segunda-feira, 24 de outubro de 2011

Sobre semifalantes e o proceso de perda dunha lingua

Reflexiona sobre fenómenos onde poidamos detectar a existencia hoxe de numerosos semifalantes de galego a partir do seguinte texto:

                Como comeza primeiramente o cambio de lingua? Comeza coa decisión da comunidade de deixar de transmitir a súa lingua aos seus descendentes. O resultado é unha interrupción na transmisión da lingua. Por interrupción da transmisión entendo o paso directo dunha lingua dunha xeración á seguinte. O seu correlato pragmático son as estratexias de transmisión lingüística que, segundo nos revelan os máis recentes estudos interculturais sobre a adquisición de linguas, parecen ser parcialmente intuitivos e parcialmente específicos de cada comunidade (tradicionais). En todo caso, sempre implican un modo específico en que as nais (ou outros adultos transmisores) falan aos seus fillos -isto é o chamado "maternalés" polos especialistas en linguaxe infantil- así como repeticións, xogos exercitadores, correccións e outros tipos de meta-comunicación, especialmente discusións sobre a orde de palabras e unha forte tendencia a asistir e dar coraxe aos nenos e nenas nos seus esforzos por probaren a ferramenta lingüística. As estratexias de transmisión lingüística desempeñan un papel tremendamente importante na adquisición da lingua, cuxo impacto na morte de linguas será evidente na discusión posterior.
                Parece apropiado agora dicir unhas poucas palabras sobre as razóns para interromper a transmisión dunha lingua. Aínda que os motivos para unha tal decisión poidan variar dun caso a outro, especialmente nos seus detalles históricos (política lingüística restritiva nun caso, razóns económicas noutro), os estudos sobre as situacións de morte lingüística apuntan sempre a un elemento común: a existencia de fenómenos de presión socio-económica ou socio-psicolóxica que moven os membros dunha comunidade de fala economicamente máis débil ou minoritaria a abandonaren a súa lingua. Isto acontece -non sempre, mais decote- a través do desenvolvemento dunha actitude negativa, que culmina en dúbidas colectivas sobre a utilidade da lealdade lingüística. A actitude cara a lingua A non é enteiramente negativa; pode ser esquizofrénica, de xeito que a conservación da lingua se valora positivamente por unha razón e negativamente por outra. Por exemplo, de acordo coa miña experiencia co arvanitika e o arumano en Grecia, hai casos en que a xente aínda conserva unha actitude positiva cara a súa lingua en tanto que sinal da identidade de grupo mais negativa noutros aspectos: dise que a lingua debe ser abandonada "porque é fea e pouco útil". Debe asumirse que esta constelación caracteriza situacións en que hai unha política lingüística agresiva por parte da comunidade de lingua dominante que consciente e deliberadamente elabora criterios para a valoración negativa da lingua recesiva ou minoritaria.
                Pode ser de axuda interromper aquí por un intre para debuxar un esquema máis preciso das relacións implicativas de envoltura externa, conduta e consecuencias estruturais neste punto. Poñamos unha comunidade multilingüe, que -por razóns de tipo histórico- mostra unha distribución de linguas desnivelada. Por razóns políticas e/ou económicas este desequelibrio convértese na fonte de presión social que pode crear unha actitude negativa cara a lingua do grupo recesivo e levar á decisión de abandonar a lingua. A distribución desigual de linguas nunha comunidade bi- ou multi-lingüe sempre dá lugar a unha distribución complementaria de dominios, que consecuentemente leva á perda léxica ou a un desenvolvemento léxico defectivo nos dominios que favorecen á lingua dominante. Debido á restrición de dominios, o bilingüismo aumenta porque os falantes se ven forzados a aprenderen a lingua dominante para usala en dominios onde a lingua recesiva non pode usarse. Isto acrecenta a interferencia e a simplificación  (p. ex. a perda de sistemas morfo-fonémicos) mais a lingua A aínda pode permanecer como unha lingua funcionalmente intacta. No entanto, unha vez que se toma a decisión de abandonar A e a transmisión lingüística se ve interrompida, a situación cambia radicalmente. A lingua antes primaria A faise secundaria e comeza a mostrar serios signos de imperfección. Debido á falta de estratexias de transmisión lingüística, a única fonte de datos de A para o neno/a nena é o que ocasionalmente escoita no seu contorno. Porén a simple exposición a unha lingua non abonda, obviamente, para desenvolver un nivel de soltura normal. Ademais nunha situación en que case todos os dominios foron conquistados para a lingua T, A simplemente non será usada nun número importante de estilos (narrativo, formal, etc.). Desde a perspectiva sociolingüística, o uso restrinxido de A ten un efecto de retroalimentación na actitude negativa cara a A.
                É nese punto cando entramos na seguinte fase -quizais a crucial- no proceso de morte da lingua. Este período caracterízase por un fenómeno chamado decaemento lingüístico e que pode definirse como a desintegración lingüística que é típica da fala dos semi-falantes, isto é, a xeración falante que resulta da interrupción da transmisión. Cando un considerábel número de nenos e nenas nunha comunidade de fala bilingüe se suxeitan regularmente a estratexias de transmisión só nunha das linguas (e quizais  aínda se ven abertamente desaniman a adquiriren a outra) a consecuencia trivial é unha adquisición imperfecta da lingua cuxa transmisión se suprimiu. Os semifalantes caracterízanse por un imperfecto coñecemento de A. A súa morfoloxía é extremadamente defectiva e a perda de categorías importantes (tempo, aspecto, modalidade), aínda que esas categorías estean presentes en T. A súa fala adoito mostra unha simplificación sintáctica semellante aos pidgins e unha forte inseguranza no conxunto de formas e funcións. Dificilmente son capaces de dominar as distincións fonolóxicas de A e mostran estremas variacións na pronuncia.
Sasse, Hans-Jürgen (1992): "Theory of language death" in M. Brenzinger, Language Death. Factual and theoretical explorations with special reference to East Africa, Berlin-New York, Mouton-De Gruyter 1992, 7-30.


