urbana; Canarias, se se ten en conta a insulariedade... | Galiza sairá mellor se se ponderaren adecuadamente as variábeis do envellecemento e a dispersión; Cataluña sairá mellor se se contabilizar a inmigración; Madrid, se se computar a concentración urbana; Canarias, se se tiver en conta a insulariedade... |
Aprobación, se procede, do orzamento anual. | Aprobación, se proceder, do orzamento anual. |
Aqueloutras que a Administración ou o Observatorio de Convivencia lle poidan encomendar. | Aqueloutras que a Administración ou o Observatorio de Convivencia lle puideren encomendar. |
- Cómpre rexeitarmos como fórmulas únicas as frases curtas sen subordinación e, de maneira especial, hai que reparar na necesidade de adecuar as estruturas sintácticas á puntuación:
Intercambiade o guión coa parella máis próxima. Eles serán quen a interpreten. Teñen que preparar a actuación: poden ensaiar e vós indicádeslles os cambios que vedes necesarios. Eles farán o mesmo con vós. Incorporade as correccións e as novidades ao guión escrito. | Intercambiade o guión coa parella máis próxima para esta o interpretar. Para preparar a súa actuación pode ensaiar e vós indicádeslle os cambios que xulgades precisos. Os membros desoutra parella farán o mesmo convosco de xeito que teredes que incorporar as correccións e as novidades ao guión escrito. |
É obvio que non se trata de buscar só saídas máis ou menos importantes para os produtos elaborados baixo os principios que determinan esta fórmula de comercio: - Garantía de salarios xustos que permiten ter unha vida digna. - Igualdade home/muller. Igual traballo/igual salario. - Prohibición da explotación infantil. - Organizacións democráticas. - Beneficios destinados a necesidades comunitarias (saúde, educación, formación etc). - Respéctase o medio. Produción ecolóxica. Senón que se trata de construír unha alternativa ao neoliberalismo. | É obvio que non se trata de procurar só saídas máis ou menos importantes para os produtos elaborados baixo os principios que determinan esta fórmula de comercio senón que se tenta construír unha alternativa ao neoliberalismo. Entre as bases que rexen o comercio xusto achamos as seguintes: - Garantía de salarios xustos que permiten ter unha vida digna. - Igualdade home/muller. Igual traballo/igual salario. - Prohibición da explotación infantil. - Organizacións democráticas. - Beneficios destinados a necesidades comunitarias (saúde, educación, formación etc). - Respéctase o medio. Produción ecolóxica. |
Tedes Internet na casa? En caso de que si, para que o usades? | Tedes Internet na casa? Caso de responderdes afirmativamente, comentade para que o usades. |
11. É fundamental eliminarmos españolismos e deformacións e manter e darlle prioridade ao léxico galego:
Débese buscar o enlace máis acaído para chegar á opción desexada. | Débese procurar a ligazón máis acaída para chegar á opción desexada. |
O Departamento de Seguridade contra os Riscos Laborais é un exemplo de coidado do idioma a pesar das dificultades da terminoloxía específica. | O Departamento de Seguranza contra os Riscos Laborais é un exemplo de coidado do idioma a pesar das dificultades da terminoloxía específica. |
Para crer nos discursos políticos temos que eliminar a lista de agravios. | Para acreditarmos nos discursos políticos temos que eliminar a listaxe de agravios. |
Podedes atopar a documentación relativa ao *proiecto na páxina da Consellería de Innovación e Industria. | Podedes achar a documentación relativa ao proxecto na páxina da Consellaría de Innovación e Industria. |
*Sen embargo, *nembargantes | Porén, con todo, no entanto |
*alomenos | Polo menos, ao menos, cando menos |
O PPT require *alomenos *un interfaz ExpressCard segundo o estándar especificado pola asociación PCMCIA, sen *prexuizo de que *poida ofrecerse interfaces adicionais PC-Card ou doutro tipo. | O PPT require, polo menos, unha interface ExpressCard segundo o estándar especificado pola asociación PCMCIA, sen prexuízo de se poderen ofrecer interfaces adicionais PC-Card ou doutro tipo. |
Se, por exemplo, queredes xogar un partido de fútbol, debedes recordar a roupa e o calzado. | Se (De), por exemplo, quixerdes (quererdes) xogar un partido de fútbol, debedes lembrar a roupa e o calzado. |
Antes de *cumprimentar o formulario acórdate de ler as instrucións. | Antes de cubrir o formulario lembra ler as instrucións. |
