segunda-feira, 5 de março de 2012

Despedida

Até outra ocasión,
Despídome cun vídeo breve mais intenso, como espero que fose esta materia para vós. Nun días borrarei este caderno dixital. Fico ao voso dispor para todo aquilo que precisedes. Podedes contactar comigo no correo electrónico ou na Facultade de Filoloxía. Que sexades felices!!!

http://vimeo.com/2639782

terça-feira, 31 de janeiro de 2012

Cualificacións

Mañá a primeira hora estarán as cualificacións no taboleiro do Mestrado na Facultade. Para quen non poida pasar por alí, podedes solicitarme a vosa por correo electrónico (goretti@udc.es). Non me parece moi acaído poñelas aquí nin facer comentarios "medio-públicos" sobre elas. Calquera cuestión (erro, confusión, aclaración..., por favor, ao correo electrónico ou no meu gabinete na Facultade de Filoloxía.

Como despedida, envíovos de momento dúas ligazóns para ver se vos gustan (haberá aínda algo máis, xa cando asine as actas e decida pór a data para borrar este estupendo caderno que fixestes):


http://www.youtube.com/watch?v=_Z749ReErEM&feature=player_embedded



http://sermosgaliza.com/?p=784


Unha aperta e que sexades felices,


Goretti

quinta-feira, 26 de janeiro de 2012

CUALIFICACIÓNS

A semana próxima estarán as cualificacións (e o horario de revisión e de consulta) no taboleiro do Mestrado na Facultade de Ciencias da Educación. Desculpade mais non puiden rematar antes o proceso.

sábado, 31 de dezembro de 2011

Feliz 2012!!!

Moi boa entrada de ano para tod@s!!!
Non se nos escapa a ninguén (non imos caer nos tópicos) que este foi un ano pésimo, con moitas dificultades para continuar o proceso de restitución lingüística do galego. A regresión política vai acompañada de importantes ameazas lingüísticas que o goberno actual teiman en converter en realidade. Así, para alén das penurias acumuladas nos últimos anos entre as persoas do colectivo docente -as que xa forman parte del e que as que desexan integrarse para traballar desde o sistema educativo-, vivimos hoxe con anguria a desaparición de postos de traballo vinculados coa normalización lingüística que moitas persoas estaban a desenvolver magnificamente, chegando mesmo a casos esperpénticos (tod@s con Ames).
Porén, hai esperanzas para o 2012. Cumpriuse o obxectivo de Sermos Galiza e poderemos ter en breve unha voz propia no mundo xornalístico, a Universidade da Coruña resiste e consegue ter un reitor comprometido coa universidade pública, Teresa Moure gaña o premio de ensaio Ramón Piñeiro cun traballo sobre a nosa construción persoal e lingüística, houbo persoas que conseguiron defender as súas propostas en numerosos ámbitos (na investigación, por exemplo, ou nas propostas de intervención pública, nas apostas planificadoras, como o moi atractivo texto gañador do Premio Luísa Villalta que agardamos desenvolver o próximo ano) e, a pesar de todos os atrancos que tentan que desapareza a nosa literatura, apareceron libros estupendos, que non caben neste pequeno caixón. Para alén das magníficas novidades en poesía, narrativa e ensaio, quero aconsellar hoxe un libro diferente, dos tan necesarios en galego. Trátase de Sherezade. Novos relatos de pensamento creativo, da autoría de Carlos Medrano, que xa publicara os primeiros enigmas con anterioridade. Velaquí un entretemento fantástico nestas horas de lecer.

Ficarán moitas cousas por dicir (temos 365 días por diante para o facer) mais deséxovos un ano de ilusións e novos proxectos para partillarmos!!! Por tod@s nós..., por Galiza e pola nosa lingua.

segunda-feira, 12 de dezembro de 2011

Non á violencia contra as mulleres!!!

Só outra educación poderá combater este sistema de agresións constantes e asasinatos... Tamén está nas vosas mans, nas vosas palabras...