13 comentários:

  1. Por desgraza o texto non pode ser máis claro. Na situación de Galicia é doado identificar a lingua A (recesiva) co galego e a “T” coa lingua castelá. O desnivel do que se fala agudízase cada vez máis e na miña opinión atopámonos na fase final que trata o escrito.

    Por exemplo, e facendo alusión ao idioma “maternalés” que recolle o texto, veño de percibir que a maioría de nais, aínda sendo galegofalantes, empregan cos seus fillos o castelán en contos, cancións, xogos, material didáctico... No meu caso entendo este feito como unha mostra da interrupción da transmisión.

    Por outra banda, as imperfeccións da lingua e a pouca formalidade do galego nos chamados “semi-falantes” están cada vez máis presentes, síntoma que tamén se expón no texto como consecuencia da interrupción da transmisión.
    Por suposto, esta é a miña opinión e interpretación do texto no ámbito de Galicia.

    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  2. Coincido con Alberto Silva, mais gustariame engadir un exemplo máis, ligado ó final do texto, onde se alude á escasa diferenciazón no referente ás cuestións fonolóxicas. Así, nos semifalantes (e xa non digamos nos neofalantas), costa cada vez máis distinguir ás diferenzas auditivas existentes entre óso/oso, póla/pola ou e/é (e a lista podería ser interminable); tamén me chama moito a atención a non-pronunciación do /n/ velar, que soe aparece en "unha", pero que cada vez se oe menos en construccións como "noN o sei".
    Estanse a perder, pois, distincións fonolóxicas.

    ResponderEliminar
  3. Estou totalmente de acordo cos meus compañeiros xa que como ben di Alberto, hoxe en día as nais xa non utilizan cancións galegas para durmir ós seus fillos e, aínda que elas mesmas sexan galego falantes nun ámbito familiar, existen numerosas nais que cambian repentinamente ó castelán cando se dispoñen a falar cos seus fillos.
    Nunha experiencia persoal dinme conta como unha persoa moi achegada a min chegou a falar o castelán nalgunhas ocasións porque consideraba que a unha persoa que tiña estudios superiores tíñaselle que falar en castelán. Tratase por claramente dunha persoa maior que sigue coa idea de que ós médicos, profesores, e todos aqueles que estudasen para desempeñar a súa profesión non entenden o galego.
    A non ser en casos moi especiais onde as familias galegas se arraiguen fortemente ó su idioma galego a interrupción da transmisión é inevitable nunha sociedade na que aínda hoxe moita xente segue pensando que o castelán e máis apto en certos contextos sociais e culturais. Feito que provoca a formación destes semi-falantes.

    ResponderEliminar
  4. O papel da escola e o instituto é importante, claro. Pero se cadra non só, ou non tanto no que é o coñecemento da lingua. Fai falla algo mais.

    Non teño idea de qué é o que hai que facer, pero ó fin e o cabo, non debemos esquecer que o latín perdurou séculos perfetamente enlatado, pero non vivo.

    ResponderEliminar
  5. Refírome a que o latín ensinouse nas escolas, e permaneceu nos estamentos oficiais, e na iglesia. Salvando as distancias, podería pasar algo parecido co galego, ensinado no sistema educativo e mantido na administración, coñecido pola poboación, pero non falado. Que os nenos acaden a competencia non basta.

    Con todo, teño amigos bretóns que morren de envexa ó sentirnos falar. Dentro do problema aínda temos sorte.