Presuposto, presupostar | Orzamento, orzar |
Si, o alumnado destes cursos poden acollerse a convocatoria de *becas do Ministerio de Educación e Ciencia no prazo que se establecese na orde de convocatoria. | Si, o alumnado destes cursos poden acollerse a convocatoria de bolsas do Ministerio de Educación e Ciencia no prazo que se establecese na orde de convocatoria. |
*Mantenimento de monumentos | Mantemento de monumentos |
*Encuesta | Enquisa |
*Estadística | Estatística |
*Rentabilidade | Rendibilidade |
*Sostenibilidade | Sustentabilidade, sostibilidade |
Os poderes públicos están obrigados a actuar positivamente en favor dos que quedan ou están en risco de quedaren *ao marxe da sociedade | Os poderes públicos están obrigados a actuaren positivamente en favor das persoas que quedan ou están en risco de ficaren á marxe da sociedade. |
*Ponencia | Relatorio |
*Reseñar | Recensionar |
*Muestreo | Mostraxe |
*Solfeo | Solfexo |
Poderán asistir representantes das empresas licitadoras ao proceso de *evaluación das mostras? | Poderán asistir representantes das empresas licitadoras ao proceso de avaliación das mostras? |
Sobresaínte | Sobresaliente |
*Vislumbrar | Albiscar |
*Trasvase | Transvasamento |
*Ubicación | Localización, situación |
No caso de *productos con *licencia comercial esta cláusula debe interpretarse no sentido de que se *aportarán actualizacións de seguridade. | No caso de produtos con licenza comercial esta cláusula debe interpretarse no sentido de que se ofrecerán actualizacións de seguranza. |
*Retrasar | Atrasar |
*Asignatura | Materia, disciplina |
*Apostilla | Apostila |
O lector de tarxetas intelixentes, debe ir na CPU ou no *tecrado? Os PPTs non establece a *ubicación ou formato do lector de tarxetas intelixentes. | O lector de tarxetas intelixentes, debe ir na CPU ou no teclado? Os PPT non establecen a localización ou o formato do lector de tarxetas intelixentes. |
*Resume | Resumo |
*Recopilación | Recompilación |
*Poseedor | Posuidor/a |
*Postre | Sobremesa |
No caso dos ordenadores portátiles, o lector de tarxetas intelixentes pode ocupa-la *ranura *do interfaz ExpressCard? | No caso dos ordenadores portátiles, o lector de tarxetas intelixentes pode ocupar a fenda da interface ExpressCard? |
*Disminuír | Dimimuír |
*Recabar | Recoller |
*Palanca | Panca |
*Paradoxa | Paradoxo |
Se desexa recibir unha oferta *persoalizada, *pregámoslle *cumprimenten este impreso e envíennolo á dirección que figura ó remate do documento. | Se desexaren recibir unha oferta personalizada, pregámoslles que cubran este impreso e que nolo envíen á dirección que figura ao remate do documento. |
Debedes ler *todos os epígrafes. | Debedes ler todas as epígrafes. |
*Aunar | Xuntar |
*Mezclar | Mesturar |
Esta zona da cidade está a caer literalmente a *pedazos. | Esta zona da cidade está a caer literalmente en anacos. |
*Icono | Icona, símbolo |
*A partires do 2007 | A partir do 2007 |
*Desfrutar | Gozar, beneficiarse |
*Entablar | Promover, emprender |
*Dicen que en doce minutos *chegarase *de A Coruña a Betanzos. | Din que en doce minutos se chegará da Coruña a Betanzos. |
O centro solicitou o 11 de xaneiro un pleno extraordinario para recuperar o *entorno patrimonial das Burgas e velar polas actuacións que o concello está a *desenrolar. | O centro solicitou o 11 de xaneiro un pleno extraordinario para recuperar o contorno patrimonial das Burgas e velar polas actuacións que o concello está a desenvolver. |
Estancia (tempo) | Estadía |
*Anque non o poñan os documentos, unha verdadeira transformación social debe partir da defensa do valor do feminismo. | Aínda que non o poñan os documentos, unha verdadeira transformación social debe partir da defensa do valor do feminismo. |
*Desglosar | Desagregar |
O controlador gráfico pode ser integrado en *praca base, dedicado, en tarxeta engadida...? | O controlador gráfico pode ser integrado en placa base, dedicado, en tarxeta engadida...? |
*Casilla | Cadro, compartimento |
Envía un e-mail co teu password e contestaremos deseguida a túa consulta sobre se mouse é a palabra que debes empregar en galego ou se podemos habilitar rato con esa finalidade. | Envía un correo electrónico co teu contrasinal e contestaremos deseguida a túa consulta sobre se mouse é a palabra que debes empregar en galego ou se podemos habilitar rato con esa finalidade. |
Subscrever:
Mensagens (Atom)