Sermos Galiza

Existe desde hai uns meses un proxecto para que volva existir un xornal na nosa lingua. É unha iniciativa cidadá a que podedes sumarvos ou, cando menos, consultar os seus obxectivos, a través da rede (páxina web, caderno dixital, facebook, twitter...). Escribín estes días un artigo para promoción deste xornal cuxa ligazón vos deixo para continuar, devagariño, póndolle o ramo aos traballos desta materia. Oxalá cando traballedes como docentes teñades ferramentas como a que está debaixo deste proxecto para formar e informar: http://sermosgaliza.com/?p=583

sábado, 10 de dezembro de 2011

Sobre exames e cualificacións nun martes 13 electoral


Como estades facendo moitos comentarios no caderno dixital, non dou actualizado definitivamente as cualificacións provisionais, que xa non porei, pois fixen cinco listas que tiven que modificar. Direivos a cada persoa o martes o rendemento na materia antes do exame, mais a inmensa maioría xa superastes a materia (moitas cunha altísima participación constante e, por tanto, cunha alta cualificación) e xa o sabedes tamén por cumprirdes os mínimos de lecturas e de comentarios (algunha persoa despistada que participou na aula e non puxo nada –ou moi pouco- no caderno dixital, que bula ben e cumpra).
O exame durará dúas horas xustas. Eu serei puntual e trátase dun requisito que temos que cumprir. Iso tradúcese en que hai persoas (e non son dúas ou tres) que mesmo antes de o faceren teñen nesta materia a máxima cualificación. Non haberá máis tempo, primeiro por terdes máis exames e segundo por ser xustamente o martes a segunda volta das eleccións a reitor (a primeira foi o día 1), onde vos animo a participardes. De tod@s nós depende que a universidade continúe sendo pública, que se comprometa coa diversidade lingüística e que combata as desigualdades. Por se o non sabedes, na primeira volta Xosé Luís Armesto (a cuxo equipo eu apoiei publicamente) levou o maior número de votos, mais non os suficientes como para non ter que ir a unha segunda volta entre a súa candidatura e o segundo máis votado, Luís Castedo. Podedes consultar os programas e coñecer as propostas a través da rede, mais eu non quero que deixedes de votar por non terdes tempo para o facer. As mesas electorais pechan as 19:00 horas. O exame, pois, rematará ás 18:15. O voto é libre e secreto. Votar é un dereito e, ao mesmo tempo, unha responsabilidade.

domingo, 4 de dezembro de 2011

Contra a privatización da auga

Porque todas as loitas están relacionadas e o ben colectivo sempre favorece ás maiorías. Por iso debemos implicarnos:


http://www.youtube.com/watch?v=AXz4XPuB_BM

sexta-feira, 18 de novembro de 2011

Debate 2

O principio empezase a debater cales serían os temas máis importantes; na maioria dos casos a participación faise razoando, achegando argumentos e respectando os turnos de palabra.

É curioso que a pesar de se situaren aleatoriamente, durante a maior parte do debate a disputa centrase nás dúas bandas da clase, e case sempre se responden os que están mais ou menos enfrente.

A medida que vai avanzando o debate, algúns solapanse, debido ao acaloramento da conversa sen escoitar todo o que tiña que dicir a persoa anterior. É máis importante (útil, léxico …)ou a (educación, a rede, e o teatro)? Pois en vista dos bos argumentos dos nosos compañeiros quedamonos coa educación , a rede e o teatro (é a mellor forma de chegar a xente).

A profesora tivo que intervir xa que aínda que se debatían asuntos concretos, se desviaban do tema central , ordenalos por prioridades.

Despois dun anaco de debate parece que os bos argumentos deixaron claro cales deberían estar o principio, e cales o final. Aínda que haxa discrepancias e pequenos movementos na lista que todos faríamos. A idea xeral esta clara, e aínda os máis reticentes aceptan a elaboración dunha lista consensuada.
A algúns costoulles arrincar bastante, pero o importante é que case todos acabaron achegando o seu granciño de area a pesar do duro que nos pareza as veces falar diante de todos.

Debate




- CRITERIOS SEGUIDOS DURANTE O DEBATE



            En liñas xerais, os primeiros criterios escollidos de forma individual intentan abarcar dende as propostas máis sinxelas ás máis difíciles de acadar. Pero ao tentar chegar a unha conclusión de grupo, abandónase moitas veces ese criterio polo voto da maioría das persoas que interveñen activamente no debate, dado que o 75% da clase adoita unha actitude máis pasiva (no sentido de que deixan decidir aos compañeiros máis faladores). "No sistema educativo a transmisión de coñecementos debe facerse maioritariamente dende o glosolandés" é votado como primeiro criterio por 9 dos 26 asistentes.