    ResponderEliminar
  6. As interferencias lingüísticas do castelán no galego ó longo da historia creo que xa é ven sabido. O ler este artigo, acordóuseme o famoso "castrapo". Ainda que nese caso non sei ben cal interfire en cal, xa que é unha mestura curiosa.
    Tal vez o esforzo dos reitegracionistas por afastarse do castelán, achegándose ó portugués, responda á necesidade de anticiparse a esa morte do galego pola presión do castelán. É unha dúbida que teño.

    ResponderEliminar
  7. Coincido de cheo coa meirande parte do dito aqui. Para calqueira habitante de Galicia é doado identificar as linguas que se describen no artigo. Se algo me chama a atención hoxe en día, é que o 100% dos avós que vexo levando nenos ao parque, se dirixen -ou tentan facelo- a eles en castelán, cando a inmensa parte deles son galegofalantes. Non hai outra explicación máis que o prestixio social e a ideoloxía, e recalco isto último porque a experiencia persoal dime que ten moita importancia. Por exemplo, eu teño familia emigrada nunha autonomía con lingua propia diferente do castelán, e chámame a atención como todos eles envian aos seus fillos a escolas onde esa lingua é veicular -aínda que eles mesmos a descoñecen-. Preguntados por iso pola miña familia aqui, dixeron que era algo que tiña que ser así, tiñan que facer parte dun proceso de reparación histórica da lingua que case morre. Convertiran a lingua A na lingua B, e todo apartires dun cambio ideolóxico, por iso si, comparto gran parte da teoría que expón o autor, mais penso que hai puntos onde cabía unha reflexión máis ampla.

    ResponderEliminar
  8. É clara a identidade do galego como lingua A.

    No meu propio caso, na miña familia temos tres xeracións, avos, pais/tíos, irmáns/curmáns.
    Agora estou acostumado a escoitar aos maiores falar en galego entre eles. E sen embargo a miña lingua materna é o castelán xa que dende o nacimento da miña irmá (a primera da nova xeración) a lingua empregada na casa foi o castelán. Non foi ata hai ben pouco (unha vez a miña curmá pequena e mais eu fomos crecendo) cando recuperaron o galego para falar entre eles, aínda que con nos seguen a utilizar o castelán na maioría das ocasións. Evidentemente o meu galego deixa moito que desexar...

    É unha mágoa que isto aconteza en tantos fogares.

    ResponderEliminar
  9. Recoñezo no texto a situación actual do Galego como lingua A. Como din Ángel, se só se ensina Galego na escola, non é suficiente, e vouvos poñer a miña situación como exemplo. Eu só aprendín galego a través da escola. Nacín en Coruña, e todo o meu contorno é castelán-falante. Ata a min paréceme extrano que nin os meus pais, nin os meus avós, falen en galego. Eles son da cidade de sempre, agás a miña avoa, que é de Monforte. O que supoño que sucedeu é que ela, ó mudarse á cidade da Coruña co meu avó, deixou de falar galego, se algunha vez o fixo (que non o teño moi claro). Isto sería un exemplo da interrupción da transmisión da lingua, tal e como di o autor.
    O peor de todo é iso, que nas cidades como A Coruña, moita xente está na miña situación, non escoitamos galego por ningunha parte ata que chegamos á universidade e alí, ó fin coñecemos a xente doutras partes de Galicia que o falan.
    No meu caso, o meu nivel escrito é superior ó falado, e é obvio que aínda así non é correcto completamente. Fáltame moitísimo vocabulario, e ás veces cometo errores gramaticais, aínda que os estudiei na escola, todo isto por falta de uso, e de inmersión no galego.
    Por outra parte o meu uso oral do galego é moi precario, teño moitas dificultades para falalo, xa que me costa moito pensar e falar automáticamente, primeiro teño que facer unha tradución rápida na miña cabeza. A pena é que sen xente ó meu rredor que fale galego, sempre caigo na comodidade do castelán. E creo que iso lle pasa a moitísima xente aquí.

    ResponderEliminar
  10. Las interferencias lingüísticas son recíprocas ya que en una comunidad bilingüe es difícil no hablar una lengua sin léxico de la otra y, a veces, tenemos tan asumido cierto vocabulario que hasta que salimos fuera de Galicia no te das cuenta de que son palabras gallegas que usamos al hablar en castellano. Además, en algunas zonas hay vocabulario propio que ni en otras zonas de Galicia te entienden, entonces esto ya se convierte en casi un nuevo idioma. Además, por ineterferencia del gallego, en castellano en Galicia se tiende a hacer un uso incorrecto de la lengua y no usar tiempos compuestos y en gallego se obvían las características fonológicas en las vocales, se castellanizan construcciones sintácticas y se incluyen muchos castellanismos en el léxico, en su mayoría por desconocimiento del hablante en ese momento de la palabra en gallego que viene motivado por ese escaso conocimiento que en muchas zonas tiene lugar.