            As desviacións de tema, comparando o caso para estudar con outras linguas (inglés e galego) non tardan en aparecer, e incluso se fan apuntamentos de ideas baseados en experiencias persoais cunha temática diferente á que se trata. A persoa moderadora (Goretti, posto que non xorde un moderador interno no grupo)  tenta conducir o grupo para que xunten os criterios segundo temáticas máis xerais, coma por exemplo educación, utilidade, cultura, ocio, investigación...



            Vólvese a unha coincidencia case unánime, a educación é o primeiro ámbito que o glosolandés debe abarcar. Seguido de difundir que é útil, de que se deben transmitir conceptos sociolingüísticos a través de todo o currículo. O problema aparece cando hai xente que propón que é necesario recoller todo o léxico existente, traducir toda a lexislación..., porque parecen opcións moi custosas en esforzo e con repercusión a longo prazo.



            Acto seguido, abandónase o criterio de ir acadando campos sinxelos para pouco a pouco chegar aos máis complexos, e unha boa porcentaxe de xente parece que optan por apoiar criterios bastante xerais, porque a interpretación de cada un dálle a entender unha idea que lle parece correcta. A moderadora fai novamente acto de presenza e advirte do erro de deixarse levas polos enunciado xerais que non comprometen a nada, polo que os participantes deben novamente centrarse en criterios concretos e abarcables, e non en ideas xerais.



            Aparecen novas desviacións de temas en torno ao modelo catalán de lingua e do distinto que é fomentar ou obrigar a usar unha lingua. Tamén hai persoas que coas súas opinións reflicten que non tiveron en conta que xa existía abondosa literatura en glosolandés e mesmo que esta lingua ten unha forte presenza na rede. O moderador apunta que non debemos achegar nunca o noso punto de vista sobre certos contidos, cando o que se trata é de resolver problemas concretos.



            Para un grupo de 5/6 persoas é significativo o ámbito xurídico, porque é onde se denota a falta de presenza desta lingua, pero o certo é que noutros ámbitos como na xuventude e no ámbito relixioso a presenza do glosolandés  tamén é moi escasa.



            Discútese entón que é o máis importante para esta lingua... ¿asegurar o futuro?, ¿asegurar o presente e manter o que ten? O pensamento do grupo é lóxico, fixar obxectivos a longo prazo é moi difícil, é mellor centrarse no curto e medio prazo. Como o ámbito xurídico non é de uso cotián para todos os cidadáns, ao contrario que a rede, decídese que potenciar esta. É certo que a presenza do glosolandés xa é forte neste medio, pero, por ser tan accesible e de uso cotiá, cómpre seguir mantendo o recurso en boas condicións.



            Grazas á reflexión da moderadora enténdese que a recompilación total do léxico é un traballo con resultados visibles a moi longo prazo. Ademais, un compañeiro achega un dato relevante: tanto o glosolandés coma o sombreiranés posúen moitos elementos en común, co cal este criterio é aprazable no tempo.



            Chegados a este punto aínda se aprecia que o 40% da xente non achegou ideas ao longo do debate. Ao preguntar neste grupo, votan a favor de apoiar o teatro co afán de reforzar un vehículo da lingua moi importante xa existente, e mesmo seguen a vincular estas accións a reforzos educativos.



            A idea de homenaxear persoeiros non parece contentar á ampla maioría, por entender estas prácticas como algo que se asocia á falta de dinamismo, e como algo do pasado. Ideas coma esta sempre teñen puntos de vista moi distintos, porque as palabras teñen o poder de evocarnos ideas e sensacións distintas a cada un de nós segundo as nosas vivencias.



            Unha compañeira comeza a dubidar... ¿o idioma do noso nome proporciónanos a identidade?, ¿márcanos coma para determinar a lingua vehicular da nosa vida? Parece que non, que debemos desbotar a idea cara á listaxe dos criterios do final.



            Tampouco parece que a idea de que os glosolandeses empreguen o glosolandés no comezo das súas relacións de parella sexa prioritaria, nin que se empregue nos ritos funerarios. Porén, apúntanse ideas como que é moi posible que a parella que se comunica nun idioma seguramente eduque o seu fillo nese idioma, e que parece un pouco insólito que as persoas que durante toda a súa vida falaron nunha lingua non sexan homenaxeadas tras a súa morte na súa propia lingua.  Ideas coma esta fai que estes criterios non se desboten de cara á parte final da listaxe.



            Como parece claro que canto máis especializado é un ámbito menos interesa á maioría, aos campos estritamente moi especializados tamén se lles outorga postos finais na lista.



            Vese como aspecto negativo o feito de só relacionar o idioma coas festas e a tradición, xa que caemos no risco de sentirnos estereotipados (ou estigmatizar a propia lingua) se só se empregan nestes contextos. A xente non quere asociar o idioma ás brincadeiras. Porén, asume que as festas pertencen ao eido social, pero que como referente dese eido prefiren mellorar a socialización a través do ámbito educativo. A moderadora comparte a idea de que o sistema educativo é o mellor ámbito de socialización.



Conclusión: compañeiros e compañeiras deron unha orde aos criterios segundo o que estes lles ían suxerindo, pero non se preocuparon moito de argumentar as súas ideas tomando coma punto de partida as premisas establecidas no enunciado sobre o estado do glosolandés. Porén, parece que todo o mundo é consciente do poder da educación para manter e mellorar a identidade dos pobos a través do ensino global dunha lingua.



- PARTICIPACIÓN DO GRUPO



Falta de iniciativa nun primeiro momento e escasa participación na primeira parte do debate na que se toman parte pouco mais dun terzo da clase.



O maior número de puntos de vista son oídos en cuestións de utilidade, léxico e ámbito xurídico, pero o que causou maior reacción foron os temas fóra do debate: oposicións, obrigatoriedade ou non da lingua, galego, catalán…



Aínda que case todos rematan por intervir cando menos unha vez, podemos dicir que a participación foi dun 70‑75%, xa que houbo xente que participou só no momento en que se lles preguntou directamente. Por outra banda, o peso do debate levouno un grupo minoritario reducido de persoas, quen interviñeron en maior número de ocasións e con exposicións máis prolongadas e determinantes. Mais, algunhas veces, o debate sobre algún punto en concreto non acabou máis que en empate, ou sen gran convencemento do que remata por ceder.



- ACTITUDE DO GRUPO ¿líder vs. opinión de grupo?



Aínda que non todo o mundo participou na mesma medida, unhas 8-10 persoas levaron o peso do debate, non houbo liderados individuais que arrastrasen o resto. E, exceptuando ocasións puntuais, a tendencia foi a de chegar a acordos co resto e non a de impoñer as opinións propias.



Podíase detectar (salvo momentos moi puntuais, e quizais xa cara ao final do debate) posturas moi inmobilistas e individualizadas, no sentido de que cada un dos participantes expoñía a súa postura, mais non argumentaba ou achegaba os criterios que o levaran a ela para contrapoñela a posturas diverxentes doutros participantes. O argumento máis utilizado para rebater unha posición da listaxe era expoñer a propia (se non era coincidente), máis non razoar ou tratar de debater propiamente por que a de un e non a do outro deberían ocupar ese posto na listaxe.



Porén, pequenos grupos tomaron case sempre as decisións que se deberían adoitar por maioría, de xeito que a dinámica de debate propiamente tal quedou algo minorada. Ademais, moitas das cuestións que se debateron, foi só entre 3-4 persoas.



A presenza de Goretti como moderadora aumentou na segunda parte, tanto pra empurrar a falar os que aínda non o fixeran como para explicar e dar a súa opinión sobre os enunciados que xeraron máis confusión: ámbito xurídico, recoller todo o léxico e uso do idioma nas baiucas.



- DISPERSIÓN CON RESPECTO AO TEMA PROPOSTO



As desviacións con respecto ao tema proposto foron puntuais, mais bastante abondosas, de especial significación as que comparaban caso do glosolandés (tema do debate) coas linguas máis próximas a nós, é dicir, co do galego (tamén o catalán apareceu nalgúns casos), e incluso se achegaban xustificacións e argumentos con criterios baseados en experiencias persoais. Por veces puido parecer que se perdía totalmente o fío, de non ser pola recondución do debate por parte da moderadora. A dispersión, acentuouse en liñas xerais máis especialmente contra o final do debate.



Anotar tamén que non foi doado chegar a un acordo final, debido, probablemente, en parte a estas desviacións do tema, mais tamén en cuestións de entendemento, percepción e interpretación dos puntos que se viñan dados para expoñer e debater.

Sobre paxaros e convivencia..., recomendado por vós

http://www.youtube.com/watch?v=u5651tdwyXo&feature=player_embedded

Galicia 2098

Quen non ten cabeza ten que andar a estas horas abrindo entradas no caderno dixital!!! Faltaba esta...