    ResponderEliminar
  11. Como case todos os meus compañeiros tamén son plenamente consciente, e asistín e asisto en directo a esa perda de transmisión da lingua. Porén, creo que o proceso aínda non está na súa última fase, non está pechado nin é imposible invertilo. Si digo, evidentemente, que hai fallos na transmisión xeracional da lingua, mais... ó final, eses pais e eses avós que non nos falaron galego de cativos, chega un momento en que recuperan a súa fala, porque cren que xa cumpriron con nós e que xa estamos "salvados". Afortunadamente, a escola, tamén empezou nos últimos anos a xogar un papel importante en canto transmisora da lingua (por mal que queiramos dicir que o fixo ou o fai ou por moito mellor que puidese traballar pola lingua), mais fai o traballo de fornecer un algo, un esquema de estándar. Certo que se o contorno non pon da súa parte, dificilmente adquiriremos a lingua galega como propia. Pero eu penso que dalgún xeito fomos zafando coas notas tomadas da nosa escolarización (por máis castelanizada que fose, cando menos dende que se incluíu aínda que só fose a materia de galego) e con un pouco de galego escoitado un pouco sen nós querer (e sen eles querer, dende logo!) ós nosos pais, ou avós, ou o que for. E digo que un pouco fomos zafando, porque quero crer que aínda estamos en tempo de reverter un pouco a situación. Mais son consciente de todo o avanzado do proceso de substitución lingüístico que se foi levando a cabo. E si, así creo que, se queremos, temos de onde tirar para salvar a nosa lingua (estámola a falar, non é? e bastante dignamente creo eu). E existen pequenas pinceladas que, persoalmente me fan optimista ó respecto, pinceladas das que un pouco falaba Silvia no post anterior, cando di que as interferencias se dan nas dúas direccións. Pois son esas pinceladas as que a min me fan pensar que o proceso non está determinado aínda: sentir que as nais, por máis castelán que queren transmitir ós seus pequenos aínda os seguen collendo no colo e non no "regazo", ou saber que hai un emigrante galego en cataluña, traballando de camareiro e que recoñece todos os seus paisanos, aínda vestidos de cosmopolitas e falando castelán, cando lle piden fanta... non sei, son pequenas cousas, que falan de que a transmisión quixo perderse, pero non se perdeu de todo. E si, sei que para meu irmán o galego sempre será una lingua estranxeira (si, parido pola mesma nai -e só un ano antes- ca min, coa mesma familia pasando polas mesmas escolas, practicamente cos mesmos xogos e cos mesmos amigos) e que non é un caso tan raro, e cada vez o é menos... O mesmo caso que cando meu primo (si, primo, non curmán) veu da gardería logo de aprender a contar en inglés e dicía "one, two, three, catro, five, seis, sete, oito..." porque si, para el o galego tamén é lingua estranxeira, ou cando miña tía que naceu entre as vacas pero que na Coruña o esqueceu me sinte falar galego e queda sorprendida de que tamén o saiba falar como se falaba antes (non como os da galega, ou coma estes que queren ser portugueses)... Si, sei que son indicios claros de moitas cousas, de moitas trabas e de moitas imposicións feitas sobre dunha lingua, mais, como digo, penso que o proceso non conseguiu triunfar, e coma min supoño que pensan tantos outros que buscan xeitos que sirvan para nalgunha medida invertir a situación e que o proceso non siga adiante.

    ResponderEliminar
  12. Na escola ensínannos a falar e a adquirir coñecementos, pero a escola non é todo. Nos mesmos debemos poñer en práctica o que aprendemos.
    En moitos casos ensínannos galego na escola pero o saír dela falamos castelan, por influenza dos amigos, dos pais ou porque nos mesmos pensamos que imos ser diferentes por falalo.
    Deberíamos recuperar o noso idioma e abandoar os prexuízos que nos atan a unhas concepcións establecidas de forma externa que o único que logran e cambiar a nosa forma de ver a realidade, dándonos unha visión diferente das cousas, neste caso unha visión negativa do galego.

    ResponderEliminar
  13. Estou de acordo cameirande parte do dito nos comentarios anteriores, dende a identificación do galego como língua A e da enorme perda de transmisión lingüistica no eido das familias.
    Chamame a atencion do texto que menciona que a maioria dos estudos sobre situacións de morte lingüística teñen un elemento común: a existencia de fenómenos de presión socio-económica ou socio-psicolóxica que fan que os falantes da lingua en fase de morrer abandonen a súa lingua, esto é un feito que todos coñecemos en Galicia por desgracia e que é o causante da perda de transmisión lingüistica mencionada antes.
    É hora de revalorizar o galego, de resolver as dúbidas sobre o seu uso e de velo como algo útil, fonte identidade

    ResponderEliminar