Xornadas Lingua e Ecoloxía

Aínda que non poidades acudir a todo, é libre a entrada a calquera das actividades programadas, paga a pena coñecer o Paraninfo da Reitoría e será un bo momento para reflexionardes sobre a situación das linguas do mundo a través doutras voces. Haberá tradución inglés/galego. Pasádeo!!! 


VIII XORNADAS SOBRE LINGUA E USOS: LINGUA E ECOLOXÍA

Lugar: Paraninfo da Universidade da Coruña

Días: 30 de novembro e 1 de decembro de 2011

Organiza: Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración coa Real Academia Galega

Financia: Secretaría Xeral de Política Lingüística


MÉRCORES 30 DE NOVEMBRO

9.30 h
Recepción e entrega da documentación
10.00 h
Acto de inauguración
-          Reitor da Universidade da Coruña
-          Secretario xeral de Política Lingüística
-          Secretario xeral da UDC
-          Directora do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña
-          Representante da Real Academia Galega
10.30 h
CONFERENCIA INAUGURAL
 “Results of growthism and linguistic and ecological homogenisation in education – whose knowledges are valid?”
Conferenciante: Tove Skutnabb-Kangas
12.30 h
Pausa
13.00 h
RELATORIO
"Memoria, ecoloxía e identidade cultural en Galiza"
Conferenciante: María López Sández
17.00 h
RELATORIO
"Do activismo ecolóxico ao activismo lingüístico"
Conferenciante: Teresa Moure
18.30 h
OBRADOIRO
"Obradoiro de narracións ecolóxicas"
Impartido por: Anxo Moure
19.45 h
Pausa
20.00 h
RELATORIO
“Educação para o desenvolvimento sustentável e diversidade linguística: que possibilidades?”
Conferenciante: Ana Isabel Andrade



XOVES 1 DE DECEMBRO
10.00 h
RELATORIO
“Ecofeminismo: unha nova ollada á realidade rural desde o imaxinario literario galego “
Conferenciante: Isabel Vilalba Seivane
11.15 h
RELATORIO
"Para sermos lingüisticamente sustentables"
Conferenciante: Carme Junyent
12.45 h
Pausa
13.00 h
OBRADOIRO
"Obradoiro de músicas vexetais"
Impartido por: Pablo Carpintero

17.00 h
MESA REDONDA
“Activismo ecolóxico e recuperación cultural”
Participantes:
-          Representante de Patrimoniogalego.net: Manuel Gago
-          Representante da Fundación Galicia Verde: Mabel Rivera
18.30 h
Pausa
19.00 h
CONFERENCIA DE CLAUSURA
" Creating a balance between English and local languages”
Conferenciante: Robert Philipson



INSCRICIÓN

Gratuíta a través do formulario que se publica na páxina web do Servizo de Normalización Lingüística (www.udc.es/snl).

O prazo de inscrición remata o venres 25 de novembro de 2011, ás 14:00 h.

Está solicitado un crédito de libre configuración para o alumnado da UDC que asista a esta actividade.

Para obter o diploma de asistencia será preciso acudir ás conferencias programadas

quarta-feira, 16 de novembro de 2011

A rede continúa...

Un novo documental, Fronteiras, que xulgades interesante difundir, sobre a falta de coincidencia entre fronteiras político-administrativas e lingüísticas:

http://video.google.es/videoplay?docid=8384521364641041210#

Un agasallo que nos fixo David

Póñovos esta ligazón que enviastes un de vós e que está estupenda. Vai sobre os (ab)usos do inglés:

http://www.ted.com/talks/lang/es/patricia_ryan_ideas_in_all_languages_not_just_english.html?awesm=on.ted.com_9AQD

sexta-feira, 11 de novembro de 2011

A CRTVG

Como tamén falamos da importancia dos medios de comunicación e, aínda que eu son moi pouco partidaria da tele (moito máis da radio), coido que é moi interesante a reflexión que nos envía Iolanda en formato de vídeo, onde se dá conta do problema que suporía a transformación dunha compañía pública ao servizo do maioría social do país, a través da promoción da súa lingua propia, nunha compañía privada onde só se tivesen en conta os intereses dos mercados. Velaí vai a ligazón:

http://www.youtube.com/watch?feature=player_detailpage&v=GnGr7dYK6